Eurodeputados de sete países, incluída a galega Ana Miranda, interésanse por eivas ferroviarias como as que a UE investiga tras Angrois

Ana Miranda, durante un pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo CC-BY-NC-SA BNG

Oito eurodeputados de sete países distintos integrantes do grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea (ALE), do que forma parte o BNG, veñen de interesarse ante a Comisión Europea pola situación da seguridade ferroviaria en toda Europa tras varios sinistros con vítimas mortais en diversos países. Entre outras cuestións, os eurodeputados preguntan á Comisión Europea polas investigacións que ten en curso en materia de seguridade ferroviaria, como a que mantén aberta desde hai catro anos a España por cuestións clave no accidente de Angrois. 

Vítimas de Angrois e Ana Miranda nunha reunión con responsables da Axencia Ferroviaria Europea CC-BY-NC-SA BNG

Os eurodeputados que asinan as preguntas parlamentarias agora formuladas á Comisión son a galega Ana Miranda, dúas eurodeputadas alemás e representantes de Francia, Italia, Suecia, Irlanda e Luxemburgo. No seu escrito lembran que “varios accidentes recentes suscitaron preocupación pola seguridade ferroviaria”, e citan a morte de 57 persoas en Grecia, a colisión de dous trens en Romanía ou un descarrilamento nos Países Baixos nos que morreu unha persoa e varias máis resultaron feridas”.

Integrantes de Verdes/ALE de Alemaña, Francia, Italia, Suecia, Irlanda e Luxemburgo preguntan á UE por accidentes en toda Europa e cuestionan se a súa Axencia Ferroviaria, crítica con España por Angrois, conta con recursos suficientes para supervisar

Ante esta situación os eurodeputados piden á Comisión que informe “de todas as investigacións en curso da Comisión e da Axencia Ferroviaria da UE sobre seguridade ferroviaria, así como de todos os casos nos que os requisitos da UE en materia de seguridade ferroviaria foron traspostos de forma incorrecta ou incompleta” polos estados membros. Por esa cuestión a Comisión Europea abriu no seu momento un procedemento de infracción contra España por non garantir, como esixe a normativa europea, a independencia da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), cuestionada pola Axencia Ferroviaria Europea porque en Angrois só analizou a responsabilidade do maquinista. 

A Comisión tamén ten aberto outro procedemento contra España polo xeito en que analiza os riscos do sistema ferroviario, cuestión clave no accidente de Angrois pola que está a ser xulgado tamén un ex-director de Seguridade de Adif.

Carta da Comisión Europea a Ana Miranda revelando hai catro anos a apertura dunha investigación a España por "deficiencias" nas "avaliacións de riscos" ferroviarias, cuestión clave no accidente de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Os eurodeputados tamén preguntan á Comisión se considera que as competencias e financiamento da Axencia Ferroviaria Europea son “suficientes” para axudala “a identificar e abordar os problemas de seguridade ferroviaria”. Igualmente preguntan se considera necesario “introducir cambios lexislativos no marco da seguridade ferroviaria”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.