Como delegado da Casa Real na cerimonia da Traslación Miguel Santalices salienta que o Estado de Benestar "contrasta" coas necesidades "de moitos dos nosos semellantes"
Falando supostamente en nome do Rei o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, pediu este luns na catedral ante o Apóstolo Santiago na tradicional cerimonia da Traslación que a clase política atenda as necesidades da cidadanía e, entre outras cuestións, aposte por un novo sistema de financiamento autonómico "equilibrado, no que se priorice as persoas por riba dos territorios", unha frase similar á que veñen repetindo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e outros cargos do PP, entre eles Alberto Núñez Feijóo. Santalices tamén pediu ao Apóstolo "paz e saúde" para toda a cidadanía e para o propio monarca ante unha "sociedade necesitada de sólidos referentes institucionais".
A cerimonia da Traslación que se celebra todos os 30 de decembro lembra a lenda do traslado dos restos do Apóstolo Santiago tras a súa decapitación desde o porto de Haifa, próximo a Xerusalén, ata Galicia, onde previamente tería predicado en vida o palestino discípulo de Xesús. Desde 1642 a Casa Real española está presente, a través do seu xefe ou dunha persoa que o represente, na catedral de Santiago para conmemorar esa lenda cunha ofrenda ou "invocación".
Nos anos cunha especial carga simbólica, como os xacobeos, adoita estar presente un membro da Casa Real, mentres que noutros como este faino a través dun representante, que desta volta volve ser o presidente do Parlamento de Galicia (Santalices xa o foi en 2017, 2018, 2019 e 2023). Noutros anos o delegado rexio é o presidente da Xunta (Rueda tampouco asistiu á cerimonia deste ano e optou por ir á apertura dos viadutos reparados na A-6) ou quen ostente a alcaldía de Santiago.
En anos anteriores, tanto nesta ofrenda como na que tamén se celebra cada 25 de xullo, o día de Santiago, a Casa Real ou os seus delegados puxeron en mans do Apóstolo a solución de problemas políticos como a corrupción, a sostibilidade do Estado de Benestar, a unidade de España ou a inmigración. Desta volta Santalices diferenciou as súas peticións ao Apóstolo doutras reflexións dirixidas á clase política. Foi entre estas cando apelou a un sistema de financiamento en liña co reclamado polo PPdeG. Pero tamén lamentou que o Estado do Benestar "contrasta" coas necesidades que seguen a sofrer "moitos dos nosos semellantes". Nesa liña apelou a "seguir construíndo unha sociedade de persoas libres e iguais en dereitos e deberes".
Santalices falou dunha "sociedade entregada ao invidualismo e a frivolidade" e dun mundo sometido a "cambios profundos e acelerados pola impaciencia do ser humano" no que segue a escoitarse o "tráxico ruído das guerras", entre as que citou as de Ucraína e "Oriente Medio". Tamén tivo verbas de lembranza para as riadas do Levante e para as vítimas de violencia. E en liña co seu discurso de defensa da estabilidade e das institucións, o presidente do Parlamento rematou a súa intervención pedindo ao Apóstolo "paz e saúde" en xeral e en particular para o Rei.
O arcebispo considera "inaceptable utilizar os migrantes ou refuxiados como arma política"
Pola súa banda, o arcebispo de Santiago, José Prieto, pediu "alzar a voz sen medo en defensa de quen sofre" e manter a "necesaria acollida e integración das persoas migradas". "É inaceptable utilizar os migrantes ou refuxiados como arma política", dixo, "cando xa acumulan dor polo desarraigo e o abuso das mafias". O arcebispo tamén tivo palabras para as "dificultades de acceso á vivenda" e pediu ao Apóstolo eliminar a violencia e as guerras que "arrasan coa verdade, a xustiza e a vida".