"Quero que España se pareza a Madrid", di Feijóo tras década e media propoñendo Galicia como exemplo para o conxunto do Estado
Durante anos, especialmente cando no Estado non gobernou o PP, Alberto Núñez Feijóo presentou a súa xestión persoal á fronte da Xunta e a propia maneira de ser da sociedade galega como un exemplo ou modelo do que ao seu ve debera ser o conxunto de España. Así o seguiu facendo durante un tempo tras a súa marcha a Madrid hai dous anos e medio como líder estatal dos populares. Pero o centralismo do debate político foino facendo virar de discurso e este luns proclamou que quere "que España se pareza a Madrid".
Foi na cea de Nadal do PP de Madrid, coa súa presidenta Isabel Díaz Ayuso como gran protagonista, onde Feijóo mudou de vez Galicia por Madrid como exemplo político. O popular iniciou o seu discurso facendo ver que, fronte a supostas liortas internas, ten moi boa relación con Díaz Ayuso, á que deu grazas por invitar ao acto "a este humilde deputado pola circunscrición de Madrid", pola que se presentou nas pasadas eleccións xerais tras desembarcar inicialmente nesa cidade como senador por designación do Parlamento de Galicia e mudar pouco despois o seu empadroamento para deixar de ser galego e pasar a ser madrileño.
Feijóo mesmo deu grazas á presidenta Díaz Ayuso por invitar ao acto "a este humilde deputado pola circunscrición de Madrid"
Contra o remate do seu discurso, Feijóo proclamou que Pedro Sánchez "non soporta todo o que representa Madrid". Así que dixo que o seu "propósito de ano novo é moi claro": "non me vou conformar con que España quede sumida na decadencia, quero que España se pareza a Madrid, como polo de investimento, como lugar de formación, como lugar de atracción de talento, como lugar xerador de riqueza".