Día 4 | Defensa do español ou apoio ao rural en Lugo, contra a crise climática e a fenda de xénero en Pontevedra

Acto do BNG sobre medio ambiente, no miradoiro sobre o río Lérez na antiga ponte do ferrocarril, recentemente inaugurada en Pontevedra, este 10 de xullo CC-BY-NC-SA BNG

Os grandes focos do primeiro luns de campaña apuntaron este 10 de xullo cara ao debate entre Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo convocado por Atresmedia, o único ao que o ex-presidente e actual cabeza de cartel do PP aceptou acudir na carreira electoral do 23X. Non obstante, a axenda das candidatas e candidatos ao Congreso continuou nas diversas circunscricións, tamén nas galegas.

A 'número dous' de Feijóo por Madrid, lucense ex-de Ciudadanos, fai campaña en Lugo cun acto sobre cultura e chama a ter en conta a "ferramenta fundamental que é o español"

Unha das provincias nas que as forzas políticas poñen máis o foco nestes comicios é a de Lugo, unha desas circunscricións de catro escanos nas que hai catro anos existiu equilibrio (2 PP, 2 PSdeG) e que o 23 de xullo poden acabar sendo determinantes para formar maiorías de goberno en función de se continúan ou non sen cambios. En Lugo centrouse na mañá deste luns a cúpula galega do PP, que recibiu a visita da número dous de Feijóo por Madrid, Marta Rivera de la Cruz, lucense de nacemento, actual concelleira de Cultura do Concello madrileño e antiga dirixente e deputada de Ciudadanos.

Paseo electoral de Prado, Conde e outros cargos do PPdeG, con Rivera de la Cruz en Lugo CC-BY-SA PPdeG

A convocatoria lucense consistiu nun paseo polo centro da cidade de Lugo e "un café con membros de Novas Xeracións para falar das propostas do PP en materia de cultura" previo paso por algúns dos postos da Feira do Libro Antigo e de Ocasión. Alí, Rivera asegurou que o Goberno de Pedro Sánchez "esqueceu o que significa a cultura" e expresou que "unha cidade como Lugo, que ten un monumento que é Patrimonio da Humanidade, merecería máis atención", dixo aínda que a xestión da Muralla sexa competencia da Xunta. 

En liña con múltiplas intervencións no pasado -Rivera de la Cruz apoiou activamente como escritora os postulados da asociación Galicia Bilingüe, agora denominada Hablemos Español-, a número dous de Feijóo por Madrid tamén aproveitou a visita á súa cidade natal para defender a lingua española. Cómpre, di, ter en conta que "contamos cunha ferramenta fundamental que é o español, que é un idioma que falan 500 millóns de persoas e que pode ser unha ferramenta competitiva moi forte", ademais de "coidar" as demais linguas oficiais.

Besteiro, con 'Galicia Baleira'

O cabeza de cartel do PSdeG lucense salienta medidas como a cobertura con banda larga en concellos rurais

Tamén na provincia de Lugo, pero en Pol, o cabeza de cartel do PSdeG ao Congreso, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse xunto con outros candidatos socialistas ao Congreso e ao Senado coa plataforma Galicia Baleira, conformada por dirixente veciñais de diversos concellos da contorna. Salienta Besteiro que o actual Goberno de España xa "está a traballar" en aspectos "concretos" para abordar o problema demográfico, tales como chegar "ao 100% de cobertura de banda larga na provincia para 2024".

Encontro de Besteiro e outros candidatos do PSdeG de Lugo para o 23X coa plataforma Galicia Baleira, este luns en Pol CC-BY-NC-SA PSdeG

"Só nós -di Besteiro- defendemos un rural no que se poida traballar e vivir" e nese sentido, di, o programa socialista do 23X asume "moitas" das peticións de Galicia Baleira. Entre elas, destacan algunhas como "mellor atención ás persoas maiores", programas para facilitar "o asentamento de novas familias" en concellos rurais ou contar con "servizos básicos de calidade accesibles a un máximo de 30 minutos". A plataforma asegurou obter máis eco ás súas demandas por parte do PSdeG que do PP ou o BNG.

O BNG fronte ao PP que "branquea o discurso negacionista" sobre a crise climática

O BNG, pola súa banda, comezou a primeira semana completa de campaña expoñendo en Pontevedra algunhas das súas propostas en materia de medio ambiente. Xunto á cabeza de cartel da formación soberanista pola circunscrición pontevedresa, Carme da Silva, Ana Pontón asegurou que o voto ao Bloque tamén é fundamental para "plantar cara a un PP que branquea o discurso negacionista da extrema dereita antigalega" fronte á crise climática.

"Defender a rexeneración integral das rías, un modelo enerxético sustentábel a favor do país e non das eléctricas e reverter o abandono dun rural convertido en polvorín pola desfeita do PP", di, son os obxectivos de iniciativas que, defende, o Bloque xa pon en marcha no ámbito municipal. Neste sentido, Da Silva -edil do goberno no Concello pontevedrés- lembra como, "con decisión e vontade", na cidade deron reducido "o 67% das emisións de dióxido de carbono".

Carme da Silva, Ana Pontón, Miguel Anxo Fernández Lores e Marta Gómez, no acto do BNG sobre medio ambiente en Pontevedra CC-BY-NC-SA BNG

Cuestións coma esta, co foco en Galicia, di Pontón, fican fóra do debate televisivo entre Sánchez e Feijóo "Quen van contar á audiencia, que estiveron discriminando a Galiza ou que para eles somos a última carta da baralla?", pregúntase Pontón. Neste sentido, a líder do Bloque lamenta que populares e socialistas "escapen do debate en clave de país" que ela mesma propuxo. Fano, cre, porque "non teñen nada que dicir aos galegos e galegas, nada que ofrecer agás unha folla en branco".

Sumar aposta por un algoritmo que axude a reducir a fenda salarial de xénero

Tamén na provincia de Pontevedra puxo o foco este luns Sumar Galicia. A súa cabeza de cartel por esta circunscrición, Verónica Martínez Barbero, apela á súa experiencia como alto cargo do Ministerio de Traballo na lexislatura que agora remata para presentar a proposta dun "algoritmo que incorpore toda a información recollida grazas aos instrumentos de transparencia creados" nestes catro anos  e que axude a reducir esa fenda.

O "algoritmo HER", explica Martínez Barbero, pode ter "un efecto especialmente positivo sobre as mulleres, novas, as que máis sofren a fenda salarial". Con esta proposta, enfatiza, Sumar tamén fai que entre en campaña o feito de que "os algoritmos non son neutros" e, agás no caso de que "gobernemos dunha vez a intelixencia artificial", poden seguir reproducindo discriminacións, tamén de xénero.

Martínez Barbero e outras candidatas de Sumar Galicia, este 10 de xullo en Vigo CC-BY-NC-SA Sumar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.