O BNG presenta as candidaturas dos concellos da Costa da Morte co foco na recuperación de "oportunidades" e "poboación"

Ana Pontón na presentación das candidaturas do BNG ás municipais de 2023 na Costa da Morte CC-BY-SA BNG

"É evidente que non se cumpriu coa Costa da Morte e tamén que non se están facendo as cousas ben porque esta comarca está perdendo oportunidades e vai a menos", salientou Ana Pontón xunto aos candidatos nacionalistas ás municipais

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asistiu este sábado á presentación das persoas que encabezarán as candidaturas da formación nacionalista na Costa da Morte para as vindeiras eleccións municipais: Ramón Noceda preséntase por Carnota, Xurxo Rodríguez Baña por Camariñas, Serxio Domínguez por Cee, Carlos Fernández por Muxía, Xan Carlos Sar Kuka por Fisterra, Manuel Muíño por Zas e Xaime Trillo por Dumbría. A militancia dos municipios de Corcubión e Vimianzo aínda non elixiu candidata ou candidato para os comicios. 

"É evidente que non se cumpriu coa Costa da Morte e tamén que non se están facendo as cousas ben porque esta comarca está perdendo oportunidades e vai a menos", sinalou Pontón nun numeroso acto en Camariñas no mesmo día no que se fan vinte anos do afundimento do Prestige, que afectou directamente a esta comarca. Desde o BNG reclaman a transferencia das competencias de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña "porque ninguén mellor que Galiza para entender e defender a nosa costa e o noso mar e por iso reclamamos todas as competencias nesta materia".

A presentación foi nun acto en Camariñas cando se fan vinte anos do afundimento do Prestige CC-BY-SA BNG

Ana Pontón lamentou a continuada perda de poboación en todos os concellos da zona, coa excepción de Cee, que suman dez mil habitantes menos desde 2003. "Menos poboación e máis envellecida, porque quen marcha é precisamente a xente moza por falta de traballo, polo continuo recorte en servizos básicos: sanitarios, educativos, bancarios, e mesmo por falta de servizos tecnolóxicos, como ter conexión internet a alta velocidade e a prezos competitivos", argumentou.

O "denominador común" dos programas municipais do BNG supón "apostar pola dinamización do tecido económico local, reforzar os servizos públicos –sanidade, educación, coidado dos maiores e todo o que permita a conciliación laboral e familiar– e dotar á Costa da Morte dun servizo de transporte que permita a mobilidade da poboación".

O BNG aposta pola "dinamización do tecido económico local", "reforzar os servizos públicos" e "dotar á Costa da Morte dun servizo de transporte que permita a mobilidade da poboación"

"Se queremos que a xente viva no rural debe contar con servizos de calidade, empezando por reverter os recortes en Sanidade do PP, reforzar atención primaria, dotar de pediatras os centros de saúde. O que non podemos é dicirlle a xente nova que desenvolva aquí o seu proxecto vital e despois non darlle servizos", sostivo Pontón, que marcou entre as prioridades "lograr que os parques empresarias que hoxe están case baleiros ou a medio gas, consigan novas empresas" e "un transporte público capaz de conectar os concellos da comarca entre si, con outras vilas e coas cidades de referencia".

A líder nacionalista comprometeuse a que a formación seguirá a defender, tanto no Parlamento como no Congreso, asuntos pendentes para a comarca como rematar a Autovía da Costa da Morte ou suprimir as peaxes na Autovía Carballo-A Coruña. "Estou segura que todos e todas ides dar o mellor de vós,  explicando as propostas do BNG a toda a veciñanza, cara a cara, porta a porta. Non nos poñamos límites e vaiamos a por todas para darlle á Costa da Morte gobernos do BNG capaces de mellorar a vida da xente", concluíu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.