Un novo accidente múltiple pon o foco nun treito no que as melloras dos últimos anos reduciron as incidencias pero que segue pendente da prometida solución definitiva para mellorar a visibilidade
O 26 de xullo de 2014, só cinco meses despois de que a daquela ministra Ana Pastor e o presidente Feijóo inaugurasen o último treito da A-8 en Galicia, 16 quilómetros entre Mondoñedo e Abadín que custaran 200 millóns de euros, un accidente con medio cento de vehículos deixaba alí unha falecida e un problema por resolver. Ese problema, a néboa habitual nos meses centrais do ano no alto do Fiouco, foise paliando na última década con iluminación, sensores e cortes de tráfico, pero o novo accidente múltiple desta pasada fin de semana, con dous alcances con seis e tres coches afectados respectivamente e un ferido grave e tres leves, evidencia que segue sen solución definitiva.
Tras o accidente de 2014 o ministerio embarcouse nun complexo proceso para atopar un invento que paliase ou evitase a néboa. Prototipos das catro ideas finalistas probáronse na zona hai tres anos, onde seguen vandalizados os seus restos que non foron aínda roubados. A elección final foi un sistema de luces láser que delimitará a calzada e alertará aos condutores da existencia doutros vehículos, pero o seu proxecto definitivo aínda está en fase de redacción e despois haberá que encargar e executar as obras, para as que non hai prazo.
Tras o accidente múltiple do 26 de xullo de 2014, a DGT e a Garda Civil de Tráfico estableceron uns criterios estritos para pechar á circulación ese treito de 16 quilómetros da A-8 no que se concentran os problemas por falta de visibilidade e desviar o tráfico pola estrada N-634, que descorre a unha cota inferior pola ladeira oposta do mesmo val. Ao tempo, Fomento foi reforzando progresivamente a sinalización tanto horizontal como vertical, con paneis informativos e, desde hai dous anos, luces laterais con sensores que informan sobre se hai outro vehículo circulando por diante. [Así funciona o actual sistema da A-8 contra a néboa no Fiouco]
Unhas melloras na última década que engadiron outros 7 millóns de euros ao gasto de preto de 200 que custara a construción inicial do treito pero que non permitiron evitar o accidente desta fin de semana, xa que ocorreu fóra do treito con balizas, aínda que si reduciron os períodos de peche da autovía. Se desde setembro de 2014 a novembro de 2021 o treito do Fiouco estivo pechado 3.281 horas, o que equivale a 137 días ou cinco meses, o 5% do tempo, durante o pasado 2023 a vía só estivo inactiva durante 14 horas. Así o salientou este luns o Goberno central actual, que presentou o problema como "unha situación herdada", sen indicar se responsabiliza aos executivos populares ou socialistas anteriores que compartiron decisións na planificación, deseño, execución e posta en servizo da infraestrutura.
No alto do Fiouco quedaron, vandalizados ou roubados, os restos dos prototipos dos catro inventos probados, dos que foi elixido finalmente un sistema de balizamento da estrada con luz láser
Pola contra, o Goberno actual gabouse este luns dunha decisión paliativa aínda non concretada que foi posta en marcha polo anterior executivo popular: logo do accidente de 2014 o ministerio decidiu aplicar ao problema alí existente un novo procedemento de contratación consistente en pedir a calquera empresa ou particular que lle ofrecesen ideas ou inventos para evitar a néboa ou paliar os seus problemas de visibilidade.
Tras o longo proceso de solicitude pública de ideas iniciado en 2015, as 26 propostas recibidas foron reducíndose primeiro a sete que se analizaron de xeito teórico e en laboratorio e despois a catro finalistas, das que se construíron prototipos que foron instalados e probados no alto do Fiouco, a carón da autovía, durante 2021. Eses catro inventos finalistas foron un sistema de balizamento da estrada con luz láser, sinalización horizontal con tecnoloxía LED proxectada sobre a calzada, difusión por aspersores de produtos que disolvesen a néboa, e barreiras e ventiladores que a desviasen. [Láser, aspersores, barreiras: sete anos despois da inauguración da A-8, así son os inventos que paliarán a néboa].
Tras as probas, o sistema elixido foi o do láser. Pero no alto do Fiouco, a ambos lados da autovía, quedaron desde aquela os restos dos prototipos probados. A paisaxe que ofrece hoxe a zona é a dun vertedoiro, con cadros eléctricos abertos e rotos, cos cables que non foron roubados tirados polo chan, ao igual que diversos soportes metálicos. Enteira, pero oxidándose, permanece aínda a gran estrutura metálica amarela ideada para situar sobre a calzada cos aspersores que pretendían disolver a néboa. E polo medio desta zona de probas, os cabalos e vacas que poboan eses montes entre Mondoñedo, Abadín e A Pastoriza.
O sistema láser elixido está na fase de redacción do proxecto, pero despois aínda haberá que licitar e executar a obra, para o que aínda non hai prazos
Canto ao invento elixido, o sistema de láser, que será compatible coa iluminación e balizas xa instaladas, foi denominado AXM-16 V2 e proposto pola empresa Tecnivial. Esta é a descrición que fixo del o ministerio: “Composto por un conxunto de elementos de balizamento autónomos, permite delimitar con tecnoloxía láser o trazado da vía de circulación en situacións de moi baixa visibilidade. Dispón dun módulo de detección de automóbiles circulando a velocidades anormais que permite alertar a outros condutores de dita circunstancia”.
O Goberno di que continúa "poñendo todos os medios ao seu alcance para evitar que se produzan accidentes, pedindo tamén precaución aos condutores"
Tras a súa selección, o ministerio encargou a redacción do proxecto técnico que establecerá as características e aparellos concretos a instalar no alto do Fiouco. Esa é a fase na que se está na actualidade, da que dependerá o custe da solución, pero despois aínda haberá que licitar, adxudicar e executar a obra de implantación física do sistema, para o que aínda non hai prazos. Mentres, o Goberno di que "continúa poñendo todos os medios ao seu alcance para evitar que se produzan accidentes, pedindo tamén precaución aos condutores".