Formoso censura que Rueda opte polo "seguidismo a Ayuso" para litigar contra o imposto "aos millonarios"

Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, nunha xuntanza recente do Comité Nacional do partido marzo 2023 CC-BY-NC-SA PSdeG

"Volvemos ver un seguidismo das decisións que se marcan" dende a dirección estatal do PP e por parte das súas baronías territoriais de maior peso, Madrid e Andalucía. Esta é a análise que na dirección do PSdeG realizan tras ratificar a Xunta que se dispón a recorrer ante o Tribunal Constitucional o imposto estatal ás grandes fortunas, que só atinxe á poboación con patrimonios que superan os 3 millóns de euros.

Para o secretario xeral dos socialistas, Valentín González Formoso, o anuncio de Rueda vai na liña da súa anterior decisión na materia, "baixarlle o imposto a quen tiñan máis dun millón de euros", en referencia á duplicación do desconto sobre o imposto de patrimonio (do 25% ao 50%) que entrou en vigor cos Orzamentos de 2023. Aquela rebaixa, lembra, chegou xusto despois de que os gobernos madrileño e andaluz tamén introducisen bonificacións -máis amplas- neste tributo.

Valentín González Formoso e Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa na casa do Concello de Santiago este 24 de marzo CC-BY-NC-SA PSdeG

"É unha mágoa que quen fixen a política tributaria en Galicia sexan Ayuso ou Moreno Bonilla", di Formoso, que ve en movementos políticos coma estes unha mostra de "clasismo". Rueda, lamenta, deu en "compartir que se baixe os impostos aos señoritos andaluces" e por iso actúa do mesmo xeito aínda que implique ir "en contra do espírito solidario do pobo galego" que "cando veñen mal dadas", sabe que cómpre "solidarizarse con quen menos ten".

A participación pública na eólica, ben pero "tarde"

O PSdeG coida que a viraxe da Xunta sobre a participación pública debeu chegar antes das recentes autorizacións de case 80 parques eólicos: "Agora a posición negociadora vai ser feble"

En respostas aos medios de comunicación nunha rolda de prensa conxunta co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo -na que Formoso participaba na súa calidade de presidente da Deputación da Coruña-, o líder do PSdeG tamén afondou nos matices sobre a viraxe da Xunta a respecto da participación pública nos parques eólicos. O PSdeG, subliña Formoso, leva meses e mesmo anos reclamando esa participación e agora o PP chega "tarde".

A xuízo do PSdeG, esa participación pública debe "facerse extensiva a todos os proxectos estratéxicos que se instalen" en Galicia, caso das de hidróxeno verde. E tamén debeu condicionar, di, os case 80 parques autorizados recentemente polo propio Goberno galego. "Agora vai ser moi difícil convencer as empresas desa colaboración" porque a "posición negociadora" do Goberno galego vai ser "feble".

Neste contexto, Formoso tamén considera "positivo" que o gabinete de Rueda "anuncie" que "se terán en conta os efectos socioeconómicos" dos parques eólicos". Non obstante, coida, "isto significa que ata agora non o estaban tendo en conta" nun contexto no que é "esencial promover parques que se impliquen no territorio" e "evitar os simplemente especulativos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.