O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, celebrou a "actitude construtiva" dos representates políticos na Cámara e que esta sexa o "cerne da nosa autonomía" cando se fan catro décadas de historia do parlamentarismo en Galicia co Estatuto de Autonomía actual
De hoxe noutros 40 anos! Como di a placa conmemorativa do 40 aniversario do Parlamento que agora preside o vestíbulo principal do Pazo do Hórreo, estas catro décadas son só o principio. Así o reflectiron nas súas intervencións os representantes dos grupos parlamentares, o presidente da Xunta e o presidente da Cámara na sesión solemne celebrada este domingo, que rematou con Uxía cantando o himno galego acompañada dun coro de nenas e nenos do CEIP Petelos de Mos.
O Parlamento constituíuse o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez –cedido polo Arcebispado de Santiago– desde onde este domingo soou o Alalá de Muxía na voz de Xabier Díaz. Seis meses despois, xa no ano 1982, os plenos pasaron a celebrarse no Pazo de Fonseca –cedido pola Universidade de Santiago– onde se mantiveron ata marzo de 1989 e desde onde a Real Filharmonía de Galicia interpretou a Alborada de Veiga. A música tradicional tamén estivo presente no propio Pazo do Hórreo, coa agrupación folclórica Cantigas e Agarimos e a Cantiga do Courel.
"Galicia transita por sendas de progreso e de oportunidades coas que todas e todos debemos comprometernos", dixo Santalices
"Vivimos tempos de crispación xeneralizada", lamentou o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, quen puxo en valor que a Cámara "converteuse nunha illa de estabilidade, de corrección, de respecto ás boas formas". "Galicia transita por sendas de progreso e de oportunidades coas que todas e todos, desde as lexítimas discrepancias, debemos comprometernos", trasladou ás deputadas e deputados nunha intervención chea de loubanzas á "actitude construtiva" dos representates políticos no país e ao Parlamento como "cerne da nosa autonomía".
Santalices referiuse aos "intentos de desdebuxar" a autonomía galega do pasado e certificou que entón non prosperaron e que a sociedade galega "tampouco o permitiría agora, de darse o caso". "Os principios básicos da autonomía e o autogoberno non son nin poden ser xamais contrapartida política na procura de réditos curtopracistas. Galicia non demanda privilexios, pero tampouco atura aldraxes", afirmou, para engadir: "Como dixo Castelao, Galicia non necesita máis, pero non pode conformarse con menos".
"A autonomía é a vestimenta institucional máis axeitada para que o noso país sexa forte", sinalou Feijóo
"Galicia é o modelo", reivindicou o presidente da Xunta na súa intervención na sesión solemne polo 40 aniversario da Cámara. Alberto Núñez Feijóo advertiu de que "non é necesario buscar modelos fóra" e aseverou que "a autonomía é a vestimenta institucional máis axeitada para que o noso país sexa forte en España, en Europa e no mundo". "O autonomismo é galeguismo", sostivo.
"Aínda que naceu en outono, a poucos días do inverno, o Parlamento galego xa formaba parte das mil primaveras de Cunqueiro", sinalou. Nun discurso en favor da democracia e do parlamentarismo, Feijóo enumerou entre os valores "propios da nosa xente" que "fortalecen" estes principios "a tolerancia, a alerxia aos extremismos, a querenza polos acordos, a estabilidade, a coherencia e os cambios tranquilos".
Puy celebra o respaldo ao autonomismo en Galicia fronte ás críticas de Pontón sobre a perda de peso de Galicia no Estado e a petición de reforma do Estatuto de Caballero
Esa defensa do autonomismo tamén estivo presente no discurso do portavoz do grupo parlamentario do PP, Pedro Puy, quen salientou que "segundo o centro de estudos socioloxicos" un "63%" da poboación galega "apoia o actual estado autonómico". Nesta celebración das catro décadas do Parlamento –que tamén o son do Estatuto– participaron desde a tribuna do hemiciclo o ex presidente da Xunta Fernando González Laxe, a Valedora do Pobo, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os reitores das universidades públicas galegas, alcaldes e alcaldesas de diferentes vilas e cidades e ex presidentes da Cámara como Tomás Pérez Vidal, Xosé María García Leira e Pilar Rojo.
A líder da oposición, Ana Pontón, comezou a súa intervención nunha "máquina do tempo" para valorar as mudanzas do país nestes 40 anos, mais tamén o que non mudou: "Somos unha nación con lingua e cultura propias, cunha idiosincrasia que nos fai diferentes e únicas. Nin mellores, nin peores. Simplemente galegas e galegos. Plurais, con conciencia nacional e con orgullo do noso".
Así, a voceira do BNG recoñeceu a todas "as persoas que loitaron por Galiza" comezando "pola xeración de Castelao e Bóveda, de María Miramontes e Virxinia Pereira que defenderon un Estatuto que nos consolidou como nación histórica"; que rematou nun agradecemento a todos aqueles "que fixeron contribucións importantes nesta Cámara", que resumiu en tres fitos: na lei de Normalización lingüística, na lei Contra a violencia de xénero e na lei Paz Andrade.
"Hai quen considera que o actual marco autonómico é idílico", sinalou Pontón, "pero os datos falan doutra realidade". "Galiza en 1980 representaba o 6,2% PIB do Estado, hoxe só o 5,2%; representabamos o 7,4% da poboación, hoxe o 5,8% e baixando", alegou, para lembrar "problemas como a emigración da xente nova, a precariedade, as baixas pensións, a crise demográfica, o déficit histórico en infraestruturas ou o declive da nosa lingua común, o galego".
"Teñamos a valentía de actualizar o Estatuto", manifestou o portavoz do PSdeG na Cámara, Gonzalo Caballero, quen –citando a Ramón Piñeiro– afirmou que "a autonomía non é a confirmación do pasado, é a confirmación da apertura dun camiño novo". "Non podemos caer no conformismo e estar mirándonos no espello dicindo que todo vai ben", proseguiu, para propoñer elaborar unha "carta de cidadanía" coa que "blindar e dar novos dereitos aos galegos e ás galegas" para "poñer o Estatuto do século XX á altura do século XXI".