Fomento anuncia novos cortes de carrís polas obras de Rande inauguradas por Rajoy e Feijóo hai mes e medio

Carril ampliado da ponte de Rande CC-BY-SA Praza Pública

Un mes e medio despois de que os presidentes Rajoy e Feijóo inaugurasen o pasado 30 de decembro a ampliación da ponte de Rande de dous a tres carrís por sentido, este luns 12 de febreiro o Ministerio de Fomento vén de anunciar novas restricións de tráfico para rematar os traballos que quedan pendentes nela. Serán obras de asfaltado dos vellos taboleiros centrais do viaduto, e non dos novos carrís engadidos polas súas beiras exteriores, ratificándose así as presas da concesionaria, Audasa, para rematar canto antes as obras desa ampliación e poder cobrar por ela canto antes malia que os traballos sigan na parte máis antiga da infraestrutura. Unhas obras pendentes cuxas restricións farán que, mentres duren, a circulación pola ponte estea máis limitada que antes da ampliación acelerada por Audasa, xa que só estarán habilitados dous carrís por sentido pero os condutores non poderán desprazarse libremente entre eles para adiantar.

Na noite deste 12 de febreiro comeza o asfaltado dos taboleiros centrais da ponte e o ministerio di que “se prevé que os traballos finalicen antes da época estival”

A nota de prensa divulgada este luns por Fomento indica que na noite deste luns 12 de febreiro comezará o asfaltado dos taboleiros centrais da ponte “e traballarase de forma continua para minimizar a duración da restrición, que tamén dependerá das circunstancias meteorolóxicas”. A nota indica que se procurou programar os traballos para “os meses con menor volume de tráfico” e engade que “se prevé que os traballos finalicen antes da época estival”, sen aclarar se iso implica que os cortes de carrís, que non serán só en horario nocturno como anunciara en decembro o ministro De la Serna, se van estender ata o verán ou serán outro tipo de traballos os que continuarán aínda varios meses sen afectar ao tráfico.

Nesa liña ambigua de considerar que a obra da ampliación de Rande estaba rematada malia que os traballos seguen a producir restricións, a nota di que o 30 de decembro, cando Goberno e Xunta falaron de “inauguración”, realmente “abríronse ao tráfico as calzadas laterais da Ponte de Rande dentro das obras de ampliación da AP-9 a tres carrís por sentido”, matiz ao que se engade que o asfaltado do taboleiro central que se realizará agora vai “en consonancia co programa de obras” aínda non rematado.

Só estarán dispoñibles dous carrís por sentido pero sen posibilidade de desprazarse entre eles

Fomento facilita dous esquemas sobre como serán desviados os tráficos dun ou doutro taboleiro central no que se traballe en cada momento cara os carrís exteriores ou o outro taboleiro central que quede en servizo, de xeito que só estarán dispoñibles dous carrís por sentido pero sen posibilidade de desprazarse entre eles.

Aos dez días da inauguración Fomento xa tivo que restrinxir o tráfico polo novo carril máis próximo a un colexio de Chapela para reducir o risco dun accidente

Estes non son os únicos traballos sen rematar tras a inauguración por parte das autoridades. Tamén están pendentes de executarse diversas obras de integración urbana da autoestrada por importe superior aos 11 millóns de euros ao seu paso polos barrios de Teis e Chapela, onde mesmo hai que construír un novo colexio noutro emprazamento xa que a ampliación pasa demasiado preto do actual. Esa situación xa obrigou a Fomento a construír un muro de protección e, aos dez días da súa inauguración, restrinxir o tráfico polo carril ampliado máis próximo ao centro educativo para reducir o risco dun accidente.

Esquemas dos cortes de carrís en Rande durante as noites anunciados por Fomento Dominio Público Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.