Formoso anuncia primarias en setembro no PSdeG, ao que ve na "obriga" de presidir a Deputación de Ourense

Valentín González Formoso, no Comité Nacional do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou este domingo a convocatoria de eleccións primarias en setembro para escoller o próximo candidato socialista á Xunta dunha formación á que insta a afastarse do "catastrofismo" e á que ve na "obriga" de presidir a Deputación de Ourense, cuxo goberno segue no "aire", afectado tamén pola difícil gobernabilidade na capital provincial

Confirmou o mes das primarias Formoso na reunión do Comité Nacional Galego do PSdeG e dixo decidilo así para ofrecer “tempo suficiente para que quen se presente poida ilusionar ao partido e explicar o proxecto á militancia e á cidadanía”.

Comité Nacional do PSdeG do 11 de xuño de 2023 CC-BY-SA PSdeG

O líder do PSdeG fixo este anuncio “con tempo e sen trampas” para manterse “honrado" coa súa "propia palabra” porque, dixo, “con coherencia se manteñen as institucións” e para manter un partido “crible para a sociedade galega” a costa dos intereses persoais. Formoso defendeu a democracia interna nun partido no que “cada militante pode poñer un presidente da Xunta e un presidente do goberno”. E lanzou un calendario destinado a impulsar a José Ramón Gómez Besteiro como cabeza de cartel socialista na batalla pola Xunta

Ademais, emprazou ao partido a prepararse para as próximas eleccións autonómicas, que serán convocadas “non en función dos intereses xerais de Galicia”, cre, senón "en función dos intereses de Rueda e de Feijóo". Así o dixo logo de apuntar que ao presidente galego “lle tremeron as pernas” antes de convocar as eleccións autonómicas para que coincidiran coas xerais do 23 de xullo porque a esquerda está “moi por riba” da dereita en Galicia.

Formoso pide ao PSdeG facer "autocrítica" pero insta os seus a non ser "catastrofistas" nin "derrotistas" de cara ao 23X

Formoso instou o partido a “facer autocrítica e revisar" as políticas: "Onde temos fallado e onde temos acertado” nunha convocatoria na que os socialistas galegos obtiveron 420.000 votos. Dixo que “para nada estamos ledos e satisfeitos, pero tampouco imos ser catastrofistas” por un resultado que “PP e Rueda subscribirían”.

Sinalou que os socialistas “imos ser o partido das 100 alcaldías”, con posibilidade de aumentar o número de gobernos de 2018 grazas ao acordo co BNG, e liderando os gobernos de Vigo, A Coruña ou Lugo, encabezando as deputacións da Coruña e de Lugo e con posibilidades de gobernar na de Ourense, “no aire” pola perda da maioría do PP. 

Valentín González Formoso, no Comité Nacional do PSdeG do 11 de xuño de 2023 CC-BY-SA PSdeG

Formoso cre que o PSdeG ten "a obriga” de presidir a Deputación de Ourense logo de décadas “patrimonializada polos Baltar”

Valentín González Formoso apuntou ademais que, na súa opinión, o PSdeG ten "a obriga” de presidir esta última Deputación provincial para “abrir Ourense ao futuro” logo de décadas “patrimonializada polos Baltar” e “á marxe dos avances democráticos do país”.

Críticas a Podemos por "prepotente"

Respecto das eleccións xerais, Formoso aplaudiu un adianto co que o presidente do goberno tomou “unha decisión valente coa que rompeu a cintura política neste país” para darlle a voz ao pobo de novo logo dunhas municipais nas que “a diferenza non é tan alta” e “vai depender da mobilización do noso electorado”. Chamou a “non dar nada por perdido, porque este país non se construíu asumindo derrotas nin este partido asumindo escenarios negativos”.

Emprazou aos socialistas galegos a saír a competir “coa ilusión de conectar coa sociedade”, sen dar “nada por perdido” e desterrando o derrotismo: “quen sexa derrotista sabe onde está a porta”, remachou. Advertiu do risco de que “outro home de negro” presida a Moncloa, antes de lembrar os recortes impostos por Mariano Rajoy en educación, sanidade, vivenda, prestacións ao desemprego ou pensións.

Sinalou que o partido afronta as eleccións coa aspiración de gobernar en solitario logo de demostrar que integra a “columna vertebral” do país, logo de catro anos de “difícil cogoberno” cun socio que demostrou “prepotencia” e que puxo as liortas internas “por riba do interese social”, e por iso foi duramente castigado nas pasadas eleccións.

Ademais, Formoso advertiu da intención de apoiar o goberno do BNG en Santiago pero sen entrar no executivo. "Non entrar no goberno é a opción principal para esta dirección. Vai ser consensuada co grupo municipal e a agrupación, pero é a conclusión á que chegamos inicialmente na dirección do partido en Galicia. Pero a cidade ten que ter claro que este partido vai estar sempre a altura das circunstancias e ningún bo proxecto vai quedar no caixón polo PSOE", asegurou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.