O auditorio de Abanca en Santiago de Compostela acolleu na tarde do pasado xoves a cerimonia de gradación da primeira promoción da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE). É o alumnado dos graos de Enxeñería en Sistemas Intelixentes, Administración de Negocios Dixitais, Administración e Dirección de Empresas, e Enxeñería da Empresa e os primeiros titulados no Máster in Business Administration (MBA) deste centro privado propiedade de Abanca.
O padriño dos 128 estudantes graduados foi Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, "unha figura moi simbólica para a institución, xa que baixou a súa presidencia aprobouse a lei que deu vida á UIE", aclarou a propia entidade académica.
MIguel Santalices, presidente do Parlamento, foi elixido como padriño da promoción porque "baixo a súa presidencia aprobouse a lei que deu vida á UIE"
Foi en xullo de 2021, hai case cinco anos, cando esta universidade privada obtivo o visto e prace da Cámara galega, un dos últimos requisitos que lle faltaba para o seu nacemento, e logo de que a maioría absoluta do PP aprobase a lexislación para o seu recoñecemento, co rexeitamento frontal de BNG e PSdeG.
Á cerimonia deste pasado xoves, que celebra a gradación da primeira promoción da universidade de Abanca, acudiron tamén o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e os vogais do padroado da UIE, Francisco Botas, Juan Carlos Escotet, Silvia García e Raúl Velloso.
Tras a alocución de honra por parte de Santalices, Víctor Vega Sobral, en representación dos estudantes de grao, subliñou o modelo diferencial da UIE, no que como pioneiros deste proxecto aprenderon "a avanzar sen mapas, sen precedentes" e destacou como a universidade lles aprendeu algo que non aparece no título de grao: "Tivemos materias deseñadas para facernos mellores persoas, non só mellores estudantes. Aprendemos a coñecernos, a poñernos diante dun espello sen filtros, a xestionar a tensión e as emocións, a ser asertivos cando facía falta ou a colaborar entre perfís diferentes".
A IA transformará o mundo
Pola súa banda, Oriol Palomo Fernández, como representante dos estudantes de posgrao, destacou as virtudes do alumnado titulado hoxe e tamén o acompañamento do equipo da UIE durante todo o traxecto, mentres que o reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet, foi relatando, a través da historia da universidade, unha metáfora sobre o que a universidade dá á sociedade.
"Sodes unha cohorte que termina no inicio do novo mundo dos algoritmos, da xeración axente, dunha tecnoloxía, a IA, que transformará o mundo que vén e que debedes comprende, pero tampouco elevemos aos altares unha tecnoloxía como a IA, que nin é inferior nin superior a moitas outras que xurdiron en diferentes épocas da historia IA. O ser humano, vaidosamente, cre que o seu tempo é extraordinario. Pero cada tempo foino para os pobos desa época que o viviron", dixo.
A universidade de Abanca impartirá o vindeiro curso a novena titulación de Enfermería en Galicia
O reitor desta universidade privada subliñou que "a UIE entrega á sociedade a súa primeira promoción de graduados e, ao facelo, demostra que o pensamento utópico é posible, que as ideas que planificamos hai anos son unha realidade tanxible, un caladoiro vivo de pensamento e progreso".
"Durante estes catro cursos aprendestes a lanzar as redes de pensamento analítico no mar da incerteza, a interpretar as mareas dunha contorna tecnolóxica e social en constante mutación, e atrevéstesvos a pensar e cuestionar unha realidade diversa, complexa, con cambios exponenciais", rematou.
A UIE lembra que implantou nos seus primeiros catro anos de vida seis graos e que o vindeiro curso incorporará ás súas titulacións o Grao de Enfermaría, o noveno en Galicia, desenvolvido xunto a HM Hospitales, ou o Máster Universitario en Psicoloxía Xeral. En 207-28 chegarán Fisioterapia e Biomedicina, cuxo proceso de verificación "iniciarase este mes de xuño".