A xustiza constatou que as empresas vulneraron a libre competencia e obrigou á Xunta a multalas, pero no marco dese proceso alegaron supostos prexuízos, aos que Competencia da Xunta responde que non pode incumprir unha sentenza firme
O pasado outubro o Tribunal Supremo fixo firme unha sentenza previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que constatou que Monbus e Alsa repartíronse o mercado no concurso público que a Xunta convocou en 2020 para renovar as liñas de transporte público interurbano. A xustiza obrigou á Comisión Galega da Competencia, nomeada pola Xunta e presidida polo popular Ignacio López-Chaves, a incoar un expediente sancionador.
No procedemento as dúas empresas recorreron reclamando a súa anulación con argumentos agora desbotados por Competencia. Entre eles, que danará a súa reputación ou lles suporá un custo elevado.
Tras a decisión firme da xustiza de que Competencia abrise un expediente sancionador a Monbus e Alsa por repartirse o mercado, ese órgano da Xunta así o fixo o pasado outubro. E poucos días despois as dúas empresas presentaban senllos recursos administrativos solicitando a anulación de dita decisión. Eses dous recursos foron desestimados por Competencia, que este luns fixo públicas na súa web as súas dúas resolucións, similares e con data de decembro, que reflicten os argumentos esgrimidos polas empresas.
As empresas critican que a xustiza española vulnerou o seu dereito fundamental á presunción de inocencia
As dúas empresas alegaron ante a Xunta -como tamén veñen facendo no proceso para recorrer o caso ante o Tribunal Constitucional- que a xustiza vulnerara o seu dereito fundamental á presunción de inocencia. Así, Monbus argumentou que o TSXG cometeu unha "ilegalidade flagrante" mentres que Alsa alegou que houbo "unha vulneración flagrante do principio de presunción de inocencia". Unha ilegalidade que segundo as empresas Competencia estaría a replicar ao abrir o expediente sancionador contra elas porque así o sentenciou a xustiza sen darlles antes a oportunidade de intervir no proceso administrativo.
A resposta desestimatoria que dá Competencia a esa alegación é que as administracións teñen que cumprir as sentenzas xudiciais firmes. "Non corresponderá a este Pleno nin desenvolver funcións que son propias do Poder Xudicial nin, desde logo, revisar o contido dunha sentenza xudicial firme nin debater sobre a posibilidade de adoptar acordos contrarios á execución dunha sentenza firme", di a resolución do órgano que preside López-Chaves.
A resposta de Competencia engade que "unha vez executada a sentenza e incoado o expediente", as empresas gozan terán "todos os dereitos que recoñece a normativa durante a fase de instrución do expediente", coa posibilidade de propoñer probas e alegacións e polo tanto sen que se lles produza indefensión.
Tanto Monbus como Alsa alegaron tamén ante Competencia, sen éxito, que terán que gastar moitos cartos na súa defensa
Pero ademais da indefensión as empresas alegaron que a decisión de Competencia de abrirlles expediente en cumprimento da sentenza xudicial firme suponlles tamén "prexuízos irreparables". Para Monbus, segundo recolle a resolución de Competencia, estes serían que terá que "dedicar unha parte relevante do seu orzamento a defenderse no procedemento a pesar de que o resultado quedou predeterminado pola sentenza do TSXG" e que "sufrirá graves danos reputacionais que afectará á súa relación con provedores, clientes, colaboradores e empregados e incluso, potencialmente, danos económicos que poderían derivar da perda de servizos".
En similares termos alegou Alsa, que segundo Competencia argumentou que "terá que investir grandes cantidades de recursos económicos e persoais na súa defensa" e que "sufrirá un prexuízo evidente na reputación do grupo durante o período de tramitación do procedemento, que xerará unha perda de confianza e lealdade por parte de empregados, clientes públicos e privados e socios comerciais, o cal ten repercusións moito máis alá das licitacións de transporte público de viaxeiros por estrada en Galicia".
Nos dous casos a resposta que dá Competencia é que eses prexuízos alegados polas dúas empresas "non merecen a cualificación de irreparables", que as empresas nin sequera tentaron xustificar o suposto custe económico e que os posibles efectos negativos só son os propios "da incoación de calquera expediente sancionador en calquera tipo de procedemento". "Pero, ademais, neste caso, a incoación foi acordada en cumprimento dunha sentenza firme", conclúe Competencia para desestimar as alegacións das dúas empresas contra a incoación do expediente sancionador, que continuará así a súa tramitación.