O resultado das eleccións xerais do 23 de xullo e 2023 evidenciou a inexistencia dunha maioría de esquerdas no Congreso dos Deputados e abocou o PSOE a tecer complexas alianzas para volver investir a Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España, mais tamén para sacar adiante practicamente calquera iniciativa. Así se vén demostrando no que vai de lexislatura e así ficou patente este xoves, cando finalmente o Executivo do PSOE e Sumar logrou sacar adiante a súa reforma fiscal.
Xunto á aprobación dun imposto xeral do 15% ás multinacionais, esixido pola UE, o paquete fiscal aprobado tras intensas negociacións inclúe virar en permanente o reformado imposto á banca
O chamado "paquete fiscal" foi lanzado polo Goberno de Sánchez a través do proxecto de lei para garantir que as multinacionais paguen impostos "a un tipo mínimo global do 15%", unha das múltiplas condicións necesarias para seguir recibindo os fondos europeos de recuperación. Como informa Antonio Ruiz Valdivia para infoLibre, os socialistas chegaron a dar a reforma por perdida ata que, na noite do pasado mércores, deron pechado un acordo con Podemos.
Foi así como finalizaron unhas intensísimas negociacións que levaron a que este mércores se puxesen na banda do "si", ademais do PSOE e Sumar, os representantes de PSOE, Sumar, ERC, EH Bildu, PNV, Junts, Podemos, CC e o BNG. Pola banda do Bloque o seu deputado, Néstor Rego, destaca que os "acordos alcanzados co Goberno" implican "aumentar o tramo máis alto no imposto á banca", que naceu como temporal, e "dirixir toda a recadación ás comunidades autónomas", así como "prorrogar un ano máis o imposto ás enérxéticas".
O acordado con formacións coma o BNG implica manter o imposto ás enerxéticas, que caduca o 31 de decembro, para o que cumprirán novas negociacións
Para estender ese imposto ás enerxéticas, que caduca o 31 de decembro, e procurar equilibrar os intereses dispares en xogo a vía elixida no acordo con Podemos é crear unha comisión de partidos para redeseñalo. Se non existe acordo xeral, o pacto supón que o Goberno de España o aprobe pola vía dun Real Decreto-Lei, isto é, o acordado polos socialistas con Esquerra, Bildu e o Bloque.
Alén do imposto á banca, que gravará as marxes e comisións das grandes entidades financeiras con tipos progresivos entre o 1% e o 7% -pero tamén con dúas posibles desgravacións-, o paquete fiscal aprobado tamén contén unha suba de dous puntos no IRPF para as rendas superiores a 300.000 euros, novos gravames aos vapeadores ou un incremento nos impostos ao diésel. Finalmente ficaron fóra outros como o imposto adicional a bens de luxo, para o que PSOE e Sumar non lograron votos dabondo.
Feijóo ofrécese para unha moción de censura
O Goberno de España conseguía no Congreso esta relevante vitoria parlamentaria -unha derrota comprometería seriamente a marxe de manobra do Executivo- escasas horas despois de que o ex-presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo dese en ofrecerse para encabezar unha moción de censura. O actual líder do PP di estar agora "á disposición" dos grupos que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez se "algún quere acabar" co actual Goberno de España e dar paso a outro presidido por el mesmo
O líder do PP di estar á "disposición" dos grupos que apoiaron a Sánchez para "acabar" co seu Goberno despois de que o principal acusado no 'caso Koldo' lanzase diversas acusacións de corrupción contra o PSOE, que o líder socialista reduce a mentiras
Feijóo lanzou este ofrecemento nunha declaración ante os xornalistas -sen preguntas- despois de que o principal encausado no denominado caso Koldo, o empresario Víctor de Aldama, asegurase na Audiencia Nacional que pagou centos de miles de euros en comisións ao ex-ministro José Luis Ábalos e ao seu asistente, Koldo García, entre outras acusacións de presunta corrupción e afirmacións de contactos con Sánchez. O PSOE anuncia accións legais contra De Aldama por sinalar o partido como suposto destino de achegas ilegais.
Tras a votación no Congreso foi o propio Sánchez quen negou as acusacións "deste personaxe". "No que respecta ao PSOE e a min todo é falso, porque a súa estratexia de defensa é a mentira", mantén o presidente do Goberno de España, que se declara "tranquilo" a respecto dun acusado que, di, tenta "tapar os presuntos casos de corrupción que lle imputan.
Ante a posibilidade de que o PP formule unha moción de censura, Sánchez evidencia que é "un instrumento constitucional" que lle merece o "máximo respecto". "Mesmo sería unha boa oportunidade para que Feijóo formulase unha alternativa que non se coñece, porque a febleza parlamentaria é daqueles que non dan armado maiorías", afirma o socialista.