O PSdeG acusa a Xunta de inserir candidatos do PP ás alcaldías en actos oficiais como "plataforma de publicidade electoral"

A deputada do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo e o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, no Parlamento CC-BY-SA PSdeG | Xoán Crespo / Xunta

Nos últimos meses é habitual a aparición en actos oficiais da Xunta en diferentes concellos de candidatas e candidatos do PP ás alcaldías como parte das comitivas do Goberno galego. Especialmente en concellos onde os populares non gobernan, que son os que aglutinan a maioría da poboación do país.

Nalgúns casos, o convite realízase alegando que as cabezas de cartel dos populares son convidadas porque ostentan outros cargos actualmente -caso da ex-alcaldesa de Mondoñedo e agora candidata en Lugo, Elena Candia, incluída en diversos actos do Goberno na súa condición de vicepresidenta do Parlamento-. Noutros, que acoden por suxestión dalgunha outra entidade participante no evento.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez (segunda pola esquerda), anunciando investimentos no Porto de Ferrol co candidato do PP e sen o alcalde CC-BY-SA Xunta

A situación vén causando notables receos no espectro político da esquerda dende hai meses. Especialmente no PSdeG, cuxas alcaldesas e alcaldes gobernan sobre arredor do 55% da poboación galega. A cuestión foi trasladada polos socialistas ao último pleno do Parlamento, onde o vicepresidente Diego Calvo dixo estar en condicións de "desculparse" no caso de que houbese algún erro protocolario, se ben mantén que "sempre que imos nunha visita institucional, está convidado o alcalde sexa do partido que sexa".

Para o PSdeG, a afirmación de Calvo non se corresponde coa realidade. A súa voceira en materia de política municipal, Begoña Rodríguez Rumbo, ve acreditado o "uso partidista da Xunta como plataforma de publicidade electoral para candidatos municipais do PP". Así o acredita, defende, un "rosario de casos nos que convocan os candidatos e deixan fóra os alcaldes e alcaldesas".

O delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, nun acto no que anunciou investimentos para o Concello con presenza da candidata á alcaldía polo PP (á súa dereita) pero non da alcaldesa do PSdeG, Verónica Pichel, en xaneiro de 2023 CC-BY-SA Xunta

Rodríguez Rumbo exemplifica a súa acusación d que cre unha "falla de respecto institucional e un ataque á democracia" con eventos como unha visita a Ferrol da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, "onde anunciou investimentos financiados polo Plan de Recuperación xunto co candidato do PP, deixando fóra o alcalde", o socialista Ángel Mato. Igual aconteceu en Viveiro, cando delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, "fixo entrega de chaves de vivendas en Mondoñedo e Viveiro co alcalde da primeira localidade, do PP, e co voceiro do PP" viveirense no canto da alcaldesa socialista, María Loureiro.

O vicepresidente Calvo mantén que "sempre que imos nunha visita institucional, está convidado o alcalde sexa do partido que sexa" e reprocha ao PSdeG ausencia de convites á Xunta en actos organizados polo Goberno de España en Galicia

Anuncios de melloras nun instituto de Vilalba con concelleiros do PP e non coa alcaldesa do PSdeG, anuncios de investimentos coa candidata do PP en Forcarei pero sen a alcaldesa socialista, Verónica Pichel, son para Rodríguez Rumbo outros exemplos de condutas que, advirte, atinxen tamén a outras formacións da esquerda. Así, por exemplo, o propio Calvo "protagonizou a entrega d equipamento de deporte a clubes e entidades de Pontevedra sen convidar o alcalde", Miguel Anxo Fernández Lores (BNG).

No caso concreto da entrega de material deportivo, o vicepresidente Calvo xustifica a ausencia de autoridades municipais en que son os clubes receptores quen deciden quen asiste aos eventos. Alén disto, o número tres da Xunta rexeita recibir "clases" de cortesía institucional porque, reprocha, cargos do Goberno de España tamén realizan actos en Galicia aos que acoden representantes institucionais do PSdeG pero non son convidados cargos da Xunta. A Rodríguez Rumbo, ademais, reprochoulle un mal "uso dos medios públicos" porque foi entrevistada na televisión local de Cerceda sendo membro do goberno local no marco dunha visita de Gonzalo Caballero cando era líder do PSdeG quen, reprocha, tamén foi entrevistado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.