O Sergas desvía 5,5 millóns para obras en centros médicos a pagar concertos sanitarios e xuros de demora

Sede da Consellería de Sanidade e do Sergas CC-BY-NC-SA CIG

Vén sendo habitual que Sanidade empregue cartos previstos inicialmente para melloras en centros sanitarios en modificacións orzamentarias que o Consello de Contas pide reducir "ás estritamente necesarias"

O Consello de Contas vén criticando desde hai anos o reiterado recurso da Xunta a mover cartos dos seus Orzamentos a partidas non previstas inicialmente coas que si debera contar. "As modificacións orzamentarias deben reducirse ás estritamente necesarias para non desvirtuar o seu carácter excepcional", di o ente fiscalizador. Pero o Goberno galego segue recorrendo a esas modificacións, neste pasado mes de agosto desviando 5,5 millóns de euros previstos inicialmente para construír novos centros de saúde ou executar obras de mellora de hospitais que acabaron pagando concertos sanitarios en Vigo ou xuros de demora de facturas presentadas por empresas.

Modificación orzamentaria para pagar 5,4 millóns en concertos sanitarios na área de Vigo CC-BY-SA Praza Pública

Por unha banda, segundo a documentación agora remitida ao Parlamento, o Sergas destinou 3,46 millóns previstos para actuacións de mellora en centros sanitarios e 1,9 millóns para outras subministracións a pagar na área sanitaria de Vigo 5,4 millóns de "obrigas derivadas da asistencia sanitaria prestada con medios alleos". Son 3,91 millóns para "servizos concertados de ambulancias" e 1,45 millóns para "concertos con entidades privadas".

Por outra banda, o Sergas comunicou outra modificación orzamentaria que retirou 1,18 millóns de euros previstos para obras en hospitais e 817.000 para construción de centros de saúde e destinounos a pagar 2 millóns de euros de "reclamacións previas de xuros de mora e custes de cobro efectuadas por diversas empresas". 

A comezos do pasado ano, en medio ano o Sergas xa destinara 20 millóns previstos inicialmente para obras en hospitais públicos a pagar "asistencia sanitaria prestada con medios alleos", isto é, concertos. Igual que un ano antes tamén empregara 4 millóns previstos para centros de saúde a pagar facturas da concesionaria do hospital de Vigo. Este ano, antes destas modificacións, en maio o Sergas xa destinara 3,6 millóns previstos inicialmente para outras subministracións a pagar igualmente na área de Vigo diversas asistencias sanitarias prestadas "con medios alleos".

Modificación orzamentaria para pagar 2 millóns en xuros de demora CC-BY-SA Praza Pública

Sanidade vén sendo condenada de xeito recorrente por demoras no pagamento de facturas a provedores

Canto aos xuros de demora, veñen sendo reiteradas as sentenzas que condenan o Sergas a pagalos por facturas de provedores aboadas tarde. E tamén é habitual que para pagalos a Xunta tire de cartos orzamentados inicialmente para mellorar centros sanitarios. Nun caso desvelado hai uns meses por este diario Sanidade chegou a esixir á empresa afectada que lle certificase as datas nas que a propia Xunta lle pagara as facturas orixinais para así calcular o tempo de demora. O TSXG criticou que a Xunta pedise algo "que xa obraba nos arquivos do organismo sanitario", o que é "contrario ao principio de boa administración e calidade dos servizos públicos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.