O presidente ofrece o seu cuarto discurso televisado de Fin de Ano desde o Museo de Pontevedra, ante a obra pictórica do político galeguista, co que o PPdeG vén de compararse
"Non lle poñades chatas á obra mentres non se remata. O que pense que vai mal que traballe nela, hai sitio para todos". No peche do ano dedicado á súa figura, a cita de Castelao, e outras moitas referencias ao político galeguista, foi empregada este mércores 31 polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no seu cuarto discurso televisado de Fin de Ano, no que enxalzou as políticas do seu Goberno. Hai só uns días o PPdeG comparouse con Castelao e rexeitou "politizar" a súa figura.
Rueda gravou o seu discurso no Museo de Pontevedra, ante a obra pictórica de Castelao, a quen presentou como "rianxeiro universal e poliédrico" dicindo que "foi debuxante, foi dramaturgo, foi ensaísta e foi político, facetas que nacen e se resumen na súa condición de galeguista". E engadiu que "algunhas das ideas que el defendeu, e que daquela eran revolucionarias, hoxe forman parte do acervo común das galegas e galegos" xa que "a arquitectura institucional, política e cultural da Galicia de hoxe é posible porque antes a soñaron Castelao, Risco, Brañas, Otero Pedrayo e outros moitos intelectuais que amaban o seu país".
O presidente quixo "poñernos, metaforicamente" as gafas de Castelao para reflexionar sobre os retos de Galicia, un repaso no que situou en primeiro lugar os incendios forestais. Deles salientou o seu impacto "en Galicia, en España e tamén noutros países" para gabar a continuación que "inmediatamente puxémonos mans á obra de xeito que ningún dos afectados quedara sen axuda".
O seu discurso repasou a continuación distintas políticas do seu Goberno en ámbitos como a vivenda, os orzamentos públicos, a promoción económica, a sanidade, a violencia machista ou o acoso escolar.
"Moitas das inxustizas que sufría Galicia e que denunciou Castelao son, afortunadamente xa, un mal recordo do pasado", di Rueda
Segundo Rueda, "moitas das inxustizas que sufría Galicia e que denunciou Castelao son, afortunadamente xa, un mal recordo do pasado" mentres que "para combater os agravios que aínda existen, Galicia dispón das súas propias institucións, fortes e cribles, que garanten que a nosa voz nunca xamais volva ser ignorada". E a continuación fixo un chamamento á implicación da cidadanía na construción de Galicia: "Na procura desa meta sumamos todos. Galicia non exclúe a ninguén cando se trata de construír o seu futuro. Con optimismo, con ambición, en positivo. Existe unha famosa estampa de Castelao que o explica á perfección: 'Non lle poñades chatas á obra mentres non se remata. O que pense que vai mal que traballe nela, hai sitio para todos'".