O Estado ratifica que a lei non impedía a residencia freada pola Xunta en Ribeira mentres gobernou o BNG

O ex-alcalde e voceiro do BNG en Ribeira, Luís Pérez Barral, flanqueado polas deputadas Rosana Pérez e Olalla Rodil, amosando a resposta do Estado sobre os terreos de Saíñas CC-BY-NC-SA BNG

Política Social escudárase en que o Goberno de España prevía mudar a normativa polas riadas de València para bloquear o centro de maiores que proxectaba no lugar de Saíñas, preto da praia de Coroso. Anunciou o "desbloqueo" do proxecto trasladándoo a outro lugar cinco días despois da moción de censura que devolveu o PP á alcaldía

Na primavera de 2025 a Consellería de Política Social ratificou a súa intención de frear a construción da residencia pública da terceira idade en Ribeira que prevera no lugar de Saíñas, nun terreo próximo á praia de Coroso que o Concello cedera en 2021 para albergar o agardado centro de maiores. O Goberno galego alegara razóns técnicas para a viraxe. Baseárase en que, tras as riadas en València, o Goberno de España amosara a intención de endurecer as condicións para poder construír en contornas "con risco posible de inundación" e este era o caso, alegara. 

Pero no goberno municipal, na altura liderado polo BNG, interpretárase a paralización en clave netamente partidaria. A sospeita medrou aínda máis en outubro do mesmo ano cando, cinco días despois de que o PP tombase o goberno local mediante unha moción de censura cos independentes ata ese momento coligados co Bloque, a conselleira Fabiola García amosaba a súa disposición a desbloquear a residencia, para a que recentemente vén de elixir un novo terreo. Agora o Estado vén ratificar que, como sinalara o Concello co Bloque á fronte, non existía impedimento legal para a obra.

Informe do arquitecto municipal de Ribeira sobre os terreos de Saíñas para a residencia (2025) e resposta do Goberno de España (abril de 2026) CC-BY-NC-SA Praza.gal

O ex-alcalde nacionalista de Ribeira, Luís Pérez Barral, debullou este luns esa confirmación en conferencia de prensa canda a vicevoceira do Bloque no Parlamento, Olalla Rodil, e a deputada barbanzá Rosana Pérez. "Tras presentar varias iniciativas no Congreso, o Goberno do Estado confirmou oficialmente en dúas respostas que non existía nin existe ningunha modificación legal que impedise construír na parcela de Coroso e que nunca se instou a Xunta a paralizar proxecto ningún por este motivo", resume. "Esta confirmación política coincide co informe asinado polo arquitecto municipal en xuño de 2025, no que se ratificaba que non hai norma ningunha que prohiba construír a residencia nese terreo", subliña.

O Ministerio confirma ao Bloque que "o Goberno non solicitou a paralización de actuacións previstas" en zonas afectadas pola "revisión e actualización dos mapas de perigosidade e risco de inundacións". O arquitecto municipal de Ribeira xa concluíra que "ningunha norma" impedía a residencia

Concretamente, nesas respostas ao deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o Ministerio para a Transición Ecolóxica ratifica que está a traballar na "revisión e actualización dos mapas de perigosidade e risco de inundacións" e nos "plans de xestión" destes riscos. E evidencia que podería implicar mudanzas no Real Decreto que regula o Dominio Público na contorna dos ríos dende 1986, xa modificado ante en varias ocasións. Pero ratifica que o proceso non impediría seguir adiante coa residencia de Ribeira.

"En tanto non haxa unha modificación da normativa vixente, as limitacións aos usos nas zonas inundables" son as vixentes nese Real Decreto, resume. E, agrega, "o Goberno non solicitou ás comunidades autónomas a paralización de actuacións previstas amparadas na lexislación vixente en atención ás reformas normativas en tramitación". Concorda, desta maneira, co informe do arquitecto municipal do Concello de Ribeira, cuxa conclusión fora "non apreciar ningunha norma que prohiba a construción dunha residencia de maiores" nesa parcela, na que "simplemente" cumpría "ter en consideración as medidas de prevención e/ou condicións" que considerase precisas Augas de Galicia, por cuxo informe esperaba o Concello cando o proxecto quedou parado.

Proxecto arquitectónico gañador para a residencia de Ribeira en Saíñas, obra de Vázquez Muíño Arquitectos e Ola Arquitectura © Vázquez Muíño Arquitectos / Ola Arquitectura

"No momento en que os técnicos da Consellaría e do Concello traballaban para ter o proxecto listo, quedou bloqueado inexplicablemente en Augas de Galicia, que non emitiu o informe", lembra agora o BNG. Para Pérez Bararl fica agora aínda máis claro que non era certo que construír a residencia fose "tecnicamente imposíbel". "O impedimento non era a normativa hidráulica", "senón o interese político do PP" por "desgastar o goberno de Luís Pérez Barral e forzar un cambio na alcaldía para que a recuperase o Partido Popular", lamentan.

"O impedimento non era a normativa hidráulica, senón o interese político de desgastar o goberno de Luís Pérez Barral e forzar un cambio na alcaldía para que a recuperase o PP", lamenta o BNG

Considera Pérez Barral que "as consecuencias destas artimañas son nefastas para a veciñanza e o interese público". "O cambio de localización que agora pretende aprobar o PP", trasladando a residencia ao lugar de Cruxeiras, "supón tirar ao lixo máis de 800.000 euros de diñeiro público", os que sumaron "a compra da parcela, o derrubo da antiga discoteca Hesta Kurva" no lugar "e o proxecto construtivo, que quedaría inservible".

"Basta xa de xogar coa vida das persoas maiores, demandamos que se retome de inmediato o proxecto de Coroso, xa que non existe ningunha traba legal que o impida". Ademais, advirten, o terreo desbotado pola Xunta era "un espazo máis axeitado, conectado con transporte público e con acceso ao paseo marítimo", sen "illar as persoas maiores no monte tal e como pretende facer o Partido Popular".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.