A Sareb, que rescatou a desfeita inmobiliaria de hai unha década, acorda co alcalde, Telmo Martín (PP), impulsar tres urbanizacións con ata 1.625 vivendas a cambio de rebaixar a edificabilidade e ceder diversos espazos
O Diario Oficial de Galicia publicou este luns un convenio para impulsar tres novas urbanizacións en Sanxenxo asinado o pasado xullo entre o alcalde, o popular Telmo Martín, e a Sareb, o coñecido como ‘banco malo’ impulsado polo Estado para rescatar a desfeita inmobiliaria de hai unha década -en Galicia, con activos procedentes fundamentalmente da extinta Novacaixagalicia-. Nas novas urbanizacións poderán levantarse ata 1.625 vivendas, un 17% menos das previstas antes de que estourase a burbulla inmobiliaria.
A cambio, a Sareb cederá diversos espazos ao Concello, entre eles un campo de golf que se executará no lugar do Faro, a carón do treito final da Autovía do Salnés, ao noroeste de Portonovo. O convenio xustifica a operación, entre outros argumentos, co “interese xeral” que supón para un concello turístico como Sanxenxo contar cun campo de golf.
Os tres espazos afectados polo convenio agora asinado foron cualificados como solos urbanizables no plan de urbanismo de Sanxenxo aprobado en 2003 e sumaban 1,57 millóns de metros cadrados. O convenio agora asinado ten como obxectivo modificar as determinacións urbanísticas previas para impulsar eses solos urbanizables con novas características e sumando algo máis de terreo, ata 1,71 millóns de metros cadrados. O Concello comprométese a impulsar a modificación urbanística e a Sareb cede determinados espazos e acepta reformular o que estaba permitido facer neses lugares cando os asumiu de mans de diversas inmobiliarias tras a crise de hai unha década.
SU-14 O Faro
No lugar do Faro, no que proxectan o campo de golf, a xustiza xa tombara un proxecto de urbanización previo polo seu impacto paisaxístico. Agora indican que a nova instalación deportiva "incide no interese xeral"
O espazo máis relevante dos tres é o denominado SU-14 O Faro, nun monte a carón do treito final da Autovía do Salnés no que a Sareb ten a propiedade do 67% dos terreos. Se a planificación anterior abarcaba 1,34 millóns de metros cadrados, a nova aumenta ata 1,48 millóns de metros. Alí xa se intentou planificar unha urbanización pero a xustiza (o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en 2015 e o Tribunal Supremo en 2016) anulouna por, entre outras cuestións, o seu impacto paisaxístico.
Nese espazo rebaixarase agora a edificabilidade anterior de xeito que do máximo de 1.347 vivendas permitidas anteriormente pasarase a 1.290. E se antes os promotores que quixesen impulsar ese espazo tiñan que ceder 1,07 millóns de metros como espazos libres públicos, coa nova planificación a Sareb deberá ceder 1,22 millóns de metros entre os que estará incluído un campo de golf.
O convenio xustifica esta nova ordenación desta zona con “dous grandes puntos de interese xeral”: a redución da edificabilidade a respecto da anterior ordenación da zona e co argumento de que “a implantación no seu ámbito dun campo de golf, pola súa singularidade en Galicia e relevancia para un municipio coa vocación turística de Sanxenxo, incide no interese xeral da modificación”.
Segundo o convenio, esta urbanización estará configurada ao redor do campo de golf, “en torno ao cal se proxectarán vivendas unifamiliares e plurifamiliares de baixa altura, con amplos espazos naturais para o recreo e o lecer que, xunto co campo de golf, supoñerán un valor engadido para o municipio”.
SU-11 Alto de Miraflores
Este segundo espazo, “enclave privilexiado” segundo describe o convenio situado ao leste do núcleo urbano de Sanxenxo e a uns 600 metros do mar, aumenta moi lixeiramente a súa superficie de 138.000 a 139.000 metros cadrados. Toda a superficie é propiedade da Sareb tras asumila da quebrada Fadesa. Alí será onde máis se reduza a edificabilidade, pasándose das 414 vivendas acaroadas previstas anteriormente a só 10 unifamiliares illadas. É tamén onde máis se aumenta a cesión de espazos libres, que pasarán de 15.000 a 100.000 metros cadrados, fundamentalmente pola consideración dese espazo como solo rústico de especial protección forestal, cunha importante incidencia paisaxística.
O convenio sinala que este espazo, malia a súa “alta incidencia paisaxística”, quedara fóra das limitacións do Plan de Ordenación do Litoral aprobado pola Xunta en 2011 porque a súa planificación urbanística xa comezara naquel momento.
SU-27 Altamira-Vilalonga
A urbanización máis pequena das tres, a única na que non se prevén chalés senón edificios, é sinalada no convenio como idónea para "xerar un produto inmobiliario alcanzable á poboación nova do municipio" que non logra acceder á primeira vivenda
O espazo máis pequeno dos tres, de 85.000 metros cadrados, o 98% propiedade da Sareb, está situado na parroquia de Vilalonga, ao norte do concello, e foi o único no que xa comezaran as obras de urbanización das parcelas, executadas ao 50% cando a crise inmobiliaria as paralizou.
Este espazo, o único no que non se prevén vivendas unifamiliares ou chalés senón edificios, é o que o convenio sinala como máis idóneo “para acoller a demanda de vivenda da poboación residente no municipio”. Aquí é onde o convenio prevé “vivendas para mozos” e unha “reserva de solo para a implantación dunha residencia e/ou outros usos asistenciais para a terceira idade”. E é aquí onde se compensa parcialmente a redución da edificabilidade dos outros dous sectores, de xeito que as 214 vivendas previstas anteriormente pasarán a 325.
A diferenza das outras dúas urbanizacións, desta de edificios de vivenda colectiva dise que o seu obxectivo é “xerar un produto inmobiliario alcanzable á poboación nova do municipio, con maior dificultade na actualidade para acceder á primeira vivenda”, obxectivo que se di “prioritario na política de vivenda do Concello”. Porén, o aproveitamento para vivenda protexida que se sinala, e que podería variar durante a tramitación que agora comezará, é de só 1.856 metros cadrados.
A Xunta deberá avaliar ambientalmente o cambio urbanístico e o Concello di que permite a viabilidade das urbanizacións e será "moi beneficioso para os veciños que gañarán amplos espazos públicos"
Agora o Concello deberá impulsar a modificación da planificación urbanística para contemplar estas novas posibilidades e sometela a avaliación ambiental por parte da Xunta. Segundo o Concello, o acordo coa Sareb "propicia condicións de viabilidade para os sectores e, ademais, é, ao mesmo tempo, moi beneficioso para os veciños de Sanxenxo que gañarán amplos espazos públicos, novos equipamentos, vivendas asequibles e un desenvolvemento máis integrado na paisaxe".