Feijóo di ver "correcta" a lei do aborto agora avalada polo Constitucional, cuxa derrogación apoiou dende a Xunta

Feijóo fala con Rueda no Consello da Xunta do 9 de xaneiro de 2014, tras o cal valorou a preguntas da prensa a contrarreforma da lei do aborto que impulsaba o Goberno de Rajoy CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A principios de 2014 boa parte do debate político xiraba en torno á contrarreforma do dereito ao aborto que impulsaba o Goberno do PP de Mariano Rajoy a través do daquela ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón. O anteproxecto, denominado Lei Orgánica de Protección da Vida do Concibido e os Dereitos da Muller Embarazada, prevía derrogar a lei de prazos do ano 2010 -coa posibilidade de interromper voluntariamente a xestación ata a semana 14- e impoñer unha norma de supostos máis restritiva que a de 1985.

Naqueles días, mesmo algúns dirixentes do PP amosaran publicamente a súa incomodidade co texto. O daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non fora un deles. Tres anos despois de protexer por lei en Galicia a organización antiabortista Red Madre, Feijóo comezou instando a agardar o trámite parlamentario da norma por se fosen introducidas modificacións no texto e acabou apoiando a derrogación da norma de 2010. A mesma que neste 2023 vén de ser avalada polo Tribunal Constitucional, que coa súa nova composición rexeita o recurso interposto polo PP contra ela hai doce anos.

Alberto Núñez Feijóo opina sobre a 'lei Gallardón' e a derrogación da lei do aborto de 2010 tras o Consello da Xunta do 9 de xaneiro de 2014

Tras transcender o pasado xoves a decisión do TC, o agora líder estatal do PP considerou unha "boa noticia" que a corte de garantías ditaminase "a constitucionalidade dunha lei que se aproba hai dez anos" e, alén da cuestión de forma, mantivo que a súa "opinión persoal" consiste no "dito xa hai tempo". A súa posición, di, vén sendo que "unha lei de prazos ben construída é unha lei correcta en termos xerais" e "unha formulación que merece o meu respecto" e que ademais, agora, é "constitucional".

En plena controversia pola contrarreforma que impulsaba o ministro Ruiz-Gallardón, o ex-presidente e actual líder do PP defendera que buscaba "recuperar o consenso tácito" da lei de 1985 e opúñase a de 2010, que recorreran os populares, por vela "imposta", "sen apoios suficientes" e "unilateral"

O ex-presidente mantén que esta é a súa postura actual, pero tamén que a sostén dende "hai tempo", o cal non se corresponde co manifestado durante o impulso da coñecida como lei Gallardón, que acabara sendo retirada e custándolle o posto ao ministro tras meses de intensas mobilizacións do movemento feminista. Así, por exemplo, o 9 de xaneiro daquel 2014 defendeu que o anteproxecto de Ruiz-Gallardón estaba "buscando recuperar o consenso tácito" da lei do aborto de 1985. Tratábase, agregara, de "buscar unha lei que teña puntos de coincidencia substanciais coa que estivo en vigor durante 25 anos e derrogar a lei do ano 2010".

Entre os motivos que Feijóo esgrimía para a derrogación da lei de prazos é que fora "imposta", aprobada "sen apoios suficientes" e de maneira "unilateral" polo Goberno do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero. En realidade, foi avalada pola maioría absoluta do Congreso, 184 votos de propio PSOE, PNV, do grupo que daquela formaban ERC, IU e ICV, BNG, Nafarroa Bai e dous membros de CiU. No Senado tivera 132 votos a prol, 126 en contra e unha abstención. 

Membros do Goberno de Zapatero e dos grupos parlamentarios do PSOE, con colectivos feministas no Senado tras a aprobación definitiva da lei do aborto en 2010 © PSOE

O ex-presidente afirmaba tamén que a reforma da lexislación sobre a interrupción voluntaria do embarazo non figurara no programa electoral de Zapatero en 2008. En realidade, aquel documento si anunciaba a intención de "promover a reflexión, atendendo ao debate social, sobre a vixente Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo e a posibilidade de modificala coa fin de garantir a equidade no acceso e á calidade desta prestación sanitaria". Nas semanas seguintes, reiterara eses argumentos a preguntas da oposición no Parlamento, onde en todo caso optara pola ambigüidade sobre a súa posición a respecto do dereito ao aborto.

O aval do Tribunal Constitucional á lei do aborto do ano 2010 chega, en todo caso, cando está na súa recta final o trámite parlamentario da nova lei de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo aprobado, impulsada polo Ministerio de Igualdade do actual Goberno do PSOE e Unidas Podemos. Entre as novidades da norma, destacara a ministra Irene Montero, figura a "devolución ás mulleres de 16 a 18 anos e ás mulleres con discapacidade a posibilidade de decidir sobre os seus propios corpos, en coherencia co establecido nos estándares internacionais". Feijóo vén defendendo que entre os 16 e os 18 anos a decisión dependa en última instancia do que ditamine un xulgado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.