Feijóo busca o seu plebiscito virando as eleccións galegas nunha sondaxe "sobre o que acontece en España"

Ayuso, Feijóo e Rueda, nun acto en Madrid o pasado 8 de xaneiro © PP

A finais de 1991 Galicia transitaba polo ecuador da primeira lexislatura baixo o Goberno de Manuel Fraga por maioría absoluta e o PP de Galicia acaba de consolidar a súa estrutura como tal. Fíxoo nun congreso cuxos documentos políticos formulaban como "desafío máis destacado" o de "ofrecer a Galicia un modelo de sociedade centrado nun nacionalismo moderado". 

O ex-presidente e actual líder do PP dá en asegurar que as eleccións galegas servirán para que o electorado se "manifeste sobre se o que acontece en España lle gusta ou non"

Tratábase, dicían os populares, de "facer compatible a nosa primeira e radical identidade galega cunha pertenza a ámbitos máis amplos", desenvolvendo un "principio de autoidentificación" traducido no "dereito dos galegos a ser galegos con todas as súas consecuencias". Consolidábase así o proceso no que o PPdeG aglutinou baixo as súas siglas os restos da dereita máis ou menos galeguista que puidese ficar, dotándose dunha estrutura notablemente autónoma a respecto da dirección estatal do partido, que o propio Fraga viña de deixar nas mans de José María Aznar.

Rueda observa a Feijóo durante o seu acto de toma de posesión como presidente da Xunta, no Parlamento en maio de 2022 © David Mudarra / PP

Aquel PPdeG e a súa personalidade comezaron a esmorecer en boa medida coa decadencia do fraguismo dende a crise do Prestige (2002-2003) e ata a perda da Xunta en 2005. Actualmente, os populares galegos viven unha caste de situación inversa, cun ex-presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, á fronte da dirección estatal do partido. Dende alí pretende virar as eleccións galegas do 18 de febreiro nunha caste de plebiscito sobre o Goberno de Pedro Sánchez e, por extensión, sobre o seu propio liderado.

Rueda pasou de apostar por unha galeguización do debate cara ao 18F a sinalar a Pedro Sánchez como o seu rival e arrodearse do discurso de cargos como a madrileña Díaz Ayuso

Despois de non dar gobernado malia o ascenso logrado nas eleccións xerais do 23 de xullo do pasado ano, Feijóo defende que "os galegos van ser o primeiro pobo en España" coa oportunidade de "manifestarse sobre se o que acontece en España lles gusta ou non", sostivo o pasado luns durante un almorzo informativo en Madrid. "Quero dicir á maioría de españois que non se preocupe, que terá a oportunidade de afirmar equivoqueime unha vez e non o farei unha segunda; farano en Galicia, no País Vasco e o 9 de xuño nas eleccións europeas", indicou poucos días antes.

Estas consideracións do ex-presidente dilúen de vez as promesas do seu sucesor, Alfonso Rueda, referidas a formular a carreira electoral de Galicia en clave galega. Así, o propio candidato vén protagonizando nos últimos días diversas declaracións públicas nas que mantén que o seu principal rival no 18F non é Ana Pontón, candidata do BNG, nin José Ramón Gómez Besteiro, cabeza de cartel do PSdeG, senón Pedro Sánchez. Así o manifestou, por exemplo, nunha entrevista con El Confidencial ou noutra concedida a La Razón, onde sostivo que "Sánchez tamén se presenta ás eleccións" galegas

Rueda, nun acto con líderes autonómicos do PP, o pasado 14 de xaneiro na Coruña CC-BY-SA PPdeG

Este marco refórzano aínda máis os populares con eventos como o que, a pasada fin de semana, organizaron na Coruña, onde líderes territoriais do partido compartiron protagonismo con Rueda. Alí, cargos como a madrileña Isabel Díaz Ayuso consideraron que o PP debe vencer o 18F porque "non nos poden roubar España". Pero tamén deixou un recado: se a esquerda logra gobernar a Xunta, "a Feijóo pódenlle complicar máis as cousas" e por iso o "atacan" na "súa casa". Este martes, nun almorzo informativo da axencia Europa Press, a propia Ayuso volveu axitar supostos riscos dun Goberno galego do BNG.

Pola banda da esquerda interprétase que esta estratexia de Feijóo pode evidenciar que o PP tenta fuxir do debate sobre asuntos competencia da Xunta e, ao tempo, aguilloar o electorado urbano que optou por formacións progresistas nas eleccións xerais e adoita absterse nas galegas

Con este pano de fondo, e con parte do que fora equipo de Feijóo na Xunta volvendo desembarcar en Galicia -mesmo xerando incomodidade na contorna de Rueda-, pola banda da esquerda non desagrada que Feijóo busque virar Galicia nun plebiscito para si en clave estatal. Na contorna do Bloque observan esta estratexia como unha mostra de desconsideración dos populares cara a Galicia, reducindo os comicios galegos a un episodio máis das "batallitas madrileñas" no que, coidan, buscan inserir cuestións como a amnistía aos políticos cataláns para evitar falar de asuntos da competencia da Xunta, como a sanidade, a política social ou a vivenda.

Pero tamén no PSdeG e na dirección federal do PSOE coidan que a estratexia dos populares pode acabar virando en oportunidade para a esquerda. Por poder actuar como aguillón no electorado urbano que apoiou a Pedro Sánchez nas eleccións xerais e adoita absterse nas galegas. E porque no seu caso, aseguran, a participación de cargos estatais na carreira electoral cara ao 18F terá como obxectivo reforzar "a axenda galega". Así se demostrará, manteñen, na convención política que se dispoñen a celebrar a vindeira fin de semana na Coruña, con Pedro Sánchez á fronte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.