'A derradeira leición do mestre' chega a Galicia por segunda vez: en Pontevedra ata finais de setembro

Chegada d'A derradeira leición do mestre ao Museo de Pontevedra, este 17 de xuño de 2026 © Deputación de Pontevedra

Un novo acordo co Centro Galicia de Bos Aires permite expoñer no Museo pontevedrés a obra coa que Castelao retratou a barbarie franquista a través do asasinato de Alexandre Bóveda

A derradeira leición do mestre xa está en Galicia por segunda vez. Oito anos despois da súa primeira viaxe, o óleo de dous metros de alto pintado por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en 1945, baseado na estampa número 6 do seu Galicia Mártir, culminou este 17 de xuño de 2026 a viaxe iniciada o pasado día 9 en Bos Aires para ser exposto no Museo de Pontevedra ata finais do vindeiro setembro.

Como en 2018, un acordo co Centro Galicia de Bos Aires, que custodia a obra -daquela coa Xunta, desta volta coa Deputación de Pontevedra- permite expoñer na Galicia territorial a pintura na que dous meniños choran ante o cadáver do seu mestre, asasinado polos golpistas. A faciana do profesor masacrado é a de Alexandre Bóveda, asasinado polos sublevados o 17 de agosto de 1936 tras simularen xulgalo -a sentenza non foi anulada polo Estado ata o pasado 2024- como vinganza polo seu compromiso político e social e a súa militancia galeguista.

Inicio dos labores para trasladar 'A derradeira leición do mestre', o pasado día 8 no Centro Galicia de Bos Aires © Deputación de Pontevedra

Unha homenaxe a Bóveda no noveno aniversario do seu asasinato fora o marco no que Castelao recibira a encomenda de pintar este cadro, recibido no este mércores no edificio do Museo pontevedrés que leva o nome do artista e político de Rianxo. Unha representación do goberno da Deputación de Pontevedra encabezada polo presidente, Luis López, e mais o vicepresidente Rafael Domínguez ocupouse da recepción canda a directora do Museo, Ángeles Tilve, e a restauradora do centro, Mercedes del Campo.

"Así como a emigración arroupou a Castelao no seu exilio político, hoxe está aquí o cadro para que todos os galegos arroupen a súa obra e o veñan visitar", expoñen dende a entidade da emigración 

O persoal técnico constatou que a obra de Castelao chegou por segunda vez ao país "en perfecto estado". "Así como a emigración arroupou a Castelao no seu exilio político, hoxe está aquí o cadro para que todos os galegos arroupen a súa obra e o veñan visitar. Estamos encantados de que estea neste lugar", sinalou Alberto Vázquez no nome do Centro Galicia. Domínguez, no nome do goberno provincial, agradece "a xenerosidade" da entidade da emigración "con todos os galegos".

Será o vindeiro día 25 cando o Museo de Pontevedra inaugure a exposición na que se poderá contemplar A derradeira leición do mestre, aberta ata o 27 de setembro. Leva aparellada unha programación con fitos coma o seminario Arte, exilio e memoria: Castelao, A derradeira lección do mestre e a emigración galega en América, os vindeiros 22 e 23 de xuño, ou a conmemoración do 90º aniversario do plebiscito do primeiro Estatuto Galego, o dái 28. Outra das datas sinaladas ao carón do cadro é o Día da Galiza Mártir, o 17 de agosto, nonaxésimo aniversario do asasinato de Bóveda, con actos na súa homenaxe.

Recepción d'A derradeira leición do mestre no Museo de Pontevedra, este 17 de xuño de 2026 © Deputación de Pontevedra

A primeira chegada d'A derradeira leición do mestre combinara hai oito anos unha gran expectación e agradecemento ao centro Galicia cun notable malestar político e de entidades sociais pola interpretación que o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixera da obra. Tras recibilo obviando o asasinato de Bóveda e sinalándoo xenericamente como "símbolo" da "defensa da educación fronte ao fanatismo", tivera que acabar rectificando. Ictus, a última montaxe teatral de Chévere, lembra aquel episodio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.