- Unha obviedade e catro mentiras sobre o AVE galego
- A Xunta segue sen querer dotarse de persoal especialista en trens malia que os seus gobernos levan anos opinando do AVE
A liña de alta velocidade ferroviaria Madrid-Galicia non vai estar en servizo no ano 2019. É sabido dende os primeiros meses de 2017 e quedou plasmado tanto nos penúltimos Orzamentos Xerais do Estado do Goberno de Mariano Rajoy como nos últimos contratos para estas obras licitados aínda cos populares no Goberno central, que deixaron aberta a posibilidade de que as obras non rematasen ata 2020 sen ter en conta os 17 quilómetros que unirán Taboadela e Ourense cando estea rematado ese treito na contorna de 2024. Malia estas e outras evidencias técnicas, o cambio de signo político no Goberno de España provocou que dende a Xunta e o PP se comecen a amosar prazos xa previstos como unha suposta aldraxe a Galicia, estratexia na que o Executivo galego vén de afondar esgrimindo un "informe" de seguimento das obras, ao xeito do que xa fixera hai sete anos, aínda con José Luis Rodríguez Zapatero en La Moncloa.
En 2011 os populares galegos chegaron a lanzar advertencias por prazos de dez días, agora a Xunta di ter un "cronograma" no que "cada día conta"
Este venres, tras a reunión semanal do Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo asegurou que o seu gabinete viña de examinar un "informe" que o Goberno galego non divulgou, pero que segundo a información difundida á prensa contén "un cronograma axustado no que cada día conta" e que implica "avaliar de forma puntual e exhaustiva" máis "dun cento de contratos". O documento que esgrime o Goberno popular, di Feijóo, serve para concluír que o "o obxectivo de rematar as obras do AVE galego é viable e está avalado polos técnicos de Adif", polo que só resta "vontade política" para "axilizar as licitacións xa autorizadas e as adxudicacións pendentes e a presión sobre as empresas adxudicatarias das obras para o estrito cumprimento dos prazos.
Esta argumentación e o propio feito de esgrimir un "informe" de fiscalización practicamente diaria para dubidar de que o Goberno do PSOE vaia cumprir coa construción da liña do AVE supón regresar a un escenario moi semellante ao propiciado polos populares galegos na primavera de 2011. Daquela, en vésperas das eleccións municipais, o PP galego deu en desbotar o clima de entendemento a respecto desta infraestrutura que mantivera con quen na altura era ministro de Fomento, o socialista José Blanco. Os populares deron en advertir a Blanco con prazos de apenas 10 días para non dar por incumprido o chamado Pacto do Obradoiro, que o ministro e o propio Feijóo asinaran para o remate das obras en 2015.
Dende os primeiros meses de 2017 é sabido que o AVE Madrid-Galicia non estará en servizo en 2019 e que os 17 quilómetros entre Taboadela e Ourense non estarán rematados, cando menos, ata a contorna de 2024
Unha parte central dos "informes" lanzados pola Xunta naquel 2011 implicaba que o prazo non ía ser cumprido porque o devandito treito de Taboadela a Ourense estaba moi atrasado -aínda non se movera unha pedra- e, polot anto, ata que non estivese finalizado non era posible considerar que o AVE chegara a Galicia. Cando o PP volveu ao Goberno de España a Xunta e o PP galego pasaron a considerar posible falar de AVE malia á obvia demora deste treito e este mesmo venres Feijóo evidenciaba que "a execución" destre teito é "complexa" e "requiriría unha tramitación incompatible co prazo comprometido", polo que "mentres se avanza neses trámites", a Xunta concorda coa solución provisional fixada na etapa do ministro popular Íñigo de la Serna.
O lanzamento dun informe contra o Goberno de Sánchez, como antes sucedera co ministro Blanco, chega nun contexto no que o novo ministro de Fomento, José Luis Ábalos, manifestou a súa vontade de comprobar se algún dos prazos fixados responde a un "engano", pero tamén se produce nun momento no que as obras dependen fundamentalmente do seu desenvolvemento técnico e non de decisións gobernamentais, xa que están na súa fase final. Segundo Feijóo, no entanto, o "informe" da Xunta -ao contrario do de hai sete anos, o Goberno galego non divulgou un cronograma- deixa claro que todo é cuestión de "vontade política".