Noticias do ano que volvemos arder

O ano que volvemos arder. Imaxe editada por Praza.gal a partir dunha fotografía tomada por bombeiros da Coruña durante un incendio na Gudiña, durante a vaga do pasado agosto CC-BY-NC-SA Praza.gal

Si, isto que tes diante é outro deses resumos do ano. Repasamos as informacións máis lidas en Praza.gal, desbrozámolas e complementámolas con algo de contexto xornalístico

Si, isto que tes diante é outro deses resumos do ano. Non imos empaquetalo con outro pretexto, así que imos explicar directamente como o construímos. Na redacción de Praza.gal queremos rematar 2025 condensando algo -imposible que sexa todo- do acontecido e do contado no xornal. Que reflicta o sucedido e tamén a nosa maneira de traballar.

Fixémolo da seguinte maneira. Repasamos as informacións máis lidas pola nosa audiencia dende o 1 de xaneiro ata o 29 de decembro, cando comezamos a elaborar a peza que estás a ler. Desbrozamos a listaxe eliminando dela algunhas reiteracións e pezas de anos pasados, ordenámola tematicamente e complementámola con algo de contexto. Velaquí o resultado, noticias do ano que volvemos arder -e no que nos encantou que nos seguises acompañando, lendo, espallando e apoiando-.

Algunhas das informacións máis lidas en Praza.gal durante 2025 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Volvemos arder

Este é o noso primeiro destaque porque a histórica vaga de incendios do pasado verán é, ao noso xuízo, o acontecemento de máis impacto do 2025 en Galicia. Os datos das informacións máis lidas reafírmannos nesa idea. O grande incendio de Ourense xa é o maior da historia de Galicia, contabamos o 15 de agosto nin titular que resume ben a magnitude do acontecido.

A histórica vaga de incendios do pasado verán é, ao noso xuízo, o acontecemento de máis impacto do 2025 en Galicia

Naquelas semanas quixemos combinar a información de servizo e os datos cos testemuños da poboación que estaba a vivir o lume en primeira persoa e tamén coa necesaria repercusión política dos acontecementos. "Agora a Rede Natura acabouse", contábannos dende unha das contornas máis castigadas polas lapas, en Chandrexa de Queixa, mentres sabiamos que a Xunta retirara bombeiros dos incendios da provincia ourensá mentres esixía ao Goberno de España que enviase máis medios para afrontalos. 

Alí, en Chandrexa, a veciñanza demostrou que non era a primeira vez que padecía unha catástrofe coma esta. "Sabemos por onde vai vir o lume e por onde saír", explicáronnos. Eran semanas de tensión, de temor, de constatación das alertas científicas dos últimos anos pero tamén de opacidade informativa, outra volta. Só do 1 ao 18 de agosto o Goberno galego ocultou 447 incendios, cuxo detalle Praza.gal puido obter en outubro ao abeiro da Lei de Transparencia. En canto dispuxemos dos datos, liberámolos.

Lume ao pé das casas de Taboazas (Chandrexa de Queixa), o pasado 12 de agosto © María Domínguez

Os acontecementos a pé de lume suscitaron o lóxico interese na nosa audiencia, mais tamén as reaccións políticas e gobernamentais posteriores. Por exemplo, que o primeiro acto público da conselleira de Medio Ambiente ao respecto fose para prometer axudas aos cazadores. Ou que o Goberno de Alfonso Rueda, tras o lume, recuase e dese en volver á lei de 2007 -á do Goberno de PSdeG e BNG- para asumir a limpeza de parcelas nos pequenos concellos.

Altri, se cadra non

O proxecto da factoría impulsada pola compañía portuguesa da man da Xunta recibiu o primeiro visto e prace ambiental, pero o seu futuro semella máis incerto

Naquelas semanas de agosto, aínda que en segundo plano, estivo tamén no debate e na conversa pública a aposta da Xunta pola construción en Palas de Rei da fábrica de celulosa e fibras téxtiles derivadas deste produto, promovida pola portuguesa Altri. En marzo o Goberno galego daba a primeira luz verde ambiental á factoría e en agosto disolvíase Impulsa Galicia, a empresa público privada creada pola propia Xunta que impulsou o proxecto mediante un acordo que o gabinete de Rueda segue negándose a publicar esgrimindo o seu carácter "privado".

Polo medio de ambos acontecementos continuou unha ampla vaga de mobilizacións nas comarcas afectadas, onde a Plataforma Ulloa Viva e outros colectivos advirten de múltiplas ameazas ecolóxicas, sociais e económicas se Altri logra o seu obxectivo. Esa meta, non obstante, semella un pouco máis difícil tras recibir varios reveses ao non lograr fondos europeos a través do Estado nin a solicitada conexión eléctrica. Altri, se cadra, non.

Titulares de contidos inseridos por Altri en diversos xornais identificando como "loiadas" diversas críticas ao proxecto e bandeira contra a súa instalación, nunha manifestación CC-BY-NC-SA Praza.gal

Política alén da 🔴ÚLTIMA HORA

O conflito en torno a Altri tivo un papel destacado no debate político de Galicia. Un debate que, como o conxunto da esfera pública galega, quedou esvaecido demasiadas veces no marasmo da última hora permanente e de diversas controversias e declaracións de ámbito estatal que, en moitas ocasións, teñen escasa importancia real. E que mesmo impiden ollar como merece a relevante conxuntura internacional.

É neste contexto no que a información política de Praza.gal tentou baixar unha marcha para tentar explicar algunhas cousas entre o ruído. O que nos din os datos de tráfico do xornal é, por exemplo, que a nosa audiencia tivo especial interese en coñecer a condena que obrigou a Xunta a revelar por que mantivo 347 funcionarios en postos excepcionais sen concurso ou a decisión política de reformar a Atención Primaria do Sergas, a cal xerou tal balbordo entre o persoal que acabou sendo retirada pola Consellería de Sanidade. Tamén houbo notable balbordo no ensino, con varias xornadas de folga impulsadas por CIG-Ensino, sindicato maioritario entre o profesorado.

No vixésimo aniversario da vitoria electoral que permitiu á PSdeG e BNG gobernar a Xunta tamén tivo especial seguimento a entrevista na que Anxo Quintana, vicepresidente daquel Goberno de coalición e na altura líder do Bloque, compartiu as súas lembranzas sobre aqueles acontecementos. "Non se falou suficiente da importancia do labor de goberno do BNG: foi excepcional", afirma Quintana, quen tamén aplaude o rumbo actual da formación soberanista, con Ana Pontón na portavocía nacional.

Rueda, Pontón e Besteiro, durante o debate de política xeral, celebrado en abril CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal | Fotos: Xunta, BNG, PSdeG

O Goberno de PSdeG e BNG, precisamente, viña sendo o último que lograra novas competencias para incrementar o autogoberno galego. Esa seca rematou este 2025 cando, 17 anos despois, a Xunta sumou un novo traspaso, o da xestión do litoral tras lle gañar un preito no Constitucional ao Goberno de España. Para estrear as novas competencias, a Xunta destacou que outorgara 130 permisos de uso e ocupación da costa nun mes e a súa intención de crear unha rede de "chiringuitos biosostibles".

O 2025 foi ano sen eleccións, pero con movementos encamiñados cara á que -agás adianto dos comicios xerais a 2026- será a seguinte gran cita electoral, as municipais de 2027

O 2025 foi ano sen eleccións, pero con movementos encamiñados cara á que -agás adianto dos comicios xerais a 2026- será a seguinte gran cita electoral, as municipais de 2027. Ese é o contexto no que lemos a vaga de mocións de censura municipais nas que o PP non é o único protagonista, pero si o máis activo con operacións como a que lanzou en Ribeira a principios do outono para arrebatar a alcaldía ao BNG, a sétima que os populares gañaron apoiados en tránsfugas ou independentes. Cinco días despois da censura, a Xunta anunciaba a reactivación do proxecto de residencia de maiores que paralizara no concello barbanzán. 

Do ámbito municipal chegaron tamén outras novas de sentido ben dispar especialmente seguidas. É o caso das facturas do PP de Noia, emerxidas tras perderen o goberno noutra desas mocións de censura do ano -neste caso, co PSdeG como principal beneficiario- con miles de euros en xantares e copas que "chamaron a atención" mesmo ao presidente Rueda. O actual goberno local decidiu levar o caso á Fiscalía e ao Tribunal de Cuentas.

Edificios de vivendas en Vigo e gráficos da demanda de vivenda protexida con datos do pasado setembro CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Imaxe: Concello de Vigo

Por razóns ben distintas captou gran atención outra nova municipal, a decisión do Concello de Lugo de subir o 150% o Imposto sobre Bens Inmobles a pisos baleiros de grandes propietarios e baixalo aos de veciñanza que os inclúa nun novo banco público de alugueiro. Son as principais medidas do que pretende ser o primeiro Plan Municipal de Vivenda da historia de Galicia nun contexto no que as informacións sobre o dereito á vivenda, agrupadas nesta sección, foron tamén das máis lidas do ano en Praza.gal.

As informacións sobre o dereito á vivenda foron das máis lidas do ano

Lugo, tamén, foi o epicentro dun dos episodios políticos que marcou o peche do 2025, a dimisión do presidente da Deputación, o socialista José Tomé, por acusacións de acoso sexual rexistradas as través da canle interna de denuncias do PSOE e publicadas nun programa televisivo de Cuatro. O cesamento de Tomé quedou oficializado de vez o 30 de decembro nun contexto de forte axitación interna que o secretario xeral do PSdeG, o lucense José Ramón Gómez Besteiro, procurará atallar nun Comité Nacional convocado para os primeiros días de 2026.

En ámbitos lindeiros coa política movéronse, asemade, algunhas das pezas de investigación publicadas ao longo de 2025 en Praza.gal. Foi o caso da información exclusiva na que este xornal revelou que a parella do ex-presidente Feijóo, actual líder do PP, pedira unha concesión ata 2037 do acceso á praia do seu chalé en Moaña. Costas denegoulla e Eva Cárdenas decidiu recorrer á Xustiza.

Dous irmáns orixinarios do Senegal, no barrio da Sagrada Familia, na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

A vida cotiá, a cultura

Coa política teñen tamén moito que ver gran parte dos temas que xornalistas e medios adoitamos clasificar baixo a etiqueta xeral de "sociedade" e que, as máis das veces, son certeiros reflexos de como vivimos. Moitos deles estiveron entre os máis vistos; por exemplo, as repercusións que tiveron nas familias as "mensaxes contraditorias" das consellerías de Educación e Política Social durante o apagamento do 28 de abril. Ou a reportaxe que nos levou de paseo polas rúas máis mestizas da Galicia urbana, nos barrios dos Mallos, Sagrada Familia, Ventorrillo e a Agra do Orzán. É unha mostra desa Galicia que naceu no estranxeiro, unha poboación moza e crecente que radiografamos nesta peza interactiva.

O 2025 foi o ano das Letras Galegas para as cantareiras, do aniversario dos medios públicos e no que tamén volvemos procurar que pasasen polas nosas páxinas voces diversas da cultura galega

Testemuñas privilexiadas da evolución da nosa sociedade son os medios públicos de comunicación, que este ano celebraron o seu cuadraxésimo aniversario. En Praza.gal botamos a vista atrás aos corenta anos da noutrora Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), dende este 2025 denominada CSAG en virtude da nova lei que a rexe, alimentando un exercicio de memoria colectiva mediante o retorno xornalístico a aquel 1985 que viu nacer a TVG e a Radio Galega. Tamén con voces destacadas da historia dos medios públicos, persoas orgullosas do traballo feito pero tamén preocupadas pola actual situación en canto a pluralidade e control informativo. Historia viva deses medios públicos era tamén unha das persoas ás que tivemos que dar triste adeus este ano, Xosé Manuel Piñeiro, Superpiñeiro, a quen a enfermidade afastou da súa "querida parroquia".

Nesa vida cotiá está (queremos que estea) a cultura. No ano en que o Día das Letras homenaxeou as cantareiras e a poesía popular oral (recomendamos vivamente, se non o fixeches xa, que escoites o podcast documental Vinte de Foliada) e no que tamén evocamos a memoria de Castelao no seu 75 cabodano polas páxinas de Praza.gal procuramos que volvesen pasar voces diversas da nosa cultura. Dende a memoria do bravú condensada por Xurxo Souto nunha novela ao éxito das Fillas de Cassandra. Dende as reflexións das dúas últimas gañadoras do Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura, Chus Pato e Yolanda Castaño, ao retrato da diáspora galega trazado por Arturo Lezcano, na que o escritor e xornalista ve a nosa posible "salvación como pobo".

Levamos Praza a xullo de 1985 para contar como contariamos daquela o nacemento da TVG CC-BY-NC-SA Praza.gal

Ata aquí o resumo. Noticias do ano que volvemos arder. Construído sobre un retrato dos vosos intereses informativos ao longo do ano e modelado co criterio xornalístico da redacción de Praza.gal, que existe, medra e pode facer grazas ao soporte e impulso da comunidade de socias e socios. Que o sigamos contando convosco, feliz 2026!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.