O BNG mantería a alcaldía na fusión Santiago-Teo cos votos das últimas municipais

Porta Faxeira, na contorna da Alameda de Santiago, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

Un dos debates xurdidos en torno ás posibles novas fusións municipais, especialmente no caso de Santiago con Teo, é o seu potencial impacto electoral nun contexto, o das cidades galegas, onde o PP perdeu a hexemonía hai un cuarto de século

O informe A planta local galega: impulso dos procesos de fusión municipal, que a Xunta encomendou á Fundación Juana de Vega e que será presentado este vindeiro xoves nunha xornada organizada pola Consellería de Presidencia está a xerar un notable balbordo político e mediático. Por mor da controversia xerada polo departamento de Diego Calvo coas formas da presentación -16 intervencións con só 2 dúas mulleres no plan inicial, 2 voces femininas entre 14, no definitivo- e, sobre todo, dende que Praza.gal revelou en exclusiva que o documento propón sete fusións concretas.

A principal desas funcións en canto a poboación sería a de Santiago con Teo, a única que atinxiría a unha das sete principais cidades. Aínda que o documento realiza esta e as outras seis simulacións dende unha perspectiva fundamentalmente económica -e, colateralmente, se refire a cuestións vencelladas á gobernanza-, algunhas das análises xurdidas nos últimos días ao respecto poñen o foco tamén na vertente electoral. No xeito en que estas unións influirían no poder municipal, especialmente no urbano, ámbito no que hai xa un cuarto de século que o PP perdeu a hexemonía.

Coas limitacións de todo exercicio de política-ficción (caso das extrapolacións dun proceso electoral a outro), é posible aproximarse a cal sería a realidade electoral desa eventual Compostela ampliada cara ao sur, o único concello urbano que mudaría en caso de aplicarse as receitas das persoas expertas que elaboraron o informe. Nunha hipótese na que o electorado compostelán e teense votase igual que o fixo nas últimas eleccións municipais, as de 2023, o BNG podería aspirar a ter a alcaldía da capital igual que a ten cos actuais lindes da cidade, con Goretti Sanmartín á fronte. Sempre e cando, obviamente, se producisen as mesmas alianzas para a investidura que o pasado ano. O PP seguiría sendo, como o foi en maio do ano pasado, a forza máis votada.

Un exercicio de política-ficción aplicando os resultados das eleccións de 2023 ao concello fusionado mantería o BNG con 6 edís á fronte dun bloque de esquerdas que tería 15 fronte a 12 do PP

A fusión de Santiago con Teo daría lugar a un concello de algo máis de 117.000 habitantes. E, polo tanto, a capital galega deixaría de ter un concello de 25 edís e pasaría a ter 27 por superar os cen mil habitantes, tal e como sucede actualmente na Coruña, Vigo e Ourense. O limiar da maioría absoluta, daquela, ascendería dende 13 edís a 14.

Agregando os resultados electorais de ambos concellos, esa virtual corporación tería como grupo máis numeroso ao PP, con 12 edís resultantes de algo máis de 22.000 votos (algo máis de 18.000 de Santiago e os restantes, de Teo), dous por baixo da absoluta. A segunda forza, como sucedeu en Santiago en 2023, sería o BNG, que empataría a 6 edís co PSdeG -como así aconteceu na realidade-, se ben seguiría contando con máis sufraxios que os socialistas: 12.865 fronte a 12.307, respectivamente.

A corporación pecharíana 3 edís de Compostela Aberta, resultado ao que esta simulación chega agregando os case 4.500 votos de CA na capital galega cos case 1.800 de Proxecto Común de Teo, formación en boa medida politicamente equiparable no concello veciño. Daquela, os dous concelleiros que gañaría o concello fusionado repartiríanse entre PP e CA, aínda que o último edil en disputa estaría, por pouca marxe, entre os populares e o Bloque.

Deste xeito, a realidade política non mudaría en exceso para a veciñanza de Santiago cun comportamento electoral coma o de 2023 nese concello fusionado. Pero si cambiaría moi notablemente en Teo, onde tras década e media de gobernos da esquerda o electorado outorgou ao PP o 45% dos votos que lle permiten gobernar con maioría absoluta (9 edís nunha corporación de 17). Sexa como for, tanto a alcaldesa Sanmartín en Santiago polo BNG como a súa homóloga do PP en Teo, Lucía Calvo, desbotaron unha posible fusión tras coñeceren as propostas incluídas no informe que encargou a Xunta e adiantou Praza.gal.

Simulación con Ames e Teo

Ao abordaren a fusión do concello de Santiago co de Teo, os autores do informe subliñan que esta fora unha posibilidade xa avaliada hai dous mandatos polos gobernos locais da época. En realidade, a principal aposta en 2019 do daquela alcalde compostelán, Martiño Noriega, pasaba por unha unión máis ampla, de Santiago con Teo e tamén con Ames.

Se na fusión participase tamén Ames, os resultados das municipais do pasado 2023 permitirían ao PSdeG ter a alcaldía

Esa hipotética fusión a tres -non incluída entre as simulacións do informe sobre fusións encargado pola Xunta- si implicaría mudanza na cor política da alcaldía no caso de que o electorado votase como o fixo nas últimas eleccións municipais. A primeira forza da corporación sería o PP, pero con 11 edís que só lle permitirían alcanzar a alcaldía no caso de que os 16 concelleiros e concelleiras que lograrían as forzas de esquerda non lograsen un acordo de investidura.

Se ese pacto se producise, o máis probable sería que a alcaldía fose para o PSdeG. Os socialistas empatarían a 7 edís co BNG, pero o feito de seren os máis votados en Ames compensaría a terceira posición en Santiago. Así, nesa simulación o Bloque tería uns 15.800 votos e o PSdeG, uns 16.800. A terceira posición sería para CA, que neste caso quedaría con 2 edís. Así, na simulación para a fusión con Ames e Teo os dous edís resultantes de ampliar a corporación serían para socialistas e nacionalistas.

Foto de familia da corporación municipal de Santiago tras a elección de Goretti Sanmartín como alcaldesa en xuño de 2023 © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.