O Tribunal da UE volve investigar a depuración en Galicia tras 5,7 millóns en multas en Vigo, Santiago e Ribeira

Unha depuradora nun concello galego © Edar Bens

A Comisión Europea leva a España ante a xustiza por seguir incumprindo o saneamento de augas en 114 aglomeracións urbanas, catro delas galegas, dúas por non depurar e dúas por non controlar o depurado

En 1991 a Unión Europea aprobou unha Directiva que obrigaba a que as aglomeracións urbanas de máis de 15.000 habitantes recollesen e depurasen as súas augas residuais con certos requisitos antes de 2001 e as aglomeracións de máis de 2.000 habitantes antes 2006. 

Máis de dúas décadas despois, e logo de que a demora no saneamento de Vigo, Santiago e Ribeira xa supuxese unha condena e multas por cando menos 5,7 millóns de euros ata 2020, agora a Comisión Europea vai levar novamente a España ante o Tribunal de Xustiza da UE por seguir incumprindo esa directiva en 114 aglomeracións en todo o Estado, catro delas en Galicia, dúas por non depurar as augas e outras dúas por non controlar posteriormente a calidade das verteduras xa depuradas. 

Sede do Tribunal de Xustiza da UE, en Luxemburgo © TXUE

A normativa europea inclúe varios requisitos para a depuración das augas residuais urbanas, comezando pola súa recollida con redes de colectores e seguindo por tres tipos sucesivos de tratamento: primario ou físico-químico, no que se decantan lodos e graxas, secundario ou biolóxico, no que se reduce a materia orgánica, e terciario ou avanzado, no que se actúa contra nitratos ou fósforo. A normativa establece a aplicación duns ou doutros requisitos en función do tamaño da aglomeración urbana ou se a vertedura final vai a lugares considerados sensibles ou normais. 

As aglomeracións de máis de 2.000 habitantes debían contar con saneamento antes de 2006 pero algunhas seguen sen cumprir

A denuncia que agora formula a Comisión Europea contra España ante o Tribunal da UE, decidida o 29 abril, sinala que das 114 aglomeracións, en 15 non se cumpre a obriga máis básica de recollida das augas. En 39 non se garante o tratamento secundario ou non se cumpren os requisitos de tratamento para verteduras que van parar a zonas normais. En 8 aglomeracións non se garante o tratamento terciario requirido para zonas sensibles. E en 52 aglomeracións non se garante o control posterior das verteduras. 

Fontes da Comisón Europea informaron a Praza.gal de que hai dúas aglomeracións galegas entre as 39 do segundo grupo, as que non garanten o tratamento secundario en zonas normais, e outras dúas entre as 52 do cuarto grupo, as que non garanten o control posterior das verteduras. Porén, rexeitan identificar as aglomeracións en cuestión.

Porcentaxe de poboación non conectada á rede de saneamento en aglomeracións de máis de 250 habitantes que contan con ela CC-BY-SA Xunta de Galicia

Esta nova causa xudicial polo insuficiente saneamento en España, incluídas varias poboacións galegas, chega despois de que a Comisión Europea abrise o procedemento de infracción hai case unha década, en outubro de 2017, e as administracións españolas non fosen quen de dar resposta adecuada ás preocupacións comunitarias para as daquela 145 aglomeracións investigadas. 

Antecedentes 

O Tribunal de Xustiza da UE xa ratificou no pasado outros incumprimentos en Galicia da directiva de saneamento, como fixo nunha sentenza en 2016 sobre a ría de Pontevedra ou cando certificou en 2011 que non se estaba a cumprir a Directiva sobre saneamento de augas en Vigo, A Coruña, Santiago, Tui, Baiona, a marxe norte da ría de Arousa, Noia, Cariño e Viveiro. Pero a Comisión pasou naqueles momentos a contentarse coas xustificacións que lle foi dando o Goberno central de que xa se estaba a traballar para mellorar a situación e foi adiando a sanción. 

Ao tempo, nos comicios europeos de 2014, o PP chegou a elevar a proposta electoral non o cumprimento da normativa senón que o seu incumprimento non implicase sancións.

Porcentaxe de poboación en cada concello que non está conectada a unha rede de saneamento e debe depender de fosas sépticas CC-BY-SA Xunta de Galicia

Finalmente, en 2018 o tribunal europeo decidiu impoñer unha multa inicial de 12 millóns e sucesivas multas coercitivas mentres non se resolvesen problemas aínda pendentes. Por estas sancións ata 2020 España xa levaba desembolsados 32 millóns de euros. 

Vigo non contou con depuradora capaz de tratar todos os seus residuos ata 2018 e en Santiago está a construírse agora, o que xa provocou unha condena en 2011 con multas para Xunta e Estado

Nese ano o Estado considerou que el era o responsable da demora no saneamento de Santiago, onde aínda agora se está a construír unha nova depuradora, e asumiu os 1,6 millóns de multa atribuídos ás eivas compostelás. Pero atribuíu á Xunta as demoras no saneamento de Vigo (non contou con depuradora capaz de tratar todos os seus residuos ata 2018) e Ribeira, remitíndolle as multas por 3,7 millóns e 300.000 euros respectivamente. A Xunta, á súa vez, tentou derivar as multas aos concellos, pero finalmente o Tribunal Supremo estableceu en 2022 que era o Goberno galego o que debía facerse cargo da sanción de Santiago e Ribeira. 

Á marxe das sancións comunitarias, a propia Xunta admite que por todo o país segue habendo fosas sépticas sen control e sumidoiros que verten sen depurar, mentres que das 794 masas de auga en que está dividido o territorio o 7,7% ten deficiente estado ecolóxico e o 2% químico.  

Masas de auga con tratamento deficiente das verteduras segundo o volume de habitantes equivalentes (He) dos que proceden esas verteduras CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.