O seu único deber coa "patria" era seren nais e esposas. Este era un dos principios da Sección Feminina da Falange, parte do partido único da ditadura para a que a metade da poboación estaba chamada a ser "complemento e sustento do varón", un "anxo do fogar". Ou matrimonio, ou convento. Ou solteira "en servizo aos demais".
Este é o contexto que analizan, este 8 de abril en Pontevedra, as xornadas organizadas polo departamento de Memoria Histórica da Deputación baixo o elocuente título Individuas de dudosa moral, o cualificativo que, explican dende a institución, "aparecía nos expedientes para referirse a quen non encaixaban nos perfís aprobados polo réxime" para as mulleres. Trátase, da man de voces expertas, de analizar a represión da sexualidade feminina durante o franquismo.
Coas prazas presenciais xa cubertas, pero coas sesións abertas para o seguimento en liña a través do sitio web da Deputación, mediante a retransmisión que tamén se pode atopar sobre estas liñas, o programa comeza ás 11:30 coa intervención da historiadora María Victoria Martins. O seu relatorio centrarase en como a ditadura "reprimiu non só ás vítimas directas, senón a todas as mulleres en xeral" mediante a "negación da sexualidade feminina".
A "negación da sexualidade" a través da 'Sección Femenina' da Falange, a represión do 'Patronato de Protección a la Mujer', o roubo de bebés ou a persecución das mulleres lesbianas centran a xornada organizada pola área de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra para este 8 de abril
A continuación (12:45), será a quenda para a mesa redonda sobre o denominado Patronato de Protección a la Mujer, concibido como "cárcere para as descarriadas" polo réxime. Esta institución represiva da ditadura será abordada dende a perspectiva da xinecóloga Enriqueta Barranco, que a estudou en profundidade, e mais pola xornalista Llum Quiñonero, presidenta do colectivo Acción Ciudadana contra la Impunidad del Franquismo. Este organismo, creado en 1943, sobreviviu ao ditador e chegou a seguir operando ata 1986.
Xa pola tarde (16:00), o primeiro relatorio abordará o roubo de bebés durante a ditadura da man de Soledad Luque, presidenta do colectivo que agrupa a maior parte das vítimas. Xunto a ela estará a avogada Maite Parejo e mais a viguesa Marga Rodríguez que, explica a organización das sesións, é irmá dun bebé roubado.
Os relatorios finalizarán ás 17:00 con Nanina Santos, veterana activista, historiadora e cofundadora da Asociación Galega da Muller, ademais de integrante do equipo da prestixiosa revista feminista Andaina. A súa intervención centrarase na persecución sufrida polas mulleres lesbianas durante o franquismo.
A continuación (18:15), a xornada concluirá coa proxección do documental Sacar a la luz, do colectivo Art al quadrat, "no que se verá como o misóxino franquismo humillou ás mulleres do bando perdedor da guerra civil española, recuperando a memoria das vítimas a través das mulleres que as precederon con testemuñas de fillas e netas". Na proxección estará a directora do filme, Dolores Martín-Consuegra.