Honras solemnes para Bóveda: "Soñou para nós un futuro de xustiza, cultura e liberdade"

Amalia Bóveda bica o pano coas cascas do piñeiro ante o que foi asasinado seu pai CC-BY-SA Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra acolleu este luns, co gallo do Día da Galiza Mártir, un emotivo acto no que Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, depositou ante o cadro A última leición do mestre un pano con fragmentos da casca do piñeiro da Caeira (Poio) fronte ao que asasinaron a seu pai. 

Amalia Bóveda depositou ante 'A derradeira leición do mestre'  cascas do piñeiro ante o que foi fusilado Bóveda: "A última testemuña da súa firmeza"

"Con este acto reivindicamos a dor da nosa historia transformada en dignidade. A memoria dunha Galicia á que quixeron cortar a voz pero que nunca puideron silenciar a alma", dixo Amalia Bóveda tras deixar para exposición pública varios fragmentos daquela árbore que foi testemuña do crime cometido polos fascistas e que a viúva do intelectual galeguista, Amalia Álvarez, gardou durante anos para quedar para sempre no ámbito familiar. Ata hoxe.  

Son, dixo Amalia Bóveda, algo "profundamente íntimo e ao mesmo tempo patrimonio de todos e todas", anacos dun piñeiro que "foi a última testemuña da súa firmeza, amparou o seu último alento e recolleu o sangue dun cidadán que soñou para nós un futuro de xustiza, cultura e liberdade"

Amalia Bóveda deposita o pano coas cascas do piñeiro ante o que foi asasinado seu pai ante 'A derradeira leición do mestre' CC-BY-SA Deputación de Pontevedra

Foi nun acto organizado polo Museo de Pontevedra en colaboración coa Fundación Alexandre Bóveda e coa participación da Fundación Castelao nun día no que se honra e lembra a Bóveda pero tamén a todos os represaliados polo franquismo. 

 "Reivindicamos a dor da nosa historia transformada en dignidade. A memoria dunha Galicia á que quixeron cortar a voz pero que nunca puideron silenciar a alma", dixo Amalia Bóveda

Coa acompañamento da Negra sombra de Rosalía musicado por Xoán Montes abriuse unha cerimonia coa que, dixo Amalia Bóveda, péchase "un círculo cargado de significado". "A realidade física do martirio e a verdade da arte van hoxe da man", engadiu quen lembrou que Castelao "debuxou con alma o que estas cascas gardan na materia, o sacrificio pola nosa identidade e a lección da dignidade". 

Uns anacos de historia depositados ante unha obra de arte que se tornou símbolo, cascas que se depositan "non como un tributo ao rancor, senón como un acto de amor, reparación, esperanza e reivindicación", rematou a filla de Alexandre Bóveda. 

Con todo, o acto serviu tamén para a reivindicación. Así, o presidente da Fundación Alexandre Bóveda, David Otero, dirixiuse á Xunta e ao conxunto das institucións para a data do 17 de agosto, "tan esencial para a construción nacional e democrática deste pobo, sexa declarada Día Nacional dos Nosos Mártires"

A Fundación Alexandre Bóveda pide á Xunta a declaración do 17 de agosto como 'Día Nacional dos Nosos Mártires'

Pola súa banda, o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas lembrou os valores que converteron a Bóveda nunha "figura inmortal", mentres que o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, sinalou que o asasinato do intelectual, economista e político galeguista foi unha "inxustiza con Galicia". 

Amalia Bóveda, emocionada no acto de depósito das cascas do piñeiro ante o que foi asasinado seu pai ante 'A derradeira leición do mestre' CC-BY-SA Deputación de Pontevedra

"Non podemos autocompracernos nin durmirnos, porque aínda vemos ao noso arredor situacións que lembran demasiado aos anos previos ao 36: partidos políticos que difunden ocio ao diferente, que negan a violencia de xénero e que senten orgullo de non participar en actos coma este”, dixo Domínguez, que re que os responsables políticos teñen a "responsabilidade de non mirar para outro lado, de defender a democracia, a liberdade e a convivencia, combatendo as políticas que buscan dividirnos, enfrontarnos ou negar a dignidade dos demais”.

O PP, "con normalidade"

Domínguez advertiu dos avances alcanzados nos últimos anos en referencia a un acto como o deste luns que tivo lugar nunha institución presidida polo PP e coa súa participación. "Con normalidade e para reparar unha inxustiza cometida hai 90 anos", dixo.

Ademais dos citados, participaron tamén no acto outros deputados e rexedores do PP, ademais de representantes do PSdeG ou do BNG, como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. 

"Non queremos reducir o seu legado a unha determinada opción política", dixo a concelleira de Poio Natalia Sabarís

Non foi a única conmemoración neste Día da Galiza Mártir, no que se celebrou a tradicional ofrenda floral no monumento na Caeira, en Poio, onde foi asasinado Bóveda e outras moitas persoas, ademais de actos en diferentes puntos de Galicia para unha xornada aínda non oficializada pola Xunta pero cada vez máis institucionalizada por todos os partidos. 

Vídeo do acto de homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira, difundido polo Concello de Poio

No acto ante o monólito en recordo a Alexandre Bóveda na Caeira estiveron os alcaldes de Poio e Pontevedra, Ángel Moldes e Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral de Lingua, Valentín García; ou vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez.

"Non queremos reducir o seu legado a unha determinada opción política. A súa memoria pertence ás persoas que creen nunha Galicia democrática, plural e libre", dixo a concelleira de Poio Natalia Sabarías respecto da figura de Bóveda e as homenaxes á súa figura. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.