O Supremo ratifica que nas xerais de xullo a CRTVG quixo discriminar a Vox, que tentaba quitar escanos a Feijóo

Sentenza do Tribunal Supremo que desestima o recurso da CRTVG contra a Xunta Electoral Central © Imaxe: CRTVG | Montaxe: Praza Pública

O alto tribunal desestima o recurso dos medios públicos contra un acordo da Xunta Electoral que censurou que aplicar á formación de extrema dereita un criterio de proporcionalidade distinto ao resto de partidos "non resulta razoable"

O Tribunal Supremo vén de facer pública unha sentenza que desestima un recurso presentado pola CRTVG contra un acordo da Xunta Electoral Central que nas eleccións xerais do pasado 23 de xullo censurou que os medios públicos galegos reduciran o tempo destinado a Vox dun xeito que "non resulta razoable" e que supuña unha "discriminación" a respecto do resto de partidos. A CRTVG acatara pero recorrera ese acordo e agora o Supremo ratifícao. Nesas eleccións a formación de extrema dereita liderada por Santiago Abascal tentaba quitar escanos en Galicia ao PP de Alberto Núñez Feijóo, o que non logrou.

No reparto de tempos para as informacións electorais dos comicios do pasado xullo a CRTVG tivo en conta os resultados en Galicia das anteriores xerais de 2019. Así, o PP, que tivera o 31,94% do voto, recibiu en cada bloque informativo un minuto e 33 segundos (1'33"), o 31,28% do PSdeG recibiu 1'31", o 12,66% de Sumar herdado de Galicia en Común tivo 36" e o 8,13% do BNG tivo 23". Pero Vox, que obtivera o 7,8% dos votos en 2019, só recibiu 15", en lugar dos 22" que despois estableceu a Xunta Electoral que lle correspondían.

A CRTVG aplicara unha proporcionalidade distinta ás formacións que obtiveran escanos en Galicia nos anteriores comicios e a Vox, que non os lograra pero que debía ser considerado como "grupo político significativo" por superar o 5%. 

"Tampouco parece que haxa ningunha outra razón para establecer esa discriminación posto que os tempos asignados son todos eles dunha duración reducida", dicía o acordo da Xunta Electoral Central agora ratificado polo Supremo

A Xunta Electoral Central estableceu, nun acordo do 12 de xullo de 2023, que "no caso de Vox non se utilizou a mesma regra de proporcionalidade que o das formacións con representación parlamentaria, o cal non resulta razoable posto que o criterio que se tivo en conta non é o de escanos obtidos, senón o de votos válidos recibidos". 

"Unha cousa é que os grupos sen representación non poidan ter un tratamento igual ou superior a aqueles que a acadaron e outra que o criterio de proporcionalidade utilizado non se siga respecto dun grupo político significativo", engadira o ente que vela pola limpeza das convocatorias electorais, que sentenciaba que "tampouco parece que haxa ningunha outra razón para establecer esa discriminación posto que os tempos asignados son todos eles dunha duración reducida".

Resolución da Xunta Electoral Central que agora avala o Tribunal Supremo fronte o criterio da CRTVG © Imaxe: CRTVG | Montaxe: Praza Pública

A Xunta Electoral Central estimou polo tanto nese aspecto o recurso que presentara Vox e estableceu que a CRTVG tiña que destinar máis tempo a esa formación nos seus bloques informativos. Tamén estableceu que no acto de peche de campaña se compensase a Vox con máis tempo pola redución irregular que xa se producira no acto de apertura. 

A Xunta Electoral Central dixo que a CRTVG si actuara ben, en contra do que reclamara Vox, ao limitar a participación nos debates e entrevistas electorais a só os grupos con representación previa en escanos e non aos "significativos" como a formación de extrema dereita.

O acordo da Xunta Electoral Central era firme en vía administrativa e só recorrible ante o Supremo, ante o que a CRTVG decidiu acatalo e aumentar os tempos de Vox pero recorrelo. E agora chega o resultado dese recurso, coa sentenza do Supremo con data do pasado 25 de abril pero feita pública nas últimas xornadas.

A resolución xudicial recolle como a Fiscalía avalou o criterio da Xunta Electoral Central e como esta, representada polo tamén letrado das Cortes Xerais, insistiu en que non había "razón que xustificase o tratamento" que os medios públicos galegos deron a Vox e que "ese criterio de proporcionalidade aritmética non o fixou a Xunta Electoral Central, senón a CRTVG, logo debía aplicalo a todas as formacións, tamén ás significativas, non só ás representativas". A Xunta Electoral Central mesmo salientou que a CRTVG si actuara ben, en contra do que reclamara Vox, ao limitar a participación no debate e as entrevistas electorais a só os grupos con representación previa en escanos e non aos "significativos" como a formación de extrema dereita.

Debate electoral polo 23X na CRTVG CC-BY-SA CRTVG

A decisión final do Supremo ratifica que Vox, malia non lograr escanos en Galicia nas anteriores eleccións, tiña co 7,8% dos votos "a condición de grupo político significativo, o que non está en cuestión". E di que a Xunta Electoral Central aplicou ao caso dun xeito "lóxico e coherente" unha instrución dela mesma de 2011 que establecía que a proporcionalidade dos grupos significativos debe ser a mesma que a dos grupos con representación. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.