A actual vaga da pandemia da COVID-19, cuxos efectos xa están a remitir en Galicia, implicou cotas inéditas de casos activos e con elas, unha fortísima presión en elos do sistema como o rastrexo ou a Atención Primaria mentres impactaba proporcionalmente menos en termos de ingresos hospitalarios. Así, por exemplo, o pasado xaneiro o Sergas daba en suprimir toda a actividade non urxente en 14 centros da área sanitaria de Vigo mentres profesionais de diversos puntos do país advertían de que o sistema estaba ao límite.
Neste contexto, o Goberno galego asegurou estar a traballar en varias vías para desconxestionar os centros -por exemplo, liberándoos de certas cargas burocráticas- e, ao tempo, sinalou o Goberno de España como responsable último de que, por exemplo, non haxa máis persoal dispoñible para os centros de saúde. Mentres, colectivos de persoal e a oposición parlamentaria reiteraron a súa reivindicación de mellores condicións laborais para evitar esa escaseza.
É con este pano de fondo co que o PSdeG vén de rexistrar no Parlamento a súa proposta de reforma sanitaria. O plan, presentado este luns polo secretario xeral dos socialistas, Valentín González Formoso, está encabezado pola proposta de que as consultas en Atención Primaria "teñan garantida a dispoñibilidade no tempo máximo de 2 días".
O texto rexistrado polos socialistas contempla declarar como "prioritario de reforzo do persoal" a cada centro de saúde que non dea atendido as citas en dous días. A Xunta, advirte Formoso, non debe estar "unicamente para poñer deberes" ao Goberno de España
O texto promove incluír este precepto na lei de garantías de prestacións sanitarias do ano 2013 e, xunto a el, agrega que "non poderá ser aplicado" o criterio de remitir o paciente á sanidade privada se a pública non dá cumprido o prazo máximo -a actual lei contémplao para intervencións cirúrxicas-. "A existencia de incumprimentos reiterados" nese tempo máximo de dous días motivará a súa condición de centro prioritario de reforzo de persoal", indica.
Asemade, a iniciativa que o PSdeG defenderá na Cámara contempla que o Sergas "estableza un número máximo de consultas e outros procesos asistenciais para cada profesional e categoría" e que o persoal médico dos centros de saúde dispoñan "dun catálogo de probas diagnósticas que poidan ser demandadas" directamente, sen "solicitude intermedia doutro profesional". Estas medidas e outras orientadas ao reforzo do persoal, di González Formoso, amosan que o Goberno galego "non está unicamente para poñer deberes" ao Goberno central, "senón tamén para propoñer solucións".
Os centros de saúde, agrega Formoso, non poden tender a ser "un servizo de atención telefónica". Neste sentido, agrega o voceiro da formación en materia sanitaria, Julio Torrado, a "finalidade última" da reforma sanitaria que vén de rexistrar o PSdeG é "garantir a maior calidade sanitaria para o paciente" e "reforzar a calidade asistencial, para que non se repita o peche de servizos" sufrido por centros de saúde da área viguesa o cal derivou, a xuízo dos socialistas, "da incapacidade de xestión do Goberno galego".