O Consello de Ministros aproba para a autoestrada Santiago-Lalín rebaixas similares ás da AP-9, como a gratuidade nas viaxes de volta no mesmo día ou un 50% adicional a quen faga 20 desprazamentos ao mes
O Consello de Ministros aprobou este martes os descontos que se aplicarán na autoestrada AP-53 Santiago-Lalín, a única do Estado que ata o de agora carecía de ningún tipo de rebaixas, con concesión vixente ata 2074 e na que a Xunta, durante a presidencia de Manuel Fraga, puxo cartos para desbloquear a súa construción dependente do Goberno de España. As novas rebaixas, similares ás da AP-9, comezarán a aplicarse "esta semana", ao día seguinte da publicación no Boletín Oficial del Estado (BOE) do real decreto aprobado este martes.

Os descontos que agora se aplicarán na AP-53 son froito do pacto do BNG co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez e serán similares aos xa en vigor na AP-9. Así, os traxectos de volta que se realicen menos de 24 horas despois da ida no mesmo recorrido serán gratuítos todos os días da semana incluídos festivos. Ademais, os usuarios que realicen cando menos 20 desprazamentos ao mes pola autoestrada recibirán unha bonificación adicional do 50% do importe de todos os recorridos realizados ese mes. Estes descontos serán aplicados só a quen empregue o sistema de telepeaxe, mentres que os vehículos pesados terán desconto do 50% en todos os recorridos calquera día e con independencia do sistema de pagamento.
Segundo o ministerio, con estes descontos un vehículo lixeiro que faga viaxes de ida e volta entre Ourense e Santiago sete días á semana aforrará 315 euros, mentres que se fai viaxes catro veces por semana aforrará 168 euros ao mes.
O ministerio tamén informa de que estes descontos suporán un custo estimado para as arcas públicas de 885 millóns de euros ata o final da concesión da autoestrada en 2074. En 2021, cando se aplicaron rebaixas similares na AP-9, o ministerio cifrara en 2.300 millóns os comprometidos nesa autoestrada ata a fin da concesión en 2048, cifra que debeu quedar superada ao aumentarse novamente as rebaixas a comezos deste ano. Fronte a estas cifras elevadas, o ministerio mantén que non é viable rescatar a concesión das autoestradas.