O PSdeG ve "inmoral" o gasto de 500.000 euros en letreiros "de propaganda" en hospitais do Sergas

Simulación do novo rótulo do hospital de Pontevedra, incluída nos pregos do contrato do Sergas CC-BY-SA Praza Pública

O gasto da Consellería de Sanidade en letreiros luminosos coa lenda "hospital público" para centros sanitarios que levan anos a funcionar está a piques de elevarse ata os 600.000 euros. Sucederá en canto se asinen os contratos lanzados pola Xunta a mediados de marzo para instalar por medio millón de euros estes rótulos en dez hospitais das áreas de Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense, que se engaden aos xa mercados na área da Coruña por 150.000 euros.

Como a anterior, esta nova compra de letreiros de "hospital público" prodúcese nun momento convulso no sector sanitario e suscitou xa as primeiras reaccións críticas no ámbito político. Dende o PSdeG o seu deputado Abel Losada ve "inmoral, en termos de cidadanía", que a Xunta destine "eses recursos a unha campaña de publicidade e propaganda" cadrando "cos problemas que está habendo en termos de saturación dos servizos" sanitarios e de protestas do persoal.

Abel Losada (PSdeG) censura o gasto de 500.000 euros máis "en propaganda" en plena vaga de protestas de persoal e usuarios do Sergas

Losada pon o foco nun dos lotes dese contrato, o destinado aos hospitais vigueses, para afirma que "ademais, no caso de Vigo, é publicidade enganosa" porque "non é certo, por moito que teimen, que o hospital [Álvaro Cunqueiro] sexa público". "Hai que distinguir entre a prestación do servizo" clínico, "que si é publico", e o propio complexo do hospital, matiza. "Terían que poñer ao lado dese letreiro outro para explicar por que pagan 70 millóns de euros ao ano a unha empresa privada" nese hospital, ironiza.

Simulación dos novos letreiros que serán instalados no hospital do Salnés, incluída nos pregos do contrato CC-BY-SA Praza Pública

"Alguén no Goberno debe ter algún amigo cunha empresa de letreiros", ironiza Losada sobre os rótulos, cuxa compra a Xunta xustifica para "mellorar a visibilidade" dos hospitais

En calquera caso, Losada considera que "chove sobre mollado", dado que a Xunta xa puxo en marcha contratos semellantes no pasado. "Alguén no Goberno autonómico e na Consellería de Sanidade debe ter algún amigo cunha empresa de letreiros", sinala, xa que se no caso de Vigo "podo entender" que a finalidade é "lograr o obxectivo político de enganar os cidadáns", noutros centros como o hospital do Salnés, "terían que explicar" a necesidade de indicar na fachada que se trata dun hospital público. "Terían que explicarmo e non pretendo ser maledicente nin desconfiado", conclúe.

Como informou Praza.gal, a propia Xunta inclúe nos pregos do contrato unha sintética xustificación da necesidade de facer este gasto. Segundo Sanidade, a finalidade dos novos rótulos luminosos coa lenda "hospital público" é "mellorar a visibilidade e localización dos centros hospitalarios públicos da comunidade autónoma" e, ademais, impulsar "medidas de aforro e eficiencia enerxética nos rótulos luminosos". Para facelo pon sobre a mesa 501.600,45 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.