"É esperanzador ver que hai socialistas que decidiron plantar cara ás corruptelas de Besteiro, Pardo de Vera, Lara Méndez e o presidente da Deputación. Todo o meu respecto", escribiu Gonzalo Trenor, parlamentario do PP pola Coruña
"Es esperanzador ver que hay socialistas que han decidido plantar cara a las corruptelas de Besteiro, Pardo de Vera, Lara Méndez y el presidente de la Diputación. Todo mi respeto.". Foi o que escribiu na rede social X o deputado do PP Gonzalo Trenor, delegado do Goberno galego na Coruña durante a pasada lexislatura, o pasado martes para comentar unha noticia sobre as discrepancias no seo do grupo provincial socialista na Deputación de Lugo, que deixaron o goberno da institución en minoría durante varias votacións no pleno.
A dirección galega do PSdeG considera que esa afirmación vai alén dunha crítica e por iso se dispón a pedir formalmente amparo ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices. Trátase, cren, de "declaracións que revisten especial gravidade no contexto actual", despois de que "hai poucos días se pechase definitivamente a causa xudicial que, a partir de denuncias anónimas falsas, mantivo a Besteiro afastado da vida política durante máis dunha década", sinalan en referencia ao arquivo da peza central da Operación Pulpo.
Alén da afectación que este caso tivo para o secretario xeral do PSdeG, lembra o partido que "tampouco Lara Méndez", actual secretaria de organización da formación, "quedou á marxe dese acoso político e xudicial". Durante a súa etapa como vicepresidenta da Deputación, a ex-alcaldesa de Lugo "sufriu un proceso aberto durante seis anos que, igual que no caso de Besteiro, rematou sen xuízo e sen consecuencias máis alá do intento de desgaste público e político".
Os socialistas cren que as declaracións teñen "especial gravidade" tras o arquivo final do caso Pulpo, "que a partir de denuncias anónimas falsas mantivo a Besteiro afastado da vida política máis dunha década"
"Todo isto -consideran- demostra que aquelas acusacións eran falsas" e "por iso resulta aínda máis grave que agora se repitan, nesta ocasión dende a conta dun deputado, como parte dunha estratexia de acoso político que xa coñecemos de sobra". "Este é o modus operandi que instaurou Alberto Núñez Feijóo no PP: primeiro con denuncias anónimas, agora desde as redes sociais. E que Alfonso Rueda mantén con fidelidade absoluta", afirman.
Por todo isto, conclúen mentres tamén "estudan posibles medidas legais para atallar de raíz este tipo de infundios", os membros do Grupo Socialista piden amparo a Santalices e reclaman a Trenor que "elimine de inmediato a súa mensaxe e pida desculpas públicas por unha acusación tan grave como falsa". "En política non todo vale" e "chegou o momento de empezar a denuncialo con claridade", cren.
Nunha primeira reacción a través da mesma rede social, Trenor fala de "crisis política gallega" e sinala que "a raíz de mi actividad en X el PSdG da una rueda de prensa pidiendo al Presidente del Parlamento amparo y anuncian que estudian medidas legales". Esta nova entrada relaciónaa con outra na que asegura coñecer unha enquisa "que da al PSOE gallego 5 diputados en el Parlamento gallego, pierde la mitad de sus votantes".