Fin ao preito histórico por Bonaval: o templo é da Igrexa, o Panteón é de Galicia

Interior do templo de San Domingos de Bonaval, que acolle o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres © Santiago Turismo

O convento de San Domingos de Bonaval estivo atinxido pola desamortización de 1835 e o Concello de Santiago inscribiu o templo ao seu nome en 1959. A Igrexa comezou a litigar por el nos 90, molesta por actos organizados no espazo, e gañou nos tribunais

En 1835 a desamortización fixo pasar a titularidade do convento de San Domingos de Bonaval da Igrexa católica ao Concello de Santiago. Foi un traspaso sen referencias específicas ao templo do recinto, que en plena ditadura foi inscrito polo goberno local ao seu nome no Rexistro da Propiedade. Ese rexistro, en 1959, chegou sete décadas despois de que o propio consistorio, xunto a Sociedade Económica de Amigos do País e outras entidades impulsasen o traslado a Bonaval dos restos de Rosalía de Castro, facendo xermolar o Panteón de Galegos Ilustres.

O templo foi transitando polo tempo como espazo a medio camiño entre a obvia orixe católica e a titularidade civil ata que, nos anos 90, a organización no lugar de eventos coma un desfile de moda molestou á Igrexa, que decidiu litigar pola propiedade. Sucesivas sentenzas déronlle a razón ata chegar ao Supremo a comezos deste século, o que deu lugar a accións como un pacto coa Xunta para abrilo ao público e organizar actos institucionais cinco días ao ano dentro do "respecto á natureza da Igrexa". 

Xuntanza no Parlamento para constituír a fundación que xestionará o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, o pasado outubro © Concello de Santiago

Así e todo, numerosas entidades culturais advertían reiteradamente do "desleixo" que atinxía, mesmo materialmente, ao lugar onde tamén repousan os restos de Brañas, Asorei, Fontán e Castelao. Un "baleiro normativo" que, tras moitas negociacións e fiar moi fino, comezou a emendarse o pasado 2023, coa aprobación da Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, que erixe o histórico espazo en "símbolo da identidade do pobo galego e da súa continuidade histórica" e pon a súa xestión nas mans dunha nova fundación dependente do Parlamento.

No marco do amplo acordo para xestionar o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, xa avalado por lei, o Concello de Santiago cancela o rexistro que puña ao seu nome todo o recinto de Bonaval e realizará un novo especificando que o Arcebispado é titular da igrexa, a capela do Rosario e a súa contorna

Con todo este pano de fondo, os restos do litixio que aínda pervivían chegan á súa fin. Tres anos despois dos últimos autos xudiciais ao respecto, o Concello de Santiago dá en poñer definitivamente fin ao preito. Así, o goberno local que encabeza Goretti Sanmartín (BNG) atende a declaración da "propiedade do Arcebispado sobre a Igrexa de San Domingos de Bonaval, a capela do Rosario e o cemiterio" do lugar e finaliza, explica a voceira municipal, Míriam Louzao, o "longo percorrido que comezou nos anos 90".

A Xunta de Goberno Local deste 9 de decembro aprobou definitivamente cancelar a inscrición no Rexistro da Propiedade do "conxunto do Ben de Interese Cultural de San Domingos de Bonaval" para realizar unha nova. Nela, detalla, "especificarase a distribución entre dous propietarios: o Concello como titular de todo o recinto, incluída a parte cedida ao Museo do Pobo Galego e o Arcebispado, que queda coa titularidade da igrexa, a capela do Rosario e estanzas anexas".

Sartego de Castelao no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres CC-BY-SA Parlamento de Galicia

Subliña Louzao que o marco desta decisión é precisamente o amplo acordo arredor da nova xestión do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. Fano tras constatar "avances" para constituír a fundación entre o Parlamento, o Concello, o Arcebispado e a Xunta e evidenciando a "satisfacción" por "encamiñar a resolución dun longo conflito" que implica "dar pasos para facilitar a apertura e dignificación dun espazo de gran simbolismo e transcendencia para o noso país"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.