Dous anos e medio despois da caída dun viaduto da A-6 en Pedrafita mentres se facían nel traballos de mantemento, este luns a autovía de conexión do norte de Galicia coa Meseta quedou reaberta por completo. O ministro de Transportes, Óscar Puente, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mesmo se desprazaron ata o lugar e celebraron alí un acto como se en vez dunha reparación se producise unha inauguración.
O ministro de Transportes anuncia a apertura en xaneiro do treito Melide-Palas da A-54 Lugo-Santiago e o seu remate total ao longo de 2025 coa posta en servizo do derradeiro treito Arzúa-Melide
Tras a caída do viaduto en xuño de 2022, o ministerio decidiu demoler tamén o outro paralelo, que presentaba os mesmos problemas estruturais, e reconstruír por completo os dous. Durante meses o tráfico nos dous sentidos de circulación foi desviado polo centro da vila de Pedrafita, ata que hai un ano, en decembro de 2023, abriu ao tráfico, cun único carril en servizo, o viaduto en sentido á Meseta. E agora habilítanse por completo os dous carrís dese viaduto e o novo viaduto en sentido Galicia, con tres carrís para facilitar a circulación de vehículos lentos.
Na súa intervención Puente asegurou que esta é "unha obra nova e non un remendo, é un estreo e non unha reposición". E cifrou en 90 millóns de euros o investimento realizado nos novos viadutos.
Na súa visita o ministro tamén avanzou que en xaneiro estará operativo o treito de 12 quilómetros entre Melide e Palas de Rei da longamente demorada autovía Lugo-Santiago. Tamén asegurou que ao longo de 2025 rematarase por completo esa infraestrutura coa apertura do último treito Arzúa-Melide, de 16 quilómetros.
Puente tamén puxo en valor as novas rebaixas de peaxe para usuarios recorrentes da AP-9 que entrarán en vigor este mércores 1 de xaneiro.