Formoso sinala os concellos a un ano das municipais como "plataforma" para "alcanzar a Xunta en 2024"

Formoso, no encontro de cargos municipais do PSdeG no Carballiño, este 28 de maio CC-BY-NC-SA PSdeG

Tal día coma hoxe do ano vindeiro, o 28 de maio de 2022, celebraranse eleccións municipais. A un ano visto dos comicios que habitualmente adoitan ser máis propicios ao PSdeG tanto en termos de apoio cidadán como da súa tradución en poder institucional en concellos e deputacións, o secretario xeral do partido, Valentín González Formoso, sinala os municipios, ao "municipalismo socialista", como "plataforma para alcanzar a Xunta en 2024".

Formoso vén desenvolvendo dende hai semanas unha intensa axenda de partido, que este sábado o levou ao Carballiño e Guitiriz. Na localidade ourensá participou nun acto con alcaldes, alcaldesas e voceiros municipais do partido, fundamentalmente da provincia de Ourense mais tamén con convidados coma o rexedor de Vigo, Abel Caballero, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ou o alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp, Alberto Varela. Alí esgrimiu o feito de que as eleccións municipais de 2019 deron ao PSdeG un importante "músculo" en forma de gobernos que, di, poden ser o espello para chegar á Xunta.

Formoso e Abel Caballero, alcalde de Vigo, no encontro municipalista organizado polo PSdeG no Carballiño este 28 de maio CC-BY-NC-SA PSdeG

"Temos o traballo por diante de escoitar os sectores que requiren de ilusión e confianza", con "humildade, moito compromiso e moito percorrer o país" para daren conformado unha "alternativa de goberno". Neste sentido, sinala, é clave a "forza municipal do PSdeG", con alcaldías en cinco das sete principais cidades e as presidencias de tres das catro deputacións. 

"A cidadanía deposita a súa confianza na parte institucional que máis a preocupa, a que máis afecta ao seu quefacer diario", sinala en referencia aos gobernos municipais. Agora o seu reto, evidencia, é lograr reter ese apoio electoral para o Parlamento galego.

"Devolver a dignidade" a Ourense

O secretario xeral do PSdeG sinala como un dos seus obxectivos clave para as municpais "mandar ao caixón da historia ao baltarismo e a Jácome"

No acto do Carballiño tanto a intervención de Formoso como a do secretario provincial do partido e voceiro municipal na cidade de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, estiveron moi marcadas pola situación política na capital da provincia e o mantemento do bipartito entre o PP e Gonzalo Pérez Jácome. Un dos obxectivos clave do PSdeG nas eleccións de dentro dun ano, afirma o secretario xeral, é "devolver a dignidade a Ourense, con compromiso e ilusión, e mandar ao caixón da historia ao baltarismo, a Jácome e a todo o que fai sentir vergoña a esta marabillosa provincia e ás súas vila".

"O PSdeG vén lanzar unha mensaxe de optimismo e futuro a unha terra á que quere toda Galicia", mantén Formoso. "Por fin esta provincia vai deixar de conformar o reduto do clientelismo e da dereita en Galicia para ser un lugar de progreso, onde poidamos gozar da alternativa que tanto necesitamos", agrega Villarino.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.