O BNG propón un "gran acordo pola lingua" para deter a “persecución sistemática” do Goberno de Rueda ao galego

Encontro 'Parlamento Aberto' organizado polo BNG este sábado, centrado na situación da lingua © BNG

Ana Pontón defende impulsar un novo plan a favor do galego, actualizar a Lei de Normalización Lingüística e novo decreto de uso da lingua no ensino

Neste 2024 está a celebrarse o vinte aniversario da aprobación por unanimidade no Parlamento (o 21 de setembro de 2004) do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, un conxunto de accións e estratexias para avanzar no uso social do galego. Un consenso ao redor da lingua que o Partido Popular "esnaquizou”, denuncia o BNG, emprendendo unha “cruzada” contra o idioma que comezou co actual presidente da Xunta poñéndose “detrás dunha pancarta contra o galego”, que continuou co “decreto da vergoña” que limita o seu uso na escola e, posteriormente, co PP votando no Parlamento en contra de que o idioma galego se poida utilizar no Congreso.

O BNG celebrou este sábado na cámara galega unha nova xornada dos seus encontros Parlamento Aberto, centrado nesta ocasión na situación da lingua. Neste marco, a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, propuxo "un gran acordo pola lingua" que naza dun "amplo consenso" con todos os axentes políticos, económicos e sociais e que permita "reverter a tendencia de perda de falantes e colocar o idioma propio no lugar que lle corresponde".

Manifestación de Queremos Galego, o pasado 17 de maio © BNG

O BNG acusa o PP de "esnaquizar" o consenso sobre a lingua, emprendendo unha “cruzada” contra o idioma 

Pontón pediu ao Goberno do PP un “cambio de rumbo” co obxectivo de "garantir o dereito a aprender o galego e o dereito a usalo con liberdade en calquera contexto en todos os ámbitos da vida". Neste senso, a líder do BNG reclamou impulsar un novo plan a favor do galego, actualizar a Lei de Normalización Lingüística e novo decreto de uso da lingua no ensino.

O Bloque critica que unha parte moi importante do sistema educativo "non está cumprindo a función de apoio e reforzo da lingua galega"

As intervencións que se escoitaron na mañá deste sábado no Parlamento foron moi críticas coa política seguida polo PP en relación coa lingua galega. Unha “estratexia de acoso”, di o BNG, que denuncia que son as políticas do PP as que explican "que o galego sexa a única lingua do Estado que perde falantes e que, por primeira vez, deixara de ser a lingua maioritaria da sociedade", a consecuencia de medidas como, “por primeira vez en democracia”, prohibir que a utilización da nosa lingua en materias educativas como, por exemplo, como matemáticas, física, química ou tecnoloxía.   

Encontro 'Parlamento Aberto' organizado polo BNG este sábado, centrado na situación da lingua © BNG

Ana Pontón denunciou o “cacarexado plurilingüísmo do que fala o PP é un timo” porque "o que agocha é unha política que quere camiñar cara a un monolingüísmo, onde cada vez haxa menos galego e máis castelán"

O Bloque critica que unha parte moi importante do sistema educativo "non está cumprindo a función de apoio e reforzo da lingua galega, dando pé a unha realidade na que nenos e nenas entran na escola falando galego e saen falando castelán".

Ana Pontón denunciou o “cacarexado plurilingüísmo do que fala o PP é un timo” porque "o que agocha é unha política que quere camiñar cara a un monolingüísmo, onde cada vez haxa menos galego e máis castelán". “Estamos ante unha política deliberada do Partido Popular de perseguir por terra, mar e aire da nosa lingua”, resumiu, para advertir a continuación que neste “boicot contra o galego” o PP utiliza “toda a forza que dá ter o goberno da Xunta”, con graves consecuencias para a situación do idioma propio no País, engadiu Pontón.

Tres medidas

Pontón pediu ao Goberno do PP un “cambio de rumbo” co obxectivo de "garantir o dereito a aprender o galego e o dereito a usalo con liberdade en calquera contexto en todos os ámbitos da vida"

O BNG propón un acordo pola lingua que estaría asentado sobre tres grandes medidas. A primeira, impulsar un proceso amplo, plural e participativo para elaborar un novo plan a favor do galego, adecuado á realidade de 2024, un novo plan que partiría dos resultados do Plan Xeral de Normalización Lingüística.

A segunda medida é a revisión da Lei de Normalización Lingüística que, logo de 40 anos de vixencia, é preciso actualizar para adaptala á realidade social, cultural, económica e tecnolóxica dos nosos días.

Por último, aposta pola elaboración dun novo decreto de uso da lingua no sistema educativo que acabe coa “actual discriminación” da lingua.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.