Luz verde á instalación da Axencia de Intelixencia Artificial na Terraza da Coruña

Edificio da Terraza, nos coruñeses xardíns de Méndez Núñez, onde se situará a sede da AESIA © Concello da Coruña

A alcaldesa coruñesa, Inés Rey, e o ministro de Transformación Dixital, José Luis Escrivá, asinaron este martes un documento que implica a cesión "gratuíta e temporal" da Terraza ao Estado

A finais de 2022 o Goberno de España decidiu que a nova Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) tivese a súa sede na Coruña. Elementos como a situación poboacional de Galicia, o transporte, o inmoble, a lingua galega, as empresas do sector instaladas na contorna ou as alianzas coa universidade foron clave para que a candidatura galega se impuxese a unha ducia de competidoras, algunha das cales mesmo chegou a litigar para tentar reverter a decisión.

Tras o aval definitivo do Supremo a finais de 2023 e despois de culminar, a pasada semana, o proceso que elixiu o enxeñeiro informático Ignasi Belda como primeiro director xeral da entidade, Concello da Coruña e Goberno de España rubrican a cesión do espazo que acollerá a AESIA. Será, como xa se avanzara, o emblemático edificio da Terraza, en pleno centro da cidade, ao carón dos xardíns de Méndez Núñez, espazo que actualmente acolle instalacións de RTVE.

Rey e Escrivá asinan o convenio para a posta en marcha da AESIA no edificio histórico da Terraza © Concello da Coruña

Establécese un prazo transitorio de 12 meses, de forma que a Axencia poida ir ocupando os espazos que considere necesarios en coordinación co traslado dos servizos de RTVE do edificio

A alcaldesa coruñesa, Inés Rey, e o ministro de Transformación Dixital, José Luis Escrivá, asinaron este martes un documento que implica a cesión "gratuíta e temporal" da Terraza ao Estado. Ademais, especifica o goberno local, contempla "un prazo transitorio" de ata 12 meses nos que a AESIA "poderá ir ocupando os espazos que consideren necesarios", período durante o cal o Concello "porá á disposición" outras instalacións provisionais. Estes traballos coordinaranse dende unha "oficina municipal de benvida".

"Hoxe formalizamos un paso máis para o desenvolvemento da AESIA, a primeira axencia estatal da IA en España e Europa, consolidando o posicionamento da Coruña como líder en materia TIC e innovación tecnolóxica”, destacou Rey

“Hoxe formalizamos un paso máis para o desenvolvemento da AESIA, a primeira axencia estatal da IA en España e Europa, consolidando o posicionamento da Coruña como líder en materia TIC e innovación tecnolóxica”, destacou a rexedora, que lembrou que un dos requisitos da candidatura era ofrecer un espazo céntrico para albergar a sede. “Desde o Concello pensamos que A Terraza era o mellor espazo para iso por localización, historia, identificación coa identidade modernista da cidade e potencialidades como espazo”, dixo Inés Rey.

Rey e Escrivá, no acto de sinatura do convenio para a posta en marcha da AESIA no edificio histórico da Terraza © Concello da Coruña

A previsión inicial da AESIA contaba cuns 40 postos de traballo

O compromiso municipal coa AESIA implica tamén, na liña do formulado pola candidatura da Coruña, que o Concello "subscriba un convenio nominativo anual" a prol da Axencia que financie "os incentivos dos empregados públicos" que alí traballen. A previsión inicial da AESIA contaba cuns 40 postos de traballo.

“Desde o Concello pensamos que A Terraza era o mellor espazo para iso por localización, historia, identificación coa identidade modernista da cidade e potencialidades como espazo”, dixo a alcaldesa

Rey agradeceulle ao ministro de Transformación Dixital e Función Pública a boa disposición para avanzar no inicio da actividade da sede na Coruña. “Un organismo novo e que por iso esixe dun proceso amplo de procesos e trámites pero que grazas a esa colaboración entre Goberno e Concello fomos quen de avanzar para que sexa unha realidade”, sinalou a alcaldesa

Tamén lle deu a benvida ao director da AESIA, Ignasi Belda, á cidade. “Sei que coa túa formación como enxeñeiro, experiencia en investigación e ampla bagaxe dirixindo equipos desde a empresa privada ou de entidades públicas como o Parc Científic de Barcelona, esta axencia axudaranos a seguir consolidando a posición da Coruña en materia tecnolóxica” engadiu.

Rey e Escrivá, no acto de sinatura do convenio para a posta en marcha da AESIA no edificio histórico da Terraza © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.