A poxa dos bens do Pazo de Meirás que vende a familia Franco, que se celebra entre o pasado mércores e o xoves, multiplica xa a recadación dos herdeiros do ditador, que fan caixa cos case 700 lotes (689) que saca á venda a casa Magna Arta Auctions en Madrid.
A recadación no primeiro día da poxa dun terzo dos bens superou xa o prezo de saída de todos os lotes que teñen previsto vender os Franco
No primeiro día, con pouco máis dun terzo dos lotes vendidos, a familia de Franco superara o importe total do prezo de saída de todos os bens. En poucas horas recadaron bastante máis de 200.000 euros, cantidade á que hai que restar a comisión para a empresa encargada dunha poxa que esta compañía define como "especial e única, desas que se producen poucas veces".
"Está sendo unha poxa dun éxito moi grande", recoñece o director de Magna Art Auctions, José Miguel Carrillo de Albornoz, que advirte de que na primeira xornada só se venderon os primeiros 250 lotes, polo que aínda quedan 439.
Unha xerra en cerámica de Talavera, cun prezo de saída de 350 euros, foi vendida por 10.000; un óleo do Pazo de Meirás, de 50, alcanzou os 6.000
O prezo de saída de todos eles, dos case 700, era de 207.000 euros, pero a recadación, con pouco máis dun terzo vendidos, xa superara amplamente esa cantidade, aínda que desde a empresa encargada néganse a detallar as cantidades. "Nin está calculado aínda, nin se pode airear en prensa, iso son datos confidenciais", xustifica Carrillo de Albornoz en conversa con Praza.gal.
Abonda con acceder á web da casa de poxas para advertir do importante beneficio para a familia Franco. O máis caro dos produtos vendidos foi unha xerra en cerámica esmaltada de Talavera de la Reina do século XVII vendida por 10.000 euros e que tiña un prezo de saída de 350. Un tapiz co escudo franquista que saía en 850 foi vendido en 9.000 euros e dous floreiros chineses por 7.000. Un pequeno óleo do Pazo de Meirás realizado pola condesa de Morata de Jalón, con dedicatoria a Carmen Franco, tiña un prezo de 60 euros e foi vendido por 6.000. Un retrato do ditador coa muller e afilla pasou dos 80 aos 2.250 euros.
Os dez lotes vendidos a maior prezo sumaron 61.500 euros de recadación cando o prezo de saída total deles era de pouco máis de 20.000. Máis do triplo. Un cálculo aproximado dos lotes vendidos no primeiro día de poxa eleva a cifra a bastante máis de 200.000 euros.
"Espolio"
Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña criticouse que a familia Franco puidese vender e sacar beneficio destes bens e dirixiuse formalmente, sen éxito, tanto á Delegación do Goberno de España en Galicia como á Consellería de Cultura para que actuasen para evitar a poxa.
A polémica vén de longo, polo menos desde que o pasado mes de xullo os Franco retiraran os obxectos do Pazo de Meirás, unha operación que a CRMH cualificara de "espolio". A entidade mantén que os obxectos sacados e agora postos á venda van "máis aló de bens persoais da familia do ditador" e, en gran parte, hai pezas de carácter público ou que xa estaban vinculadas ao inmoble antes de que fose utilizado pola familia Franco.
A CRMH advirte de que moitos dos bens poxados van "máis aló de obxectos persoais" e inclúen pezas de carácter público ou vinculados ao Pazo antes de que este fose utilizado polos Franco
De aí que desde a CRMH se reclamase unha inspección ao detalle de obxectos nos que, no catálogo da poxa, se describen as características artísticas e históricas pero non datos que permitan certificar a cadea completa da propiedade.
Nun comunicado feito público este mércores, a CRMH da Coruña considera "un espectáculo lamentábel e inmoral a poxa de bens mobles que teñen como beneficiarios aos herdeiros do ditador Franco". Para a entidade, esta poxa "evidencia un proceso no que o Estado e Xunta non defenderon como deben estes bens
"Decidiuse, lamentablemente, non atender tamén as reivindicacións da CRMH para que as administracións competentes realizasen as actuacións de inspección necesarias, e no caso de atopar bens do dominio público, impedisen o alleamento destes bens".
Neste sentido, a CRMH lembra que "con independencia de que figurasen ou non en inventarios, os bens de dominio público son imprescritíbeis e inalleábeis".
"A poxa é un espectáculo lamentable e inmoral", denuncia a CRMH da Coruña
Entre os centos de persoas que acoden á poxa, coleccionistas pero tamén persoas que declararon abertamente a súa admiración ao ditador Franco e a súa intención de poxar por bens para gardar un recordo da súa figura ou do réxime fascista. "Vengo por el cariño y el respecto que le tenía al generalísimo Franco", declaraba unha das compradoras á Cadena SER.