Milicianas, políticas, traballadoras na retagarda, voluntarias, guerrilleiras, enfermeiras, artistas... En síntese, "mulleres resistentes". O Vello Cárcere de Lugo acolle dende este decembro e ata o vindeiro 5 de xaneiro a exposición itinerante internacional impulsada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica para recuperar a memoria "das mulleres que loitaron contra o fascismo" dende o golpe de Estado franquista ata a fin da II Guerra Mundial.
O proxecto Mulleres Resistentes "busca facer xustiza" á memoria destas mulleres e "ofrecer unha visión global da importancia das súas accións". Mediante un percorrido documental e fotográfico, a mostra conecta a guerra española coa europea "e a resistencia en Galicia e España coa de Francia, Italia e Alemaña", explican.
No marco da súa inauguración, esta fin de semana, a asociación impulsora explica que a mostra trata de achegar ao público "as diferentes organizacións femininas antifascistas", pero "tamén aborda a importancia e a contribución das que loitaron dende os seus fogares, dende o campo ou dende as fábricas". Tamén o labor de fotógrafas, xornalistas ou escritoras está presente nunha exposición que tamén amosa a represión, os campos de concentración ou os fusilamentos.
"Con este proxecto queremos crear un mapa da memoria da resistencia das mulleres ao fascismo en Europa"
"Con este proxecto -detalla a asociación- queremos crear un mapa da memoria da resistencia das mulleres ao fascismo en Europa" e tamén "estreitar lazos coa sociedade civil dos países participantes". No nacemento desta "rede internacional" é no que encadran os encontros celebrados en Lugo ao abeiro da exposición. O primeiro, celebrado este sábado, xuntou investigadoras galegas, alemás e francesas: Paloma León, Verena Boss e a galega María Lopo, que centrou súa intervención "na sororidade da Galicia exiliada a través da amizada de María Casares coa xudía Nina Reicy".
Tamén este pasado sábado, o histórico recinto lucense acolleu un encontro de descendentes dalgunhas destas antifascistas. René Miguel Bueno, filla dunha exiliada que sobreviviu ao campo de Argelés-sur-mer e foi parte da resistencia antifascista, Araceli Barranco, sentou con Salomé da Torre, neta de Carmen Rodríguez -apoio da guerrilla antifranquista- e con Paz Gómez del Valle, encarcerada pola ditadura cando reclamaba a liberación do seu fillo.
As irmás Touza, Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, Enriqueta Otero, Placeres Castellanos, María Vázquez ou 'Chelo' Rodríguez López son outras das mulleres galegas incorporadas a este proxecto antifascista de vocación europea, que tamén ten o apoio do Concello de Lugo. Tras o paso polo vello cárcere lucense, a exposición continuará o seu percorrido polo Museo Cívico de Bari (Italia) o Volkshochschule de Aachen (Alemaña) e, a partir da primavera, estará en Bélxica, Croacia e Portugal.