O avogado de Andrés Cortabitarte, o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif entre 2006 e 2013 imputado polo accidente de Angrois, vén de presentar no xulgado unha serie de preguntas que pide que se engadan ás que o xuíz instrutor decidiu facerlle sobre o sinistro á Axencia Ferroviaria Europea. O letrado quere que o organismo comunitario diga como se avaliaban os riscos noutros estados membros da UE e se tamén tiña que avalialos Renfe, como empresa empregadora do maquinista, tamén imputado polo seu despiste.
O avogado de Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade, quere que o instrutor lle pregunte á Axencia Ferroviaria Europea como se avaliaban os riscos noutros estados e se tamén tiña que facelo a empresa operadora do tren
Hai tres semanas a Audiencia Provincial da Coruña ratificou a imputación de Cortabitarte, a quen Adif mantén nun cargo de libre designación, por ver nel “indicios dunha actuación deficiente, por incompleta e parcial, na avaliación de riscos” da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente. Ao tempo, o xuíz instrutor do caso decidiu preguntar á Axencia Ferroviaria Europea se era obrigatoria ou non a análise de riscos que Adif, con Cortabitarte á súa fronte, non fixo nesa liña.
Agora, o avogado de Cortabitarte vén de presentar un escrito no que solicita que se amplíen as preguntas que o xuíz fai á axencia europea para incluír nelas varias que considera necesarias para unha mellor defensa do seu cliente. O avogado pregunta, entre outras cousas, como eran as avaliacións de seguridade que realizaban outros estados membros da UE, se houbo dificultades por parte deses estados “para a comprensión e aplicación” dos sistemas de xestión da seguridade ditados pola UE ou se a “exportación” dun risco aos maquinistas, como fixo Adif no caso da liña Ourense-Santiago, “require a avaliación, control e aceptación por parte das empresas ferroviarias”, en referencia a Renfe Operadora.
No seu recurso infrutuoso contra a súa imputación, a defensa de Cortabitarte xa alegara que a responsabilidade de analizar o risco da curva de Angrois debía buscarse noutros departamentos
No seu recurso infrutuoso contra a súa imputación, a defensa de Cortabitarte xa alegara que a responsabilidade de analizar o risco da curva de Angrois debía buscarse noutros departamentos, tanto por riba súa na Dirección de Ferrocarrís de Fomento como por baixo na consultora pública Ineco que avaliara a liña. Fronte a esa argumentación, a Audiencia da Coruña optou por manter a imputación de Cortabitarte, que está citado a comparecer novamente no xulgado o próximo día 27 deste mes de xullo, tras negarse a declarar o pasado mes de abril.