Fomento axita ante Feijóo o "non" ao traspaso da AP-9 no aniversario das eleccións nas que o prometeu

Feijóo, con Íñigo de la Serna este luns en Ferrol © Ministerio de Fomento

Este 25 de setembro foi xornada de discreta celebración nas filas do PPdeG. Un ano despois das eleccións nas que acadaron a terceira maioría absoluta consecutiva os conservadores non organizaron ningún acto específico para celebrar a efeméride, pola que difundiron un breve vídeo e á que o vicevoceiro parlamentario, Pedro Puy, puxo voz para aplaudir un ano "frutífero en todos os sentidos". Mentres, na axenda oficial do presidente da Xunta figurou un único acto; unha visita a Ferrol co ministro de Fomento para inaugurar as obras da conexión ferroviaria do porto de Caneliñas. Alí, ante Alberto Núñez Feijóo, Íñigo de la Serna axitou o "non" á que fora unha das promesas máis claramente explicitadas no programa electoral co que o PPdeG gañou aquel 25S: o traspaso de competencias sobre da autoestrada AP-9.

De la Serna reitera en Ferrol que o Goberno de España non vai ir alén de abordar as decisións relativas da AP-9 en encontros coa Xunta

Apenas semana e media despois de que a presidenta do Congreso, Ana Pastor, culminase coa súa sinatura o bloqueo á lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia para solicitar a transferencia, De la Serna deixou claro ante a prensa que non se moveu un centímetro nesta cuestión dende que chegou ao cargo. O Goberno de Mariano Rajoy, resaltou o ministro, non vai ir alén do que define como "sistema de xestión compartida", isto é, de tratar as decisións sobre a AP-9 en xuntanzas específicas coa Xunta sen que isto implique ningún cambio na titularidade da infraestrutura.

O segundo veto do Executivo de Rajoy ao traspaso foi ratificado pola presidenta do Congreso, Ana Pastor

A xuízo do titular de Fomento cómpre salientar que "levamos a cabo xa" algúns dos "compromisos que adquirimos", como "asumir a parte correspondente da Xunta nas bonificacións das peaxes nalgúns tramos". E ademais, gábase, "estamos dando sobradas mostras de diálogo, de traballo conxunto e de toma de decisións qeu claramente favorecen unha mellor xestión da AP-9". "Esa -conclúe- é a vía que temos en marcha e que imos fortalecer coa Xunta" cara a actuacións como "o que é a posta en marcha da ponte de Rande", en referencia ás obras de ampliación. 

Na súa nova xustificación ao bloqueo do traspaso o ministro obvia, non obstante, que o segundo veto á lei no Congreso está sustentado nun informe do seu propio departamento inzado de erros e imprecisións, tales como a estimación dun eventual rescate da autoestrada -que a lei galega non pide- ou o cálculo dunha hipotética rebaixa de peaxes nas devanditas bonificacións, cuxo cálculo foi modificado o pasado xullo tras admitir Fomento que Audasa obtivo un "enriquecemento inxusto" con elas. De la Serna tampouco se referiu desta volta ao argumento que agregou o pasado xullo entre o catálogo de motivos para o "non" ao traspaso: a necesidade de non "desmantelar" o Estado ante a convocatoria do referendo catalán, tese á que Feijóo se adheriu con "lealdade".

Referencia no programa electoral do PPdeG aos traspasos de competencias, entre elas a da AP-9

A oposición ve "humillación", "neocentralismo" e "submisión"

A coincidencia da nova negativa de De la Serna co primeiro aniversario da terceira vitoria do PPdeG con Feijóo á fronte foi aproveitada pola oposición parlamentaria para ver neste episodio un resumo dos doce meses transcorridos dende as eleccións galegas. Para o voceiro de En Marea, Luís Villares, neste tempo Feijóo "renegou de Galicia" a comezar pola AP-9 malia contradicir unha "posición unánime do Parlamento". "Recibiu unha fuciñada reiterada do seu partido unido" culminada por Ana Pastor no Congreso. Esta situación, di Villares, "non pode ser considerada máis que de humillante por unha persoa que sustenta a única maioría absoluta do Estado".

En Marea, PSdeG e BNG ven no veto á lei da AP-9, aprobada por unanimidade en Galicia, un resumo da xestión de Feijóo neste ano

Para o voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, neste ano quedou claro que Feijóo non só non favoreceu o traspaso, senón que o "lastrou", dende o seu punto de vista, para "preparar o seu probable futuro desembarco en Madrid". De aí vén, sinala a "posición pasiva do presidente da Xunta na defensa dos intereses de Galicia" ante o Goberno central, e por iso "admite o veto ao debate da transferencia da AP-9 sen argumentos e con tretas regulamentarias" nun contexto de avance do "neocentralismo" do PP.

Dende o BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, di ter claro que "nestes meses comprobamos" como Feijóo "acepta submisamente todos os desplantes e discriminacións que o Estado ten co noso país". "Feijóo -acusa Pontón- practica o si, bwana a todo o que vén de Madrid- mentres permanece "sentado nun diván, elucubrando entre a psicanálise e o insulto" para "faltar ao respecto aos galegos e galegas que non pensamos coma el", di en referencia ás recentes críticas do presidente ao soberanismo galego, ao que ve "acomplexado". "Mellor nos iría se deixase de xogar a ser Sigmund Freud e recadeiro de Rajoy", ironiza Pontón.

Feijóo e Rajoy, nun mitin da campaña das eleccións galegas CC-BY-SA PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.