Hai hoxe 84 anos, en 1942, a Irmandade Galega de Buenos Aires instauraba o 17 de agosto como o Día da Galiza Mártir. Nese mesmo día, pero de 1936, hai 90, ás 5:15 da madrugada, Alexandre Bóveda dirixíase así ao seu irmán: "Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname". Poucas horas despois sería asasinado polos franquistas, que catro días antes escenificaran a súa disposición a fusilalo no que presentaron como un xuízo por traizón. A data do asasinato do político e economista galeguista é conmemorada cada ano e serve non só para lembrar a figura do político galeguista, senón a de todas as persoas que sufriron a represión franquista en Galicia.
A Irmandade Galega de Buenos Aires instauraba o 17 de agosto de 1942 o Día da Galiza Mártir; na mesma data, seis anos antes, era asasinado Alexandre Bóveda
O seu asasinato foi dos que os fascistas consideraban exemplares por non acabar só coa vida dun home e espallar o terror desde o primeiro día do golpe de Estado, senón por facelo cun líder intelectual do galeguismo e das ideas republicanas. Dun recoñecido economista, primeiro director da Caixa de Aforros de Pontevedra, número un nas oposicións de xefe de Facenda no Estado, membro da comisión redactora do Estatuto de Autonomía, motor do Partido Galeguista e candidato pola formación na Fronte Popular nas eleccións de 1936.
"A miña Patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente como pode amar un fillo á súa nai. Xamais a traizoaría aínda que se me concedesen séculos para vivir. Adóroa ata máis aló da miña morte. Se entende este tribunal que por este amor entrañable debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis pola miña Terra. Fixen canto puiden por Galiza e faría moito máis se puidera. Se non podo seguir traballando máis por ela, gustaríame morrer pola miña Patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado", dixo Bóveda ante o tribunal que o condenou nun xuízo farsa, nunhas palabras que se tornaron en emblema do galeguismo. Antes dunha sentenza simulada e asinada polos golpistas o 13 de agosto para asasinalo e que só hai menos de dous anos foi declarada "ilegal e nula" polo Goberno de España.
Coa instauración da data do seu asasinato como o Día da Galiza Mártir pretendeuse non só lembrar a figura do político galeguista, senón a de todas as persoas que sufriron a represión franquista en Galicia. Unha vaga de asasinatos e violencia que, só no primeiro impacto da sublevación que acabaría coa II República trouxo consigo no país case 15.000 persoas represaliadas, unhas 4.000 delas asasinadas. Así o acredita a base de datos resultado da investigación do proxecto Nomes e Voces, o máis completo ao respecto no noso país e cuxos responsables, agora dende o grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago, seguen sendo claves no estudo e recuperación da memoria democrática, dende as pescudas e exhumacións á elaboración do censo estatal de vítimas.
O 17 de agosto foi instaurado como o Día da Galiza Mártir, data aínda non recoñecida oficialmente pola Xunta pero cada vez máis asumida por institucións de calquera cor política
A data, malia a súa cada vez maior significación, segue sen ser institucionalizada e oficializada por parte da Xunta, malia os intentos de, sobre todo, o BNG. Hai só unhas semanas, no pasado mes de xuño, o Bloque levou á Cámara doutra volta unha petición oficial para fixar e recoñecer institucionalmente o día, unha iniciativa que coincidiu coa chegada a Pontevedra do cadro A derradeira leición do mestre, de Castelao, símbolo da represión franquista que o político e intelectual rianxeiro realizou en homenaxe ao seu compañeiro e amigo Bóveda e a todas as vítimas da represión franquista.
O PP rexeitou a iniciativa acusando o BNG de usar a data "para confrontar" e apostando por "espazos de encontro e non división". O PSdeG, pola súa banda, criticou a actitude dos populares pero presentou unha emenda a´totalidade por considerar que a proposta do Bloque partía dun "relato partidista".
Amalia Bóveda cre "dunha profunda hipocrisía institucional" honrar 'A derradeira leición do mestre' e "votar en contra de institucionalizar o 17 de agosto como o Día da Galiza Mártir"
Só unha semana despois, Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, decidiu non acudir, malia o convite, á inauguración da exposición dedicada ao cadro no Museo de Pontevedra. Xustificouno, nun comunicado, por "motivos de dignidade e coherencia cívica e política". Sinalando que a cuestión non debería ser a súa "ausencia", senón a presenza na inauguración e no Día da Galiza Mártir de quen nega politicamente os dereitos das vítimas mailas familias", poñendo o foco na "incongruencia política" de participar nun acto así e, ao tempo, negar a memoria democrática.
"Resulta dunha profunda hipocrisía institucional ir perante o cadro máis simbólico do noso exilio e represión e votar en contra de institucionalizar o 17 de agosto como o Día da Galiza Mártir". Así mesmo, considera "intolerable" o "branqueamento político daqueles que hoxe se autoproclaman galeguistas mentres defenden pactos e acordos con partidos de extrema dereita", en referencia aos acordos do PP con VOX.
Malia que a institucionalización da data segue agardando, nos últimos anos foi asumida por institucións diversas, mesmo algunhas gobernadas polos populares, e con presenza da propia Xunta nalgunha homenaxe a Bóveda. Este ano, coma sempre, o epicentro dos actos será perante o monumento na Caeira (Poio) que lembra onde foi asasinado o político galeguista, así como logo no cemiterio de Santo Amaro, onde repousan os seus restos.
Tras centos de asasinatos, en agosto do 36 aumentaron as execucións tras xuízos simulados nos que vítimas como Bóveda eran acusadas dos delitos que cometeran os sublevados
Será unha homenaxe a Bóveda e aos milleiros de represaliados tras un golpe militar que vén de facer 90 anos. Só na primeira semana dende o inicio da sublevación contar a República, entre o 18 e o 25 de xullo, Nomes e Voces puido documentar máis dun cento de asasinatos no país. A maioría, vítimas de disparos nas rúas de cidades como A Coruña e Vigo, aínda que tamén en vilas de menor dimensión. Neses días, non obstante, tamén foron documentadas vítimas de bombardeos en Marín ou Vigo e os primeiros asasinatos sistemáticos, as primeiras execucións "en aplicación do bando de guerra" na Coruña ou Pontedeume. Tamén comezaron decontado os primeiros paseos, os asasinatos de paramilitares afíns aos golpistas previo secuestro das vítimas nas súas casas ou lugares de traballo.
Só atendendo á documentación de Nomes e Voces, a finais de xullo as persoas asasinadas en Galicia xa superaban as 150. A finais de agosto, mes no que se xeneralizaron os paseos, xa eran máis de 700. Naquel mes tamén aumentaron as execucións tras xuízos simulados nos que as vítimas eran acusadas, precisamente, dos delitos que cometeran os sublevados, tales como rebelión militar. Foi este o caso de Alexandre Bóveda —Alejandro Bóveda na base de datos por ser unha transcrición dos rexistros da época—, asasinado aquel 17 de agosto tras o xuízo escenificado para cualificalo como culpable de "traizón".
Asasinatos ata 1947
Cando finalizou 1936 as persoas asinadas polos golpistas en Galicia entre execucións, paseos e mortes formalmente por outras causas xa superaban as 2.000. No remate de 1937 eran unhas 700 máis. Os últimos asasinatos documentados están datados unha década despois, en 1947, nun contexto no que non obstante a represión foi moito máis extensa e tivo moitas máis formas que as da morte.
Nomes e Voces acreditou como as erixidas como novas autoridades encarceraron só en Galicia máis de 4.000 persoas con diferentes pretextos tras os correspondentes procesos xudiciais simulados, polos que pasaron outras 4.000 persoas máis. Alén dos procedementos xudiciais, as investigacións acreditaron máis de medio milleiro de persoas vítimas de sancións de diverso tipo por razóns políticas, dende a perda do emprego público, inhabilitacións ou desterros ata peches e incautacións de negocios e bens ou importantes multas económicas.
A memoria daquela represión segue sendo recuperada por múltiples vías. A Fundación Praza Pública ultima un proxecto multimedia para o outono
As diversas accións a prol da memoria democrática, tanto estatais como privadas, procuran precisamente seguir deitando luz sobre aqueles sucesos que documentou de maneira pioneira Nomes e Voces. Nese ronsel encadrarase tamén dende o vindeiro outono un novo proxecto da Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, inmersa arestora na produción do podcast Falamos de memoria, unha produción multimedia que, apoiada polo comisionado especial España en Libertad. 50 años, dependente da Secretaría de Estado de Memoria Democrática, procurará achegar o público galego, especialmente as xeracións máis mozas, a lugares cotiáns nos que sucederon algúns destes feitos dos que agora se fan 90 anos.