Amalia Bóveda non irá á inauguración de 'A derradeira leición do mestre' pola negación da memoria de PP e VOX

Amalia Bóveda Álvarez, filla de Alexandre Bóveda, cunha fotografía de seu pai © Deputación de Pontevedra

Este xoves inaugúrase no Museo de Pontevedra a mostra na que se expón por segunda vez en Galicia o cadro no que Castelao homenaxeou a Alexandre Bóveda e a todas as vítimas da represión franquista

Este xoves inaugúrase no Museo de Pontevedra a exposición dedicada ao cadro A derradeira leición do mestre, de Castelao. A mostra do cadro, que se poderá ver ata o 27 de setembro. leva aparellada unha programación con fitos coma o seminario Arte, exilio e memoria: Castelao, A derradeira lección do mestre e a emigración galega en América, os vindeiros 22 e 23 de xuño, ou a conmemoración do 90º aniversario do plebiscito do primeiro Estatuto Galego, o día 28.

Á inauguración foi convidada Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda. Porén, vén de facer público o seu rexeitamento a acudir a este acto. O seu non era un convite máis e tampouco será unha ausencia que pase desapercibida. O cadro constitúe unha homenaxe de Castelao a Alexandre Bóveda, asasinado polos franquistas o 17 de agosto de 1936. 

Amalia Bóveda e Valentín G. Bóveda, filla e neto de Alexandre Bóveda © Deputación de Pontevedra

 A filla de Bóveda, convidada ao acto, rexeita participar, critica a "quen nega politicamente os dereitos das vítimas e mailas súas familias" e pon o foco os pactos do PP coa ultradereita

Aínda que o breve texto ao pé da imaxe podería aludir á represión dos mestres durante a Guerra Civil, o rostro da vítima do cadro é o de Bóveda, a quen Castelao definiu como “prototipo da cidadanía galega e mártir da liberdade”. Castelao homenaxeou así a Bóveda e, a través del, a todas as persoas que deron a súa vida pola República, a liberdade e a xustiza.

Amalia Bóveda explica nun comunicado que decidiu non acudir á inauguración por "motivos de dignidade e coherencia cívica e política". Sinala que a cuestión non debería ser "a ausencia de Amalia Bóveda, senón a presenza na inauguración e no Día da Galiza Mártir de quen nega politicamente os dereitos das vítimas mailas familias", poñendo o foco na "incongruencia política" de participar nun acto así e, ao tempo, negar a memoria democrática.

"Resulta dunha profunda hipocrisía institucional ir perante o cadro máis simbólico do noso exilio e represión e votar en contra de institucionalizar o 17 de agosto como o Día da Galiza Mártir", di

Bóveda subliña, por exemplo, que "resulta dunha profunda hipocrisía institucional ir perante o cadro máis simbólico do noso exilio e represión e votar en contra de institucionalizar o 17 de agosto como o Día da Galiza Mártir". Así mesmo, considera "intolerable" o "branqueamento político daqueles que hoxe se autoproclaman galeguistas mentres defenden pactos e acordos con partidos de extrema dereita", en referencia aos acordos do PP con VOX.

"É unha ofensa directa á memoria de quen deu a vida pola liberdade e a democracia en Galicia que se pretenda inaugurar un cadro contra o fascismo coa man tendida aos herdeiros ideolóxicos e valedores da ditadura", engade". Amalia Bóveda di que "a memoria maila lección de meu pai e de Castelao, xunto co legado do galeguismo exiliado e asasinado non son mercadoría electoral nin un decorado para o cinismo político. Non podo acompañar a quen, cos seus votos, actos e  pactos diarios, nega a realidade histórica e institucional do que ese cadro representa". 

Chegada d'A derradeira leición do mestre ao Museo de Pontevedra, o 17 de xuño © Deputación de Pontevedra

Así mesmo, considera "intolerable" o "branqueamento político daqueles que hoxe se autoproclaman galeguistas mentres defenden pactos e acordos con partidos de extrema dereita", en referencia aos acordos do PP con VOX

E conclúe que “non se pode estar coa Memoria obrando en contra dos Dereitos Humanos  e viceversa” e engade que "xa está ben de dicir unha cousa e practicar politicamente outra".

Amalia Bóveda sinala, iso si, que acudirá a ver o cadro nalgún momento fóra da inauguración, unha data que de seguro será o 17 de agosto, aniversario da execución do seu pai e Día da Galiza Mártir. De igual xeito, quere "subliñar e agradecer o excelente trato por parte da equipa e dirección do Museo de Pontevedra para as que ten mostras de agradecemento".

"A memoria maila lección de meu pai e de Castelao, xunto co legado do galeguismo exiliado e asasinado non son mercadoría electoral nin un decorado para o cinismo político. Non podo acompañar a quen, cos seus votos, actos e  pactos diarios, nega a realidade histórica e institucional do que ese cadro representa", engade

Non é a primeira polémica que rodea a chegada deste cadro a Galicia, que xa se puido ver no ano 2018 na Cidade da Cultura. Nese momento o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo obviou o asasinato de Bóveda ao recibir 'A derradeira leición do mestre'. Feijóo eloxiou o cadro como un "símbolo" da "defensa da educación fronte ao fanatismo", pero sen mencionar os asasinatos dos golpistas.

Aquelas palabras do entón presidente do Goberno galego foron duramente criticadas dende distintos ámbitos (entre outras entidades pola Fundación Alexandre Bóveda) e Núñez Feijóo viuse obrigado a matizar as súas palabras. Este mercores aquela intervención foi tamén lembrada por Amalia Bóveda que sinala que "o anterior Presidente da Xunta xa compareceu ante o cadro cun descurso e unhas desculpas que, ao tenor do presente, foron mero tacticismo e faltaron á verdade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.