Feijóo asiste aos Goya tras obviar 14 galas dos Mestre Mateo como presidente da Xunta

Feijóo conversa na gala dos Goya con Fernando Méndez-Leite, presidente da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España, co actor Diego Anido en primeiro termo, nunha imaxe difundida polo PP © PP

O 15 de abril de 2008 celebrouse no Teatro Jofre de Ferrol a gala de entrega da sexta edición dos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. A cerimonia asistiran o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño (PSdeG), e mais a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo (BNG). Esa foi, ata agora, a última ocasión na que un presidente do Goberno galego acudiu á considerada como gran noite do audiovisual galego, onde se recoñecen os mellores traballos do sector no ano anterior.

O último presidente da Xunta que acudiu á gala do audiovisual galego foi Touriño en 2008

Ao ano seguinte a cita foi en Pontevedra o 30 de abril. Había apenas dúas semanas que Alberto Núñez Feijóo tomara posesión como presidente da Xunta tras gañar o PP por maioría absoluta as eleccións galegas daquel ano. Feijóo non acudiu á gala e no seu lugar enviou a quen foi o seu primeiro conselleiro de Cultura, Roberto Varela.

O presidente Emilio Pérez Touriño (PSdeG) e a súa esposa, a conselleira de Cultura Ánxela Bugallo (BNG), a presidenta do Parlamento Dolores Villarino (PSdeG) e outros cargos, na gala dos Mestre Mateo de 2008, a última á que asistiu ata agora un titular do Goberno galego © Academia Galega do Audiovisual

Nos anos sucesivos , a dinámica foi a mesma. A representación do Goberno na gala dos Mestre Mateo correu a cargo dos sucesivos conselleiros con competencias en materia de Cultura (tras Varela, Jesús Vázquez e Román Rodríguez) e de representantes de entidades da Xunta ligadas ao sector, caso do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. Pero malia aos convites anuais, Feijóo non acudiu a ningunha das catorce galas dos Mestre Mateo que se celebraron mentres ostentou a presidencia. A última, o 19 de marzo de 2022, cando faltaba mes e medio para a súa dimisión pero xa anunciara que abandonaba a presidencia para liderar o PP.

Esas ausencias nos premios do audiovisual galego contrastan coa presenza de Feijóo, a pasada fin de semana, na primeira gala dos Premios Goya que se celebra dende que accedeu ao liderado do seu partido, á que acudiron tamén o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e varios membros do seu Executivo. O ex-presidente e xefe de filas do PP asistiu ao evento celebrado en Sevilla acompañado pola súa parella e, a través das redes sociais, manifestou que acudira para "apoiar a cultura, un dos nosos grandes patrimonios".

Feijóo xa acudira aos Goya en 2010 como presidente

Tras a gala, cualificouna como "magnífica velada". Tamén transmitiu unha "felicitación moi especial ao meu dobre Luis Zahera, que hoxe recibe o seu segundo Goya" polo seu papel n'As Bestas, de Rodrigo Sorogoyen. Esta non foi, así e todo, a primeira vez que acudiu aos Goya. Xa o fixera como presidente da Xunta en 2010, ano no que un dos grandes triunfadores fora o filme Cela 211, protagonizado por Luís Tosar, coproducido pola galega Vaca Films, participado pola CRTVG e con financiamento da propia Xunta. Daquela, ademais, o patrocinio do Xacobeo estivera presente na gala, celebrada en Madrid.

O vindeiro 11 de marzo celébrase en Ourense a gala dos XXI Premios Mestre Mateo. Descoñécese polo momento se acudirá o sucesor de Feijóo na presidencia, Alfonso Rueda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.