O PPdeG terá que votar se volve salvar a Valedora horas despois das eleccións xerais

Milagros Otero, tomando posesión como Valedora en 2015, e fragmento da súa segunda carta de renuncia CC-BY-NC-SA Parlamento de Galicia / Praza Pública

No Parlamento galego fálase dende hai semanas do ambiente político que ía imperar no pleno que toca celebrar inmediatamente despois das eleccións xerais do 28 de abril, inevitablemente condicionado polo resultado das urnas. Finalmente, en plena resaca electoral non só se celebrará o pleno ordinario que estaba previsto. Antes, o propio luns 29 de abril, desenvolverase un extraordinario para determinar se Milagros Otero continúa exercendo como Valedora do Pobo ou é destituída.

O luns 29 de abril o Parlamento celebrará o pleno extraordinario forzado pola oposición para votar a continuidade de Milagros Otero como Valedora tras a sentenza por desvío de poder no outorgamento dun posto a unha sobriña de Fraga

Nos primeiros días de abril Otero comunicou á Cámara galega por escrito a súa vontade de "renunciar" ao cargo cando os grupos parlamentarios se puxesen de acordo para substituíla. Fíxoo despois de que o Tribunal Supremo rexeitase o seu recurso contra a sentenza na que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulaba por "desvío de poder" o nomeamento como xefa de servizo na institución de María Puy, sobriña do falecido presidente Manuel Fraga, irmá do actual voceiro parlamentario do PPdeG e filla do catedrático de Dereito da USC Francisco Puy, de quen Otero foi "discípula" académica.

Pero, como veu informando Praza.gal, Otero modificou a redacción desa renuncia apenas vinte e catro horas de formulala. Segundo acreditaron os servizos xurídicos do Parlamento, o xeito en que a tramitou "non cumpre os requisitos" legais para considerala unha renuncia real. Daquela, pode quedar no posto por tempo indefinido. Esta é a razón pola que os grupos da oposición impulsaron a convocatoria do devandito pleno extraordinario no que apenas nove meses despois, o PP terá que volver decidir se salva a Otero ou a deixa caer.

Feijóo, dirixíndose a votar a prol da permanencia da Valedora no seu cargo en xullo de 2018 CC-BY-SA En Marea

Unha vez confirmado que se producirá a votación os populares evitan amosar as súas cartas en plena campaña do 28A. Segundo o seu secretario xeral e vicevoceiro parlamentario, Miguel Tellado, o da Valedora é "un debate superado" porque Otero puxo "o seu cargo á disposición do Parlamento" e agora o que "toca" é "consensuar un nome para substituír tanto a esa persoa como ao adxunto ao Valedor". Isto é, acordar dous nomes que conciten o mínimo de 45 escanos que marca a lei.

O PP evita aclarar cal será o sentido do seu voto pero, entre eloxios á "responsabilidade" de Otero, advirte que o que "toca" é negociar o nome de quen a substituirá a ela e ao seu adxunto

Pero o certo é que antes desas negociacións, a votación do luns obriga a unha decisión binaria sobre a continuidade de Otero, de quen Tellado eloxia o seu sentido da "responsabilidade". En Marea, PSdeG e BNG votaran pola súa destitución e só os votos do PP a poden salvar, como fixeron en xullo de 2018.

Pola banda da oposición a situación é clara. "Esta Valedora que antes de selo participaba en faladoiros de radio como simpatizante do PP non pode continuar no cargo un día máis", afirma Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea, para quen a actitude dos populares ante este caso xa pasou a liña de "rir da xente". 

Tamén o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga resalta que tras a confirmación da sentenza por "desviación de poder ao amañarlle unha praza á irmá do voceiro do PP" non queda outra saída que destituír a Otero, a quen a vicevoceira do BNG, Olalla Rodil, atribúe un exercicio de "nepotismo" e "caciquismo" incompatible co cargo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.