O PSdeG abordará os casos de acoso no seu máximo órgano entre congresos

Besteiro intervén no Comité Nacional do PSdeG o 15 de novembro de 2025 CC-BY-NC-SA PSdeG

As denuncias de acoso sexual contra o xa presidente dimisionario da Deputación de Lugo, José Tomé, están a ter unha repercusión no seo do PSdeG que vai alén do propio caso en torno ao tamén alcalde de Monforte. Unha vaga expansiva que atinxe dende a xestión das alertas sobre Tomé no seo da formación e as críticas e explicacións públicas ao respecto ata a orixe das informacións divulgadas na canle televisiva Cuatro. Todas estas vertentes van ser abordadas no máximo órgano do partido entre Congresos: o Comité Nacional.

A dirección dos socialistas confirma a convocatoria do Comité Nacional Galego, onde as Xuventudes do partido reclamaran reunirse para "frear o ruído, dar explicacións transparentes e non estar pendentes da prensa amarela"

Diante deste escenario, nos últimos días xurdiron varios manifestos que circulan entre cargos e a militancia. Ata tres con reproches de maior ou menor intensidade contra a Executiva Nacional que preside José Ramón Gómez Besteiro e cando menos un que avala o seu proceder e censura o emprego de casos de acoso sexual para fins internos alleos a esas condutas. Entre eles emerxeu tamén a reclamación, por parte das Xuventudes Socialistas, de convocar o devandito Comité Nacional como vía para "frear o ruído, dar explicacións transparentes e non estar pendentes da prensa amarela". E así vai suceder.

Besteiro refírese ás denuncias por acoso sexual no seo do PSdeG, este 16 de decembro no pleno do Parlamento CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

Este mércores o equipo de Besteiro confirmou a convocatoria, para o luns 22, dunha Executiva Nacional extraordinaria. Nese encontro da dirección do partido, indican, o secretario xeral vai "informar sobre distintos asuntos da actualidade política e orgánica". Entre eles, "a convocatoria e celebración dun Comité Nacional", que necesariamente terá no centro os acontecementos dos últimos días, dende o caso Tomé ata as máis recentes acusacións de acoso laboral contra o alcalde de Barbadás.

"Xamais ningunha vítima se dirixiu á dirección do PSdeG" e "mente quen diga o contrario", asegura a Executiva Nacional da formación

A Executiva encadra este Comité Nacional "no seguimento da actividade interna do partido e na análise do contexto político actual". Besteiro activa esta vía despois de que, este pasado mércores, defendese publicamente que a dirección que encabeza actuou con "contundencia" contra Tomé en canto existiu unha alerta formal a través da canle interna do partido contra o acoso. "Sempre", sostivo, dixo a "verdade" sobre o que coñecía das denuncias contra o presidente dimisionario da Deputación de Lugo e afirma que procurou "preservar" o anonimato das posibles vítimas.

Preguntado polas voces internas que piden responsabilidades ou mesmo poidan formular a súa dimisión, o lucense desbotou esa vía por completo. "Dimitir ten que dimitir o que acosa", resolveu

José Ramón Gómez Besteiro, en conferencia de prensa este pasado martes no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

A Executiva Nacional do PSdeG confirmaba estes novos movementos escasas horas despois de transmitir aos medios a súa intención de "estudar todas as accións posibles" cara ao que considera unha "campaña de difamación" por parte de Código 10, o programa de Cuatro que publicou as denuncias contra Tomé e que este mércores volveu abordar a cuestión. Tras a nova emisión, o partido asegura que "xamais ningunha vítima se dirixiu á dirección do PSdeG", a cal "sempre recomendou denunciar cando tivo coñecemento, a través dun terceiro por primeira vez o pasado 7 de outubro, dun presunto acoso". "Mente quen diga o contrario", aseguran.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.