O PP tomba a proposta do BNG para obrigar por lei a dedicar o 25% do gasto sanitario á Atención Primaria

Ana Pontón, durante a súa intervención no pleno CC-BY-NC-SA BNG

Facendo valer a súa maioría absoluta, o PP botou abaixo este martes no Parlamento a proposición lexislativa do Bloque que pretendía introducir na Lei galega de saúde a obrigatoriedade de destinar o 25% do gasto sanitario á Atención Primaria para, segundo a portavoz nacionalista, Ana Pontón, "frear 14 anos de recortes".

O PP botou abaixo a proposta do Bloque para introducir a obrigatoriedade de destinar o 25% do gasto sanitario á Atención Primaria

O intenso debate no pleno da Cámara derivou nun cruzamento de cifras entre o PP e o Bloque. Os populares compararon o gasto en sanidade durante o goberno de coalición (entre 2005 e 2009) e acusaron o BNG de "trilerismo sen límites" e de intentar "enganar" e "manipular" a cidadanía. Segundo o deputado Pazos Couñago, "nunca houbo tanto orzamento para Atención Primaria e para persoal" como nas actuais contas da Xunta.

O certo é que, atendendo aos datos, o orzamento inicial do Sergas para Atención Primaria superou por primeira vez este ano os 1.436,8 millóns que se destinaran en 2009, último ano do executivo bipartito. No resto de exercicios, sempre foi interior. 

Antes da crítica do PP, Pontón -como fixera hai dúas semanas- cifrou en 2.339 millóns de euros os "recortes" impostos pola Xunta desde o regreso á presidencia do PP en 2009, o que converteu á sanidade pública, dixo, "nunha carreira de obstáculos" para a poboación galega, na que, dixo, existe "medo a enfermar, a perder un ser querido, a que un diagnóstico se atrase ou a que unha operación tarde demasiado".

Xa hai quince días, Pontón lanzara a súa denuncia detallando a diminución anual no orzamento de Atención Primaria a respecto de 2009, o derradeiro elaborado polo goberno de coalición de PSdeG e BNG. Sesenta millóns menos en 2010, 150 en 2011... Ata 297 millóns menos en 2015, ano no que empezou a diminuír a fenda ata chegar a este 2023, con 1.526 millóns de euros de orzamento inicial, o que supón 89,81 millóns máis que en 2009 -sen contar o efecto da inflación-. Un saldo negativo de -2.429,61 millóns durante trece anos e unha diferenza positiva de 89,81 millóns no décimo cuarto, este 2023. En total, eses 2.339 millóns de euros.

Para Ana Pontón, "os 14 anos de recortes" dos gobernos do PP "significan meses de espera" para recibir cita nun psicólogo para persoas que "están ao límite", que "miles de nenos non teñan pediatra" en "194 concellos de Galicia", que haxa puntos de atención continuada "sen persoal médico" ou que "moitos" pacientes de cancro "non saiban cando van ter a próxima revisión".

Pontón lembra que a Xunta destina o 11,6% do orzamento sanitario á Primaria, 2,3 puntos menos que a media do Estado e cunha poboación envellecida e dispersa

Ademais, cualificou o modelo de "insolidario" e contrapúxoo ás "alternativas" do BNG para atallar esta situación: aumentar os recursos que chegan Á Atención Primaria, á que a Xunta destina o 11,6% do orzamento sanitario, 2,3 puntos menos que a media do Estado.

Para a líder do BNG, Galicia debería estar "moi por riba" da media estatal neste apartado dadas as características da súa poboación envellecida e repartida de forma dispersa polo territorio, factores que, como remarcou, encarecen a prestación de servizos.

Julio Torrado (PSdeG), durante unha intervención no Parlamento CC-BY-SA PSdeG

Pontón insistiu en que a Atención Primaria necesita máis recursos para "desenvolver un novo modelo" con "persoal suficiente" e "condicións dignas" que permita, ademais, reforzar áreas como psicoloxía, podoloxía ou logopedia. De aí a proposta de fixar na lei que deba dedicarse o 25% do gasto sanitario a esa Atención Primaria, recomendación que, como subliñou Pontón, realiza a Organización Mundial da Saúde (OMS).

O PP retrucou lembrando a Pontón que a Lei galega de saúde que agora quere modificar foi aprobada co seu "voto a favor" como deputada durante o goberno bipartito e que "nunca chegou a destinar o 25%" do orzamento sanitario á Primaria

O PP acusa o BNG de "manter a súa triloxía sanitaria: confusión, bulo e insulto"

Ademais, o PP -como hai dúas semanas-, volveu acusar o BNG de usar a diminución do gasto farmecéutico derivado da compra de xenéricos para "falar de recortes" e, deste xeito, "manter a súa triloxía sanitaria: confusión, bulo e insulto". Todo, para Pazos Couñago, co obxectivo de "preparar a seguinte manifestación".

Unha ollada aos sucesivos orzamentos do Sergas acredita unha notable redución no orzamento inicial destinado a receitas farmacéuticas -estas contas adoitan engordar ao longo de cada ano con sucesivas modificacións orzamentarias-. Sendo isto certo, non o é menos que durante dez exercicios, de 2011 a 2020, a diminución do orzamento do Sergas para Atención Primaria é superior á caída na dotación inicial de cada ano para as receitas de medicamentos nun tempo no que, ademais, os recortes aplicados polo Goberno do PP de Rajoy eliminaran o financiamento público a diversos fármacos.

Concentración pola situación a Atención Primaria en Moaña © Plataforma en Defensa da Sanidade pública

Concretamente, nese período 2011-2020 a diminución acumulada do orzamento de Atención Primaria a respecto de 2009 foi de 2.276 millóns e o da partida de farmacia, de 1.393 millóns. Daquela, 882,93 millóns de euros de redución dos fondos para Primaria do Sergas non son neses anos atribuíbles á farmacia. Nos dous anos seguintes, 2021 e 2022, a caída do gasto farmacéutico nesta área da sanidade pública con relación a 2009 é superior (-123 millóns e -113 millóns) á diferenza do total dedicado a Atención Primaria no derradeiro ano do Goberno de coalición (-45,50 e -47,71). En 2023, o orzamento inicial de farmacia de Atención Primaria é menor que o de 2009 (-132,81 millóns) e o total desta partida sanitaria, maior, cos devanditos +89,81 millóns de euros.

O PSdeG, pola súa banda, apoiou a proposta do Bloque, aínda que puxo como obxección unha cuestión "de forma" posto que entenden que se trata dun asunto de "modelo de xestión" máis que de recoñecemento dun dereito á cidadanía, xa que pese ao aumento da capacidade orzamentaria "poderían seguir facéndose as cousas mal".

O PSdeG apoiou a proposta do BNG pero cre que o fundamental é o "modelo de xestión" para "reverter" a deterioración da Primaria

"Cremos que o importante é o modelo de xestión", incidiu o deputado socialista Julio Torrado, que remarcou a importancia de "reverter" a deterioración da Atención Primaria por parte da Consellería de Sanidade, da que se preguntou se "no fondo" o que pretenden é "mandar as competencias en sanidade a outro goberno e renunciar a elas".

Antes do debate da proposta lexislativa do BNG, a Cámara aprobou por unanimidade dos grupos modificar o marco normativo de tres órganos autonómicos dependentes do Lexislativo galego: o Consello Consultivo, o Consello de Contas e o Valedor do Pobo.

As modificacións parten de solicitudes realizadas polas propias institucións levadas ao pleno polo Grupo Popular e que foron debatidas e votadas polo trámite de lectura única.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.