Os populares desbotan un encontro do presidente coa líder do Bloque para evitar, argumentan, "privilexios fronte aos demais grupos parlamentarios"
A proposta de novo Plan Xeral de Normalización da Lingua está dende a semana pasada no Parlamento. Minutos antes da súa presentación nun acto público o Goberno galego remitiuno aos grupos parlamentarios e presentou o envío como pórtico dunha negociación cuxo inicio o grupo que sustenta o Executivo, o PP, escenificou este 22 de xullo. Fíxoo convocando un encontro coas demais forzas da Cámara a xeito de "primeira toma de contacto".
Á chamada do PP responderon o PSdeG e o deputado de Democracia Ourensana. O grupo máis numeroso da actual oposición, o BNG, reitera pola súa parte unha reivindicación previa: unha negociación directa entre Ana Ponton é o presidente da Xunta como vía para lograr, sinala a líder do Bloque, "un pacto real a prol do galego".
Os conservadores optaron por encomendar esta reunión non ao seu voceiro parlamentario, Alberto Pazos, nin á número dous do grupo parlamentario e secretaria xeral do partido, Paula Prado, senón a portavoces sectoriais: a ex-conselleira de Educación Carmen Pomar -voceira de Cultura- e mais José Luis Ferro -voceiro de Lingua-. Ao termo das xuntanzas con PSdeG e DO Pomar asegurou que a disposición popular é ao acordo, ao tempo que. censurou a petición do BNG.
O PSdeG advirte de que o "punto de partida" para un posible pacto "non pode ser a igualdade entre linguas", como formula o PP, toda vez que unha delas, o galego, "está minorizada",
Sostén a ex-conselleira que acceder a que Pontón e Rueda negociasen o Plan de Normalización sería tanto como situar o BNG "nunha situación de privilexio fronte aos demais grupos parlamentarios". E o PP, asegura, pretende "coidar" o Parlamento, a "institución onde se debe debater este documento". Neste sentido, di agardar que o BNG "se integre nestes diálogos, nós estamos coa porta aberta" por considerar que é a "única maneira de chegar a un consenso".
O Bloque, mentres, reitera a necesidade de que Rueda "acepte a man tendida da líder da oposición" para "falar en serio e ao máximo nivel sobre o futuro do galego", sinala a deputada Noa Presas. "Cando o PP deixe a un lado a propaganda e queira de verdade protexer o galego e falar en serio terá toda a disposición da nosa portavoz nacional e do conxunto do Bloque" agrega a parlamentaria, ao tempo que lamenta que o presidente "se manteña ausente" do debate en torno ao novo plan xa que, destaca, "nin sequera" asistiu ao evento de presentación: "Debe seguir moi cómodo por tras da pancarta contra o galego", coida.
O PSdeG, pola súa banda, sostivo neste primeiro encontro que o "punto de partida" para un posible pacto "non pode ser a igualdade entre linguas", como formula o PP, toda vez que unha delas, o galego, "está minorizada", o cal o fai merecente de "protección e vantaxes". Os socialistas, apunta a deputada Silvia Longueira, están actualmente a analizar o documento "a fondo" para "detectar onde se pode mellorar, ampliar ou reformular".
O remate destas negociación non pasará, necesariamente, por unha votación no Parlamento. Se ben así foi como culminou o trámite do primeiro Plan Xeral de Normalización, aprobado por unanimidade en 2024, non existe obriga legal de o facer. Neste sentido, na contorna do Goberno galego e do PP non se desbota a posibilidade de que a versión definitiva do plan quede aprobada unicamente no Consello da Xunta no caso de que non exista unha postura unánime sobre o conxunto do texto.