As cancelacións de varias leis da memoria histórica en autonomías gobernadas polo PP e Vox e a enésima promesa de Alberto Núñez Feijóo de que, se chegase a gobernar no estado, derrogaría a Lei de Memoria Democrática, está a facer ecoar a desaparición destas políticas públicas en Galicia tras o retorno dos populares á Xunta en 2009. Una supresión que só é paliada dende que, a partir de 2021, o actual Goberno de España transfire fondos para cometidos tan concretos como a exhumación de fosas comúns onde aínda permanecen os restos de persoas represaliadas polos golpistas.
A deputada Patricia Iglesias advirte de que non destinar fondo propio ningún impmlica, na práctica, "obstaculizar" dende a Xunta a aplicación da lei en Galicia
Con este pano de fondo, no inicio da nova lexislatura o PSdeG pon o foco en que o Goberno galego do PP teima en "tender un manto de silencio" sobre a aplicación da Lei de Memoria Democrática en Galicia, en verbas da deputada Patricia Iglesias. Non en van, advirte, a Xunta "obstaculiza" de facto o seu cumprimento ao non destinar "nin un euro" de fondos propios e limitarse a aplicar, coa menor difusión posible e "arrastrando os pés", os fondos que transfire o Estado.
"Como fixeron con toda a normativa que implica avance nos dereitos sociais", sinala a parlamentaria socialista en referencia a outras leis como a do aborto, a de eutanasia ou a lei de vivenda estatal, a Xunta do PP tamén atracanca a Lei de Memoria. Un "filibusterismo político", agrega a voceira socialista de Xustiza, Paloma Castro, que é continuo na materia dende que "aniquilaron o Plan de Memoria que deixara en marcha o Goberno de Pérez Touriño, cun millón de euros".
As deputadas socialistas propoñen a aprobación dun Plan de Recuperación da Memoria Histórica de Galicia que recolla o testemuño do "Plan de Memoria que deixara en marcha o Goberto de Touriño cun millón de euros", "aniquilado" tras o retorno do PP á Xunta en 2009
Neste contexto, o PSdeG avanza que no inicio da nova lexislatura formularán iniciativas parlamentarias para o cumprimento completo da Lei de Memoria Democrática en Galicia. Entre elas, salientan, proporán "declarar o 8 de maio como día de recordo e homenaxe ás vítimas do exilio como consecuencia da guerra e da ditadura" e o 31 de outubro, como xornada de homenaxe "ás loitas individuais e colectivas" pola "conquista dos dereitos, as liberdades e a democracia".
Estas conmemoracións, agregan, deberan integrarse nun "Plan de Recuperación da Memoria Histórica en Galicia". O encargado de aplicalo, sinalan, serían un organismo de nova creación, o Instituto da Memoria, a Convivencia e os Dereitos Humanos", que tamén poría o foco en aspectos concretos como "a reivindicación das mulleres como suxeitos políticos e vítimas da represión", para que as nenas da actualidade "poidan ter como referentes a todas as mulleres que loitaron pola liberdade, a democracia e a nosa autonomía".