O Goberno de España pretende borrar outro dos vestixios normativos da ditadura. Tras anos de reclamacións por parte de partidos políticos, historiadores ou arquiveiros, o Executivo de Pedro Sánchez ten xa listo o seu anteproxecto de Lei de Información Clasificada. A nivel lexislativo, é un paso importante. Ao cabo, a súa aprobación delimitará por vez primeira o prazo de tempo polo que un asunto pode ser considerado segredo de Estado, o que acaba co carácter indefinido que até agora lle outorgou a lei. O problema, con todo, é que o movemento deixa algunha lagoa destacada. Polo momento, aquelas informacións até agora clasificadas seguirano sendo aínda que xa se superasen os tempos de desclasificación establecidos na nova norma. E iso deixa nun limbo cuestións coma o terrorismo de Estado, as descolonizacións ou o involucionismo nos primeiros compases da democracia.
O anteproxecto da Lei de Información Clasificada mantén como secreta a información que o era ata o momento, deixando no limbo documentación sobre múltiples feitos
A falta dunha desclasificación automática de todos aqueles documentos declarados segredos no máis de medio século de texto franquista é, segundo El País, un paso atrás respecto do que se fixaba en anteriores borradores da norma. "É imposible facer un trato discriminado a toda esa información. Por tanto optamos por mantela tal e como está, salvo que de oficio a autoridade decida desclasificala ou un afectado que teña interese solicite a autorización (...) Nese caso, sería a autoridade competente do ministerio a que decidirá se desclasificalo ou non", indicou en rolda de prensa o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, o departamento que coa aprobación do novo texto asumirá as competencias en materia de segredos. Isto supón un problema para historiadores ou investigadores, quen, a priori, non serían "persoas directamente afectadas".
Non é o único escollo ao redor do anteproxecto. Bolaños tamén explicou que aqueles que queiran acceder a determinados documentos deberán indicar "o seu interese" e as "razóns que xustifican a desclasificación solicitada", así como "identificar pormenorizadamente a información que se solicita". E isto, de novo, é unha dificultade. Ao cabo, cando se fala de segredo o máis lóxico é que se descoñeza, mesmo, a existencia dese documento. Porque non existe unha sorte de índice no que se especifique que papeis están gardados baixo chave. "Non adoita haber nos arquivos un catálogo coa documentación que figura como secreta", explica o historiador Pablo Alcántara, que acaba de publicar La secreta de Franco (Espasa, 2022), unha completa investigación sobre a Brigada Político Social da ditadura.
Dos sucesos de Ferrol ao atentado contra Carrero Branco
O Estado non conta cun catálogo de documentos clasificados, o que impide coñecer que cuestións son secretas para solicitar a súa desclasificación
Por iso mesmo resulta imposible saber de certo que é o que permanece oculto, ter un mapa detallado e completo daqueles papeis encabezados cun "segredo" ou un "reservado" ou daquelas materias sobre as que aínda queda luz por deitar. A pesar diso, hai certo consenso en que aínda quedan documentos clasificados sobre algúns dos acontecementos históricos da ditadura, a Transición ou a democracia. É o caso do accidente nuclear de Palomares (Almería), do que case todo o que foi coñecendo é a través do que foi desclasificando Estados Unidos. "Hai cartafoles reservados, por exemplo, da descolonización de Marrocos, Guinea ou Ifni-Sahara, a Brigada Político Social, o desenvolvemento da Guerra Civil e a actuación de Franco ou a loita contra o terrorismo de toda índole", apuntaba este martes o historiador Joan Esculies nun artigo en La Vanguardia.
En relación con este último punto, un dos asuntos sobre os que seguramente quede información oculta son os Grupos Antiterroristas de Liberación (GAL) e a guerra sucia contra ETA. De feito, unha das poucas veces que o Executivo levou a cabo unha desclasificación -oito veces nos 54 anos que leva en vigor a actual lei- foi para pór sobre a mesa do Tribunal Supremo máis dunha decena de documentos relacionados co terrorismo de Estado. E, xunto a este, o outro clásico cando se fala de segredos oficiais: o intento de golpe de estado do 23-F. Sobre este asunto, o escritor Javier Cercas, autor de Anatomía de un instante, mostrouse convencido nunha entrevista con El Confidencial de que daquela operación involucionista "o esencial xa se coñece" e de que "o aínda secreto" seguramente sexa "irrelevante".
Alcántara, ademais, pon o foco noutros asuntos. Está "seguro" de que aínda queda "información secreta" sobre o atentado contra o almirante chamado a ser sucesor do ditador, Luis Carrero Branco, ou o atentado de ETA en 1974 contra a Cafetaría Rolando, unha explosión na que o réxime tratou de involucrar ao PCE.
Do mesmo xeito, considera que aínda pode haber documentos ocultos relativos á "matanza de Ferrol", en referencia aos sucesos do 10 de marzo de 1972. Aquel día, a protesta obreira que os traballadores do estaleiro Bazán desenvolveron para reivindicaren o seu convenio laboral e protestar contra a ditadura foi violentamente reprimido pola policía franquista. A represión policial incluíu dous asasinatos, os de Amador Rey e Daniel Niebla, así como 40 feridos de bala e máis dun cento de detencións
Alcántara cre que tamén hai documentos por descubirir sobre o asasinato de Pedro Patiño, albanel militante do PCE e CCOO que morreu dun disparo da Garda Civil en Madrid durante a folga do sector da construción de setembro de 1971. "Ou as relacións da BPS -Brigada Político Social- coa PIDE -Policia Internacional de Defesa do Estado- durante a Revolución dos Caraveis", completa o historiador.
Negociación de rescates, compra de armas ou programas militares
Tamén se foi coñecendo nos últimos anos que existe información cuberta pola Lei de Segredos Oficiais a medida que os investigadores foron batendo con este muro. É o que lles ocorreu en 2012 a Álvaro Jimena e Carlos Sanz cando solicitaron acceso aos informes sobre as relacións de España coa China, Xapón e Filipinas de 1975 a 1982 ou as hispano-alemás entre 1970 e 1982.
A petición foilles denegada en virtude dun acordo -tamén oculto- dun Consello de Ministros de outubro de 2010, no que se outorgaba clasificación de segredo a "cuestións que afecten á soberanía, independencia e integridade territorial de España", negociacións sobre secuestros ou a actuación de grupos terroristas e delincuencia organizada. Do mesmo xeito, fixábase como reservado, entre outras cuestións, as "xestións de apoio nas licitacións de empresas españolas no exterior".
Detalles que, en contadísimas ocasións, tamén facilitou o propio Goberno. Sucedeu en febreiro de 1988, cando o daquela ministro de Relacións coas Cortes, Virgilio Zapatero, facilitaba por escrito a dous deputados do Grupo Parlamentario Coalición Popular unha relación de temas clasificados como secretos ou reservados desde 1978. Naquela lista recollíanse varios expedientes sobre "compra de material militar", "instalacións militares" ou "telecomunicacións" -non se daban máis detalles-, así como "actas" da Comisión Interministerial de Exportación de Armas.
Ademais, púñanse sobre a mesa aqueles temas "obxecto de clasificación" pola Xunta de Xefes de Estado Maior da Defensa, un órgano que xa nin sequera existe. Nesta listaxe incluíanse, entre outros moitos, os programas de guerra electrónica, o programa bomba aire-combustible, o proxecto de investigación do sistema de bombas guiadas por láser, a organización e funcionamento do Servizo de Información do Exército de Terra ou todo o relacionado co Palacio de Marivent, a residencia de verán dos reis de España.